Arquivos mensuais: Xuño 2012

A literatura infantil é algo máis que conto !

Na sesión inagural do curso. As/os representantes das entidades organizadoras

“Literatura infantil, algo máis que conto”, era a temática sobre a que versaba  o VI curso de verán de educación infantil da Mariña que se desenvolveu os días 22, 23 e 24 de xuño no Cine- Teatro.

Unhas 20 horas intensas pero que mereceron a pena. O venres a tarde comenzamos co escritor e mestre, Xavier P. Docampo, quén nos falou da tradición oral, do valor da súa transmisión como a primeira expresión literaria que viven as nenas e nenos, das emocións que a acompañan.

Despois rematamos a tarde do venres co artista plástico e  ilustrador  infanitl Pablo Otero “Peixe”, quén nos explicou o proceso que fai para chegar a crear as ilustracións para un conto.

O sábado  comenzamos cun roteiro literario por Ribadeo guiado por Suso F. Acevedo e Toni Deaño, profesores de Secundaria do IES Dionisio Gamallo Fierros e grandes coñecedores da historia literaria da vila. Un paseo polas letras que  nos levou ás figuras do escritor X. Rodríguez Baixeras, do xornaliste e tamén escritor Francisco Lanza, do filósofo Alfredo Deaño, do ilustrador Suso peña, do autor teatral Daniel Cortezón, da escritora ribadense Luz Pozo e de Rosalía de Castro que ten adicada unha rúa. Tamén pasamos pola rúa de Sarmiento, do Viejo Pancho, dos filólogo Dámaso Alonso e Dionisio Gamallos Fierros.

E despois Manuela Rodríguez e Ana Abelenda colaboradoras da Editorial Kalandraka nos falaron da animación á lectura en educación infantil, qué tipos de libros eran recomendables segundo as idades,tamén das técnica ou pasos a dar para contar un conto… e nos deixaron estaBibliografía VI curso temático 2012 sobre a temática.E pechamos o día coa presenza do contacontos e poeta Celso Fernández que nos despediu cuns contos de non parar de rir, non sen antes soprendernos coa bonita experiencia que levaron a cabo coa infancia e a terceira idade en  Lalín.

O domingo contamos con Fernando Sueiro, mestre que nos falou de temas importantes para o desenvolvemento natural das crianzas, da vida cotiá, dos ritmos e tempos dos pequenos e das diferentes investigación ou estudos neste campo. Logo, Carlos Yus,  profesor e membro da compañía Migallas Teatro disertou sobre os ditos infantis ensinándonos a páxina web Orellapendella que recolle ditos e xogos tradicionais das diferentes zonas.

E xa na tarde do domingo estivemos con Mª Inés Cuadrado, dramaturga e directora teatral coa que traballamos a posta en escea das personaxes nos contos, tons de voz, etc .  Agasallounos cun par de contos  cos que demos fin ao curso.

Darvos as grazas a todas as persoas que asistichedes ao curso, pola vosa participación e esforzo, as relatoras/es que se desprazaron até Ribadeo para compartir as  súas experiencias e ao director do curso, Suso Ferreiro polo seu tempo e adicación para que tod@s lle saquemos proveito ao  curso .

Porque foron uns días de conto, de resgate dos nosos contos, dos nosos ditos, de contar e deconstruir contos porque a literatura infantil é algo máis que conto!!

Ribadeo acollerá unha xornada para visibilizar o papel da muller na música

Son de mulleres. Respostas á invisibilidade da muller na música

O  vindeiro 13 de xullo terá lugar en Ribadeo, no Salón de  actos da Casa do Mar  a xornada “Son de mulleres. Respostas á invisibilidade da muller na música” coa que se pretende potenciar cambios de actitudes que axuden na procura da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes na arte.

Esta actividade nace froito da colaboración entre a asociación cultural Musiqueando, o Centro de Información ás Mulleres de Ribadeo, a Vicepresidencia Primeira da Deputación Provincial, a EMMeD de Ribadeo, a asociación Amadores da Música e o Observatorio da Mariña pola Igualdade.

Ao longo da historia da música o esquecemento e o descoñecemento sobre as mulleres compositoras ou intérpretes foi constante e mantense vivo aínda na actualidade. Xa que logo, a partires do recoñecemento das causas e consecuencias desa invisibilidade, o que se pretende é realizar unha aproximación á produción musical sen exclusión de xénero e ofertar modelos femininos positivos que estimulen a participación doutras mulleres na música e na danza.

Relatoras que participarán na xornada

A xornada comezará cun relatorio da compositora e integrante do consello do Instituto de Investigacións Feministas da Universidade Complutense de Madrid, Mercedes Zavala Gironés no que realizará unha aproximación histórica á invisibilización da muller no eido musical. De seguido, Ugia Pedreira, Maria Xosé Silvar “Sés” e a “txistulari” Idoia Kareaga abordarán a cal foi e segue sendo o papel das mulleres na recuperación e mantemento da música tradicional tanto en Galicia coma en Euskadi. Para rematar a mañá sumaranse ao coloquio o grupo chairego Irimia Cantareiras e máis as integrantes do grupo local Alesancia para debatir arredor da situación das mulleres e a música neste tempo.

Xa pola tarde realizarase un acto de recoñecemento ás “Meniñas de Saudade” e proxectarase o documental de María Acuña, Saudade e retrato en si bemol no que se achega á histora das Meniñas de Saudade.

Para pechar a xornada, ás 21.00 horas no Cine-Teatro, celebrarase un concerto no que actuarán a Banda Municipal de Ribadeo, o grupo Alesancia, Irimia Cantareiras, María Xosé Silvar “Sés” e máis Ugia Pedreira.

E tamén  haberá  Obradoiros

Ao tempo que se desenvolve a xornada terán lugar dous talleres gratuítos na EMMeD de Ribadeo. O primeiro deles, un obradoiro de danza, será impartido na tarde do xoves 12 e máis o venres 13 por Branca Novoneyra e está dirixido a alumnas e alumnos de danza e ballet de entre 8 e 12 anos. O segundo, aberto ao público en xeral, terá lugar na tarde do venres, ás 16.00 horas, será impartido por Olga Nogueira baixo o título “Percorrido pola música galega”.

Tanto as xornadas coma os obradoiros son gratuítos pero cómpre inscribirse na EMMeD de Ribadeo ou no Centro de Información ás Mulleres ou ben chamando aos teléfonos 982.130.856 ou 982.120.73.

Falando con Suso Ferreiro, director dos cursos de educación infantil da Mariña

Hoxe comenzamos un novo apartado no Ribadeomuller. Estamos sempre a experimentar, así que imos lanzarnos  e  iniciar un serial  de  entrevistas, co obxecto sempre de facer máis lexibel a información e de achegarvos ás iniciativas e as persoas que están tras elas.

Falamos con Suso Ferreiro, director e impulsor dos cursos de verán temáticos de educación infantil da Mariña.

Licenciado en Psicopedagoxía e con estudos predoutorais en xogo infantil e animación sociocultural na infancia, tema este último que constitúe o seu proxecto investigación de doutoramento. Está destinado no IES Gamallo Fierros  desde o ano 2002, como profesor técnico de Servizos á Comunidade ata o ano 2007 e, desde entón, de educación secundaria da especialidade de Intervención Sociocomunitaria.Ten impartido cursos sobre educación infantil, formación profesional e orientación laboral para distintas entidades,  dirixidos a estudantes, parados e educadores e educadoras de todos os niveis educativos.

 Levas ás costas seis edicións do curso temático de educación infantil da Mariña. Como xurde esta iniciativa?

A iniciativa xurde pola dificultade que hai na Mariña para formarse, máis aló de estudos regrados , en relación coa educación infantil. Foi unha idea que propuxen e barallamos no Departamento de Servizos Socioculturais e á Comunidade do IES cunha compañeira. Para darlle máis pulo e posibilidades respecto da certificación de horas embarcámonos coa Universidade da Coruña a través da coorganización coa profesora Mariló Candedo, da Facultade de Ciencias da Educación e resultou moi positiva a experiencia e a asistencia

Neste curso consíguense niveis de asistencia que chegan a triplicar o de calquer outro curso de verán. Máis de 100 persoas, algo que resulta excepcional. Ten esto algunha explicación?

A explicación, en boa medida, está relacionada con dúas cuestións, por unha banda a dificultade antedita e pola outra, con que no IES Gamallo Fierros se vén impartindo un Ciclo Formativo de Grao superior en Educación Infantil, o que conleva que hai  na Mariña e no Occidente asturiano unha porcentaxe elevada de profesinais técnicas en educación infantil formadas nas nosas aulas e que precisan de formación continua. As persoas queren propostas e están con gañas de formar

A simple vista, dá a sensación que o colectivo que traballa na etapa infantil ten poucos recursos formativos adaptados  ás súas necesidades. Como valoras  a oferta formativa dirixida  as e os profesionais de infantil?

A oferta mellorou moito nos últimos anos, sobre todo a dirixida ao primeiro ciclo, 0-3 anos. Entidades como a ASPG ou administración, a través do Consocio Galego de Igualdade e Benestar fixo unha aposta importante fai algúns anos, aínda que é claramente insuficiente nestes últimos, e máis na Mariña.

A crise está a afectarvos? Consideras que acarrea consecuencias na calidade das escolas infantís e do segundo ciclo da etapa de infantil nos colexios?

A crise está arrasando con todo, ou máis ben, co pretexto da crise estase arrasando con todo o que teña que ver coa educación pública e cos servizos de coidado e atención aos dous extremos máis dependentes da poboación, infancia e vellez. Houbo un momento, fai catro anos aproximadamente, donde daba a sensación de que se ía producir unha expansión do campo do social, froito da “lei da dependencia” e doutras que se estaban a debater. Eso acabouse e tardaremos anos en voltar aos niveis de protección social vividos. Unha das grandes mentiras da época que nos toca vivir consiste en afirmar que se fai máis con menos. Se polo menos se fixera o mesmo con menos xa nos daríamos por satisfeitos, pero nin eso. Agora é pronto para valorar o alcance das consecuencias, pero nun par de anos teremos datos dabondo para podelo facer, porque ata o de agora boa parte do sistema estaba aguantando co que había. Cando a escaseza de recursos comece a ser notoria, derivando en dinámicas de traballo unicamente asistencial, darémonos conta desto en toda a súa crueza.

Cada ano sorpréndesnos cunha temática nova, diferente e na que cada ano o nivel das e dos relatores/as se supera. Utilizas algún criterio para elixir a temática?

Eu non falaría de sorpresa, se non de ir paseniñamente abordando temas arredor da infancia, da súa situación, da súa educación, da súa consideración social, da súa presenza nesta sociedade deseñada e gobernada por adultos en tempos e espazos. É boa verdade que os relatores e relatoras que conseguimos traer a Ribadeo son profesionais acreditados da educación infantil ou que investigan sobre a infancia e que teñen xa un recoñecemento no seu ámbito, mesmo aínda que non sexa da educación. Digo esto porque hai moitos e moitas que quero que veñan a Ribadeo e que non o consigo ou ben porque os recursos son os que son ou ben porque non gustan de falar ou disertar ante auditorios ou ben ante adultos ou mesmo polas axendas. Lembro o caso do estimado profesor da Universidade de Santiago, Herminio Barreiro, que empeorou durante a xestación do curso  de 2010 e non puido achegarse a Ribadeo e faleceu en outono.

O que si teño claro é que, para propoñerlles vir ao curso, ou ben teño boas referencias deles ou fun a cursos que eles impartían ou me deron clase. É o único criterio que sigo para pechar programa, a súa profesionalidade.

  A finais de xuño, os días 22, 23 e 24 terá lugar a VI edición do curso temático de verán de educación infantil. Este ano céntrase na literatura infantil, sendo un eido no que editoriais galegas teñen adquirido recoñecementos a nivel internacional, que pode aportarnos  este  ano o curso ?

Pois a idea é que aporte unha panorámica a profesionais da educación arredor da literatura infantil , da imaxe como precursora na ruta que fai a crianza de cara á lectura e que logo deriva neso que chamamos un bo manexo da ruta lecto-escritora. Este bo manexo logo gabámolo ou laiámonos en primaria e secundaria. Pero antes deso temos a oralidade, as cancións do berce, as retahilas, os pareados. En resumo, a tradición oral. Polo tanto temos a tradición que nos trouxo ata os nosos días a maior parte da literatura, incluso despois da imprenta, que algúns recolleron e deturparon ou adaptaron ao canon da época. Logo temos a imaxe acompañante do texto, o álbum ou simplemente a imaxe como contedor de contido. Engadido a estes relatorios temos un que nos falará da recolla e conservación da tradición e outros dous máis prácticos como son a abordaxe de técnicas e estratexias para traballar literatura infantil, para contar, para lerlles aos nenos e nenas, para dinamizar. Neste caso son profesionais da educación infantil e colaboradoras da editorial Kalandraka –todo un referente en literatura infantil- e unha dramaturga e contadora con moito recorrido profesional no campo este. Ademais teremos unha proposta que recolle unha experiencia sobre a abordaxe interxeracional neste sentido, coa infancia e vellez. Todo isto completarémolo cun paseo polo Ribadeo literario, guiado por un profesor do noso IES, seguindo o roteiro dos máis relevantes, que teñen ou tiveron relación con esta vila, incluido o último homenaxeado, Baixeras. Creo que vai resultar proveitoso para quen traballe con crianzas e mesmo para o público xeral.

Máis de 200.000 mulleres traballan a tempo parcial para poder coidar a persoas dependentes.

Segundo a Enquisa de Poboación Activa (EPA) as mulleres suplen a falla de servizos públicos acaídos.

Máis de 200 mil mulleres traballaban a tempo parcial o ano  pasado para poder coidar a persoas dependentes ante a escasez de  servicios acaídos e asequibles económicamente para os  seus familiares ou  a imposibilidade  de costealos, según las variables de submuestra de la Encuesta de Población Activa (EPA) difundidas este luns polo  Instituto Nacional de Estatística.

Un total de 359.500 personas traballaron a tempo parcial no 2011 co obxecto de dispor de tempo para poder coidar a persoas que non se podían valer por sí mesmas, un 0,6 por cento menos que no ano anterior. A práctica totalidade das persoas eran mulleres.

Según o INE, un 55,9 por cento  desas mulleres considera que non hai “servicios acaídos ás persoas dependentes”  e de existires non poden costealos.

Na actualidade, 176.529 persoas sen cualificación profesional exercen de cuidador@s dos seus  familiares e 163.534 son mulleres, según os últimos datos disponibles do  convenio especial de cuidadores/as  non profesionales de persoas en situación de dependencia que publica o IMSERSO.

O  45,33% das persoas en situación de dependencia que se encontran actualmente no sistema están recibindo unha prestación económica por ser atendidas no seu fogar polos familiares  no canto de ter asistencia especializada.

Destos datos despréndese asimesmo que das personas coidadoras non profesionais, 78.185 teñen menos de 50 anos, frente a un total de 98.344 que xa os cumpriron. De feito, 39.292 persoas que están coidando de xente que non poden valerse por si mesma, teñen xa máis de 60 anos de idade.

O traballo dos coidads non se cuantifica economicamente. Non se fala del, porque non é un traballo mercantilizado. Máis a súa aportación ao PIB como ven sinalando desde hai anos investigadoras como Mª Ángeles Durán representa  arredor do 11%.

 

A nosa mini- biblioteca de curtas. Tecendo a Igualdade ano tras ano.

 

Fumos facendo, ou tecendo ano tras ano como dirían as nosas avoas. Tecendo igualdade. Tecendo novas formas de descubrir a Igualdade. Fiando en  novas convencións de traballar a igualdade. Enramando  palabras, frases,  construccións que deran forma a un guión.  Cruzando novos terreos ou fronteiras descoñecidas  para nós. Experimentando coas cámaras, coas  expresións. Sorprendéndonos con compañeiras e compañeiros.  Descubrindo outras facetas das profas e profes.

Esforzándonos, divertíndonos, para chegar a poder contemplar o resultado final, a nosa obra:    curta. Unha curta feita por eles e elas, o alumnado, o profesorado, veciñas e veciños, e todas aquelas persoas que colaboran ano tras ano. E así imos confeccionando a nosa bilbioteca, polo de agora mini biblioteca de curtas pola  igualdade. Curtas con temáticas diferentes, corresponsabilidade, violencia de xénero, roles e estereotipos… pero sempre coa procura de achegarmós á xente moza polos camiños da Igualdade de xénero.

As curtas podedes velas na rede:

Os tempos cambian as persoas tamén, marzo 2012 :

A Xenia do fútbol e a arte de Fabio, marzo 2011.

A princesa que quería ser muller, marzo 2010

Estas curtas foron realizadas no marco da campaña de  “un futuro por compartir en igualdade” promovida pola Concellaría de Igualdade de Ribadeo, e maís o CIM e a OMIX  que se desenvolve todos os anos desde o ano 2005.