Arquivo por etiquetas: participación

Desde o Centro de Información ás Mulleres de Ribadeo estáse a traballar con Sonda Norte nun proxecto coeducativo que rematará coa gravación dun LIPDUB.

Desde o  Centro de Información ás Mulleres de Ribadeo estáse a traballar con Sonda Norte  nun proxecto coeducativo que rematará coa gravación dun LIPDUB.

Xa vén sendo habitual que desde o Centro de Información ás Mulleres de Ribadeo se promovan todo tipo de proxectos educativos coa mocidade alén das fronteiras do cotián. Aínda non ben rematada a gravación da curta produto do III Concurso de guións cinematográficos, o CIM embárcase noutro proxecto, desta vez en colaboración coas concellarías de Cultura e Mocidade e coa plataforma SONDA NORTE, que fai uns días presentou a súa identidade visual e a programación a desenvolver no 2012.

 Esta actividade pretende ser un lugar de encontro entre as creadoras e creadores locais e a mocidade a través do desenvolvemento dun programa que vai desde a formación na composición de letras non sexistas ata a posta en escena e posterior gravación dun LIPDUB, unha especie de video musical gravado nun plano secuencia no que as persoas participantes cantan en playback . O proxecto recollerá tamén a convocatoria dun certame entre os grupos de Ribadeo para poñerlle música á letra resultante do proceso de formación así como o  deseño dunha coreografía axeitada tanto á letra como á localización da gravación.

Os obxectivos principais desta proposta pasan por promover o emprego do galego nas letras das cancións, sensibilizar á mocidade sobre a igualdade de xénero e a importancia da súa transmisión no ámbito cultural así como por estimular fórmulas de participación e colaboración nas que o Concello de Ribadeo xa é un referente.

Manterémosvos informados/as ao longo dos vindeiros  meses. E por suposta, estades a tempo de unirvos  a iniciativa e participar.

 Na xuntanza valorando o proxecto coa xente moza.

Advertisements

A exposición “Elas ensinan” chega a Ribadeo

A Oficina de Turismo de Ribadeo acolle ao longo desta última quincena de xuño a exposición Elas ensinan, cedida pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia. Na mostra recóllese a historia de 18 mestras galegas cun interese común: achegar a educación ás xeracións mozas, ás que serviron como modelo profesional e vital.

Mulleres que viviron na Galicia de finais do século XIX e comezos do XX, loitadoras e decididas, que foron quen de facer fronte ás dificuldades sociais e económicas do momento na procura de novos métodos pedagóxicos para mellorar a educación do seu alumnado. Elas foron quen de erguer, naquel contexto difícil, os piares sobre os que  se asentaría no futuro unha participación feminina máis ampla na educación superior e máis no mercado laboral.

A exposición que estes días se pode ver en Ribadeo non só centra a súa atención nas 18 mulleres seleccionadas, das que se dá a coñecer unha mostra da súa vida e o seu traballo. Alén desta información tamén se pode atopar unha completa base de datos que permite coñecer a biografía de moitas mulleres mestras, co obxectivo de que aquelas persoas interesadas conten cun espazo no que acceder á información sobre unha persoa en concreto ou mesmo sobre as mestras que desenvolveron a súa actividade nun concello determinado.

A mostra estará aberta na Oficina de Turismo entre os días 15 e 30 de xuño no seguinte horario:

De luns a venres: 09.30 horas – 14.00 horas e de 16.00 horas a 19.00 horas

Sábado e domingo: 10.30 horas – 14.00 horas e de 17.00 horas a 19.00 horas