Arquivo por etiquetas: teito de cristal

Falamos con Teresa Rodríguez, unha das integrantes máis novas de ” Meniñas da Saudade”

Grupo Saudade foto entrevista

Nesta semana tan intensa por mor do  Día Internacional das Mulleres, queremos entrevistar a unha das integrantes de ” Meniñas da Saudade”. Foi a  primeira formación de gaiteiras exclusivamente feminina  na Galiza e no Estado español formada nos anos 60  e que acadou enorme transcedencia alá por onde ía. Mañán,  8 de marzo, daráselle o seu nome a unha rúa ribadense. Ás 19.40 h será o descubrimento da praca, na que moitas das homenaxeadas estarán presentes.

Falamos  con Teresa Rodríguez, unha das integrantes máis novas de ” Meniñas da Saudade”

Teresa RodriguezTeresa Rodríguez comezou a tocar a gaita aos 12 anos e foi integrante de “Saudade” dende os comezos da formación ata os cinco anos que durou aproximadamente.

A que anos comezaches a tocar a gaita?E cándo ou como se produce a túa integración na banda de gaiteiras “Meniñas de Saudade”?

De rapaza participaba nas obras de teatro que Don Amando Couto promovía para recadar fondos para o Asilo de Ribadeo. En ditos ensaios propúxome formar, xunto con parte das rapazas que realizabamos as “comedias”, un grupo de gaitas. Así foi como xorde o meu achegamento a este instrumento aos 12 anos.

Unha das trabas que nos impiden ás mulleres aceder en igualdade de condicións ao ámbito público e o papel que nos foi asignado historicamente restrinxido  ao fogar,  ao ámbito privado. Meniñas da Saudade comeza a ter unha proxección pública e demandan a súa actuación en diferentes lugares do país e da nosa contorna. Todo isto, choca coas normas dos anos 60, mulleres, mozas e con proxección pública. Qué supuxo para ti poder sair da casa tan xoven para tocar frente a un público ?

A día de hoxe, unha pode entender “Saudade” como unha ferramenta de empoderamento da muller e do noso folckore, pero naquel momento o único que nos movía, como rapaciñas que eramos, era a diversión que supoñía reunirnos, a ilusión que provoca a música, a satisfacción de ver ao público entusiasmado, poder viaxar,…

Por aqueles anos non debía ser moi común ver a mulleres formar parte dunha formación musical, e moito menos que o seu conxunto fose integramente feminino. Seguramente vós daquela non erades conscientes deste feito??  Que vos decía  a xente ?

A verdade é que eramos conscientes, de feito foron os irmáns Suarez Couto quen no momento de formar este grupo nos comentaron a súa idea de que a formación fose integramente de mulleres. O que realmente nos impactou foi o acollemento tan apoteósico que tivemos. Ningunha de nós se imaxinaba a trascendencia que “Saudade” tería, xa dende o mesmo momento da súa presentación. A pena foi que esta proxección non continuase e que a duración do grupo non se alongase moito máis alá no tempo.

 Podes contarnos algunha  anécdota  dos viaxes  ou dunha   actuación??

Anécdotas hai moitas, pero o paso do tempo fai algún que outro estrago. Era moi satisfactorio que músicos de diferentes lugares aos que iamos se interesaran en tocar con nós, que para eles fose algo moi especial, como foi o caso da Banda de Música de Celanova. Recordo tamén unha actuación na que, os rapaces novos do lugar, escondéronse debaixo do escenario e entre as tablas do mesmo meteron un pau para intentar levantarnos os pés. O que non imaxinaron eles e que, unha das integrantes do grupo recoñeceu a un deles e, ao baixar do escenario, usaría a súa gaita a modo de vara.

Co paso dos anos como valoras esta experiencia ?

Xa sin o paso do tempo, esta experiencia marcounos dende os seus comezos. Son moitos os recordos agradables que acompañan “Saudade” e grandes amistades as que se crearon.

Sigues tocando a gaita ?? Tocas nas reunións familiares  ou só para ti ??

Pois a verdade é que a día de hoxe non toco moito, toco pero non coa constancia daqueles tempos; un vai perdendo dedos a medida que non practica. Pero gosto moito de tocar coa familia. As nosas xuntanzas son moi musicais, todo o mundo participa.

Hoxe en día no panorama musical galego están destacando moitas mulleres e tamén algunhas gaiteiras que ou ben tocan en solitario como Susana Seivane, Mercedes Peón, Cristina Pato ou con algún grupo como Guadi Galego no seu día  con Berrogueto. Gostas de escoitar esa música??

Gústame, aínda que, tal vez, me agrada moito máis a música tradicional galega e non tanto a música contemporánea de raíz folcklórica, aínda que escoito moitos estilos de música.

 

Os soldos das mulleres seguen sendo inferiores aos dos homes

O salario das mulleres en Galicia mantense un 23,1% por debaixo do que perciben os homes o que en termos absolutos significa arredor de 4.700 euros menos cada ano. O 33,5% das mulleres perciben ingresos iguais ou menores có salario mínimo interprofesional mentres que no caso dos homes esta porcentaxe baixa até o 21,2%. Son datos que fai públicos un informe do sindicato UGT-Galicia co gallo do Día Internacional pola igualdade salarial que se celebra este martes 22 de febreiro.

O informe apunta tamén algunha das causas que provocan esta evidente desigualdade: as mulleres ocupan postos de menor valor engadido, con contratos precarios, cunha elevada taxa de temporalidade (no cuarto trimestre de 2010 chegaba ao 28,8% no caso feminino mentres que a porcentaxe de temporalidade masculina se situaba no 22%) e incluso a igual traballo mantense a diferenza salarial.

Á luz destes datos aparece de novo o teito de cristal. A muller só ocupa o 3,7% dos cargos de responsabilidade e tan só forma parte do 4,6% dos consellos de administración das 300 empresas máis importantes do Estado español.

As desigualdades no mercado laboral trasládanse ás contías das pensións. Malia que cada vez son máis as mulleres que se incorporan ao mercado de traballo só un 45% delas, no conxunto do Estado, conta cunha pensión mentres que a porcentaxe masculina chega ao 80%. En Galicia a contía das pensións que perciben as mulleres é, de media, un 26,1% inferior á dos homes.

O Centro de Información ás Mulleres (CIM) de Ribadeo chama ao esforzo conxunto, entre todos os axentes políticos e sociais así coma a sociedade civil, para reclamar e traballar en prol da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes en todos os eidos da vida e durante todos os días do ano.

Un desenvolvemento eivado. Desigualdades da muller na I+D+i

A desigualdade entre mulleres e homes tamén é unha realidade no eido do desenvolvemento tecnolóxico en Galicia. Así o constata un estudo da área de igualdade da Unidade de Muller e Ciencia de Galicia no que se evidencia que os homes  ocupan os postos máis relevantes, contan con mellores salarios, non precisan dun nivel de formación tan elevado para acceder aos postos de maior responsabilidade e o seu traballo conta cunha maior valoración social e unha maior importancia a nivel económico. No estudo tamén se evidencia que estas desigualdades non son percibidas polas persoas que traballan no sector da innovación, o desenvolvemento e a investigación.

A maior parte das mulleres que desenvolven as súas tarefas neste eido están satisfeitas co seu traballo, chegando a valoralo cun notábel alto. Din da súa profesión que fomenta a creatividade, o dinamismo, o traballo en equipo ou a relación con outras persoas. Poucas identifican as desigualdades ou discriminacións de xénero que se producen.

Unha das conclusións deste estudo é a discriminación horizontal que se detecta coa muller relegada a determinadas disciplinas que semellan unha prolongación do rol de coidado que tradicionalmente o patriarcado lle outorgou á muller. Isto dá lugar a carreiras e traballos feminizados, sobre todo nas áreas das ciencias sociais e xurídicas, humanidades ou ciencias da saúde con máis dun 60% de presenza feminina.

O resto do estudo pode atoparse no seguinte enlace: http://igualdade.xunta.es/node/892