Arquivo por etiquetas: educación

Infancia e xogo será a temática sobre a que xirará a sétima edición do curso temático sobre educación infantil da Mariña.

 

cartel 2013Xa podedes matricularvos na VII curso temático sobre educación infantil da Mariña. Terá lugar o sábado 29 e domingo 30 de xuño. A temática sobre a que versará este ano : infancia e xogo: xogar para xogar, xogar para aprender. Este curso que dirixe Xesús Ferreiro Núñez leva organizándose desde o ano 2006, froito da colaboración  entre o antigo IES Gamallo Fierros e  nesta edición co Centro Integrado de Formación Profesional Porta da Auga de Ribadeo, ademais da Universidade da Coruña e a Concellaría de Igualdade, Educación e Cultura do Concello de Ribadeo.

 Haberá interesantes relatorios nos que se  disertará da función e sentido do xogo e xoguete tradicional, dos sons do xogo e os xogos do son, do xogo simbólico como necesidade de representar a realidade, do xogo e o xénero como mirara necesaria. Tamén  poderemos ver iniciativas concretas e prácticas como a experiencia de recuperación do patrimonio lúdico como referente educativo exemplificado no CEIP da Capela, cómo se organiza a realidade: heurística, lóxica e matemática na primeira infancia, o último número da Revista Galega de Educación que versa exclusivamente sobre a educación infantil  e un obradoiro de construcción de xoguetes e enredos con materiais da natureza. Contaremos tamén con algúns momentos máis lúdicos pero non menos interesantes, como a proxección didáctica de peche do sábado con cine mudo con música en directo e coa actuación do grupo de percusión da Escola Municipal de Música e Danza de Ribadeo o domingo ao serán.

A matrícula realizárase exclusivamente a través da web da UDC : http://www.udc.es/occ . Expediráse certificado acreditativo pola Universidade da Coruña.

Datos adjuntos sin título 00110

Datos adjuntos sin título 00107

A andaina polas redes comenza en Ove, proba e sumérxete nas redes!

Sumerxíndonos nas redes

Comezamos un curso para achegar ás mulleres nas novas tecnoloxías, para que lle perdan o medo á informática e podan comprobar a súa virtualidade e a súa utilidade práctica para o día a día. É preciso que as mulleres  teñan presenza, estean, forme parte das novas tecnoloxías da información e a comunicación para acadar a súa igualdade social.  

Este curso terá lugar todos os mércores do mes de novembro  e os días 5 e 12 de decembro . Son un total de 14 horas nas que se fará  un percorrido introdutorio sobre o ordenador e periféricos, para despois iniciarse nos coñecementos básicos da rede, desde os usos (búsqueda de información, solicitude da vez para o centro de sáude, …)até a creación dun correo electrónico, perfil nas redes sociais, etc.

Levárase a cabo con carácter pioneiro e experimental na parroquia de Ove  para ver o funcionamento e se desperta interese entre as veciñas asistentes, iremos extendendo estes cursos a outras parroquias da vila, xa que se dispón de conexión e ordenadores en todas as escolas ou teleclubes e hai que aproveitar os recursos existentes.

 

 

A literatura infantil é algo máis que conto !

Na sesión inagural do curso. As/os representantes das entidades organizadoras

“Literatura infantil, algo máis que conto”, era a temática sobre a que versaba  o VI curso de verán de educación infantil da Mariña que se desenvolveu os días 22, 23 e 24 de xuño no Cine- Teatro.

Unhas 20 horas intensas pero que mereceron a pena. O venres a tarde comenzamos co escritor e mestre, Xavier P. Docampo, quén nos falou da tradición oral, do valor da súa transmisión como a primeira expresión literaria que viven as nenas e nenos, das emocións que a acompañan.

Despois rematamos a tarde do venres co artista plástico e  ilustrador  infanitl Pablo Otero “Peixe”, quén nos explicou o proceso que fai para chegar a crear as ilustracións para un conto.

O sábado  comenzamos cun roteiro literario por Ribadeo guiado por Suso F. Acevedo e Toni Deaño, profesores de Secundaria do IES Dionisio Gamallo Fierros e grandes coñecedores da historia literaria da vila. Un paseo polas letras que  nos levou ás figuras do escritor X. Rodríguez Baixeras, do xornaliste e tamén escritor Francisco Lanza, do filósofo Alfredo Deaño, do ilustrador Suso peña, do autor teatral Daniel Cortezón, da escritora ribadense Luz Pozo e de Rosalía de Castro que ten adicada unha rúa. Tamén pasamos pola rúa de Sarmiento, do Viejo Pancho, dos filólogo Dámaso Alonso e Dionisio Gamallos Fierros.

E despois Manuela Rodríguez e Ana Abelenda colaboradoras da Editorial Kalandraka nos falaron da animación á lectura en educación infantil, qué tipos de libros eran recomendables segundo as idades,tamén das técnica ou pasos a dar para contar un conto… e nos deixaron estaBibliografía VI curso temático 2012 sobre a temática.E pechamos o día coa presenza do contacontos e poeta Celso Fernández que nos despediu cuns contos de non parar de rir, non sen antes soprendernos coa bonita experiencia que levaron a cabo coa infancia e a terceira idade en  Lalín.

O domingo contamos con Fernando Sueiro, mestre que nos falou de temas importantes para o desenvolvemento natural das crianzas, da vida cotiá, dos ritmos e tempos dos pequenos e das diferentes investigación ou estudos neste campo. Logo, Carlos Yus,  profesor e membro da compañía Migallas Teatro disertou sobre os ditos infantis ensinándonos a páxina web Orellapendella que recolle ditos e xogos tradicionais das diferentes zonas.

E xa na tarde do domingo estivemos con Mª Inés Cuadrado, dramaturga e directora teatral coa que traballamos a posta en escea das personaxes nos contos, tons de voz, etc .  Agasallounos cun par de contos  cos que demos fin ao curso.

Darvos as grazas a todas as persoas que asistichedes ao curso, pola vosa participación e esforzo, as relatoras/es que se desprazaron até Ribadeo para compartir as  súas experiencias e ao director do curso, Suso Ferreiro polo seu tempo e adicación para que tod@s lle saquemos proveito ao  curso .

Porque foron uns días de conto, de resgate dos nosos contos, dos nosos ditos, de contar e deconstruir contos porque a literatura infantil é algo máis que conto!!

Falando con Suso Ferreiro, director dos cursos de educación infantil da Mariña

Hoxe comenzamos un novo apartado no Ribadeomuller. Estamos sempre a experimentar, así que imos lanzarnos  e  iniciar un serial  de  entrevistas, co obxecto sempre de facer máis lexibel a información e de achegarvos ás iniciativas e as persoas que están tras elas.

Falamos con Suso Ferreiro, director e impulsor dos cursos de verán temáticos de educación infantil da Mariña.

Licenciado en Psicopedagoxía e con estudos predoutorais en xogo infantil e animación sociocultural na infancia, tema este último que constitúe o seu proxecto investigación de doutoramento. Está destinado no IES Gamallo Fierros  desde o ano 2002, como profesor técnico de Servizos á Comunidade ata o ano 2007 e, desde entón, de educación secundaria da especialidade de Intervención Sociocomunitaria.Ten impartido cursos sobre educación infantil, formación profesional e orientación laboral para distintas entidades,  dirixidos a estudantes, parados e educadores e educadoras de todos os niveis educativos.

 Levas ás costas seis edicións do curso temático de educación infantil da Mariña. Como xurde esta iniciativa?

A iniciativa xurde pola dificultade que hai na Mariña para formarse, máis aló de estudos regrados , en relación coa educación infantil. Foi unha idea que propuxen e barallamos no Departamento de Servizos Socioculturais e á Comunidade do IES cunha compañeira. Para darlle máis pulo e posibilidades respecto da certificación de horas embarcámonos coa Universidade da Coruña a través da coorganización coa profesora Mariló Candedo, da Facultade de Ciencias da Educación e resultou moi positiva a experiencia e a asistencia

Neste curso consíguense niveis de asistencia que chegan a triplicar o de calquer outro curso de verán. Máis de 100 persoas, algo que resulta excepcional. Ten esto algunha explicación?

A explicación, en boa medida, está relacionada con dúas cuestións, por unha banda a dificultade antedita e pola outra, con que no IES Gamallo Fierros se vén impartindo un Ciclo Formativo de Grao superior en Educación Infantil, o que conleva que hai  na Mariña e no Occidente asturiano unha porcentaxe elevada de profesinais técnicas en educación infantil formadas nas nosas aulas e que precisan de formación continua. As persoas queren propostas e están con gañas de formar

A simple vista, dá a sensación que o colectivo que traballa na etapa infantil ten poucos recursos formativos adaptados  ás súas necesidades. Como valoras  a oferta formativa dirixida  as e os profesionais de infantil?

A oferta mellorou moito nos últimos anos, sobre todo a dirixida ao primeiro ciclo, 0-3 anos. Entidades como a ASPG ou administración, a través do Consocio Galego de Igualdade e Benestar fixo unha aposta importante fai algúns anos, aínda que é claramente insuficiente nestes últimos, e máis na Mariña.

A crise está a afectarvos? Consideras que acarrea consecuencias na calidade das escolas infantís e do segundo ciclo da etapa de infantil nos colexios?

A crise está arrasando con todo, ou máis ben, co pretexto da crise estase arrasando con todo o que teña que ver coa educación pública e cos servizos de coidado e atención aos dous extremos máis dependentes da poboación, infancia e vellez. Houbo un momento, fai catro anos aproximadamente, donde daba a sensación de que se ía producir unha expansión do campo do social, froito da “lei da dependencia” e doutras que se estaban a debater. Eso acabouse e tardaremos anos en voltar aos niveis de protección social vividos. Unha das grandes mentiras da época que nos toca vivir consiste en afirmar que se fai máis con menos. Se polo menos se fixera o mesmo con menos xa nos daríamos por satisfeitos, pero nin eso. Agora é pronto para valorar o alcance das consecuencias, pero nun par de anos teremos datos dabondo para podelo facer, porque ata o de agora boa parte do sistema estaba aguantando co que había. Cando a escaseza de recursos comece a ser notoria, derivando en dinámicas de traballo unicamente asistencial, darémonos conta desto en toda a súa crueza.

Cada ano sorpréndesnos cunha temática nova, diferente e na que cada ano o nivel das e dos relatores/as se supera. Utilizas algún criterio para elixir a temática?

Eu non falaría de sorpresa, se non de ir paseniñamente abordando temas arredor da infancia, da súa situación, da súa educación, da súa consideración social, da súa presenza nesta sociedade deseñada e gobernada por adultos en tempos e espazos. É boa verdade que os relatores e relatoras que conseguimos traer a Ribadeo son profesionais acreditados da educación infantil ou que investigan sobre a infancia e que teñen xa un recoñecemento no seu ámbito, mesmo aínda que non sexa da educación. Digo esto porque hai moitos e moitas que quero que veñan a Ribadeo e que non o consigo ou ben porque os recursos son os que son ou ben porque non gustan de falar ou disertar ante auditorios ou ben ante adultos ou mesmo polas axendas. Lembro o caso do estimado profesor da Universidade de Santiago, Herminio Barreiro, que empeorou durante a xestación do curso  de 2010 e non puido achegarse a Ribadeo e faleceu en outono.

O que si teño claro é que, para propoñerlles vir ao curso, ou ben teño boas referencias deles ou fun a cursos que eles impartían ou me deron clase. É o único criterio que sigo para pechar programa, a súa profesionalidade.

  A finais de xuño, os días 22, 23 e 24 terá lugar a VI edición do curso temático de verán de educación infantil. Este ano céntrase na literatura infantil, sendo un eido no que editoriais galegas teñen adquirido recoñecementos a nivel internacional, que pode aportarnos  este  ano o curso ?

Pois a idea é que aporte unha panorámica a profesionais da educación arredor da literatura infantil , da imaxe como precursora na ruta que fai a crianza de cara á lectura e que logo deriva neso que chamamos un bo manexo da ruta lecto-escritora. Este bo manexo logo gabámolo ou laiámonos en primaria e secundaria. Pero antes deso temos a oralidade, as cancións do berce, as retahilas, os pareados. En resumo, a tradición oral. Polo tanto temos a tradición que nos trouxo ata os nosos días a maior parte da literatura, incluso despois da imprenta, que algúns recolleron e deturparon ou adaptaron ao canon da época. Logo temos a imaxe acompañante do texto, o álbum ou simplemente a imaxe como contedor de contido. Engadido a estes relatorios temos un que nos falará da recolla e conservación da tradición e outros dous máis prácticos como son a abordaxe de técnicas e estratexias para traballar literatura infantil, para contar, para lerlles aos nenos e nenas, para dinamizar. Neste caso son profesionais da educación infantil e colaboradoras da editorial Kalandraka –todo un referente en literatura infantil- e unha dramaturga e contadora con moito recorrido profesional no campo este. Ademais teremos unha proposta que recolle unha experiencia sobre a abordaxe interxeracional neste sentido, coa infancia e vellez. Todo isto completarémolo cun paseo polo Ribadeo literario, guiado por un profesor do noso IES, seguindo o roteiro dos máis relevantes, que teñen ou tiveron relación con esta vila, incluido o último homenaxeado, Baixeras. Creo que vai resultar proveitoso para quen traballe con crianzas e mesmo para o público xeral.

Aberto o prazo de matrícula para o VI curso temático de verán de educación infantil da Mariña.

Literatura infantil, algo máis que conto

Os días 22, 23 e 24 de xuño desenvolvérase en Ribadeo, no cine-teatro a VI edición do Curso temático de verán de educación infantil

A  finais do curso 2005-2006 nacía o curso sobre educación infantil na Mariña.  As tres primeiras edicións foron organizadas polo IES Dionisio Gamallo Fierros ( Departamento de Servizos Socioculturais) e o Concello de Ribadeo( Concellaría de Igualdade, Educación e Cultura). E xa nos dous últimos anos incorporamos ademais das institucións  sinaladas, á Universidade da Coruña, convertindose nun curso de verán.

 As temáticas sobre as que xiraron os cursos  ao longo destes anos  foron:

 Ano 2006: A infancia en situación de risco social.

 Ano 2008: Trastornos do desenvolvemento e atención temperá.

 Ano 2009: Concepcións sociais da infancia e medios de comunicación.

 Ano 2010: Espazos e tempos na escola infantil.

 Ano 2011: Educar a través do ritmo e a música na escola infantil

E no 2012 chegamos á VI edición na que a temática elixida é : literatura infantil, algo máis que conto.

A partir do día 1 de xuñoestará aberto o prazo para poder matricularvos no curso. Para matricularvos tedes que ir a este enlace : http://www.udc.es/occ/gal/2012/cursoveran/cursos/curso6/curso6.htm

 Como en anteriores edicións, a matrícula realizárase, exclusivamente, a través da UDC. Deixámosvos o programa do curso para que lle botedes unha ollada e vexades si é do voso interese.

Máis información en:

Universidade Da Coruña:

Teléf. 981 167 000 ext. 1963 //  occocc@udc.es

Concello de Ribadeo

Teléfono 982 120 739 // cim@ribadeo.org

IES Gamallo Fierros.

Teléfono 982 128 098 //  ies.dionisio.ribadeo@edu.xunta.es.

Educar a través do ritmo e a música na escola infantil

O departamento de Servizos Socioculturais e á Comunidade do IES Dionisio Gamallo Fierros e máis a delegación de Cultura, Muller e Educación do Excmo. Concello de Ribadeo, en colaboración coa Universidade da Coruña, organizan o V curso temático de verán sobre educación infantil na Mariña que terá lugar os vindeiros 25 e 26 de xuño de 2011 no Cine-Teatro de Ribadeo.

A temática elixida para este ano é a educación a través do ritmo e a música na escola infantil.

Este curso está orientado para mestras/es; diplomadas/os e estudantado de Maxisterio; Técnicas/os en Escola Infantil ou en Xardin de Infancia; alumnado de Ciclo de Grao Superior en Educación Infantil; Auxiliares e Coidadoras/es de Escolás Infantís; persoal dos Servizos Sociais; e todas aquelas persoas que teñan interese na materia.

Para máis información podedes poñervos en contacto con:

  • Centro de Información ás Mulleres de Ribadeo (CIM): 982.120.739 ou cim@ribadeo.org
  • IES Dionisio Gamallo Fierros: 982.128.098 ou ies.dionisio.ribadeo@edu.xunta.es

Programa do curso.

Espazos e tempos na escola infantil

Os dias 3 e 4 de setembro tivo lugar o IV curso de verán sobre educación infantil da Mariña, onde máis de cen profesionais falaron e reflexionaron da temática desta edición : espazos e tempos na escola infantil.

Lina Iglesias Ferreiro disertou na súa intervención sobre cómo debemos entender a educación:  explotar ao máximo o potencial  das crianzas, o que lles permitirá nun futuro adaptarse ás circunstancias. Até os 7 anos, é unha idade na que as nenas e nenos teñen a necesidade de coñecer, de descubrir. Despois referiuse a como debe ser o ambiente de aprendizaxe, e a interacción das catro  dimensións que hai que ter en conta: dimensión física ( o que hai no espazo e como está organizado), funcional ( o que se fi e como se desenvolve), temporal ( en qué momento se fai e como se vive,  relacional ( que interaccións, vínculos e relacións se establecen ).

A xornada do venres rematou co contacontos musicado de Antón Castro quen nos soprendeu  e nos fixo sorrir coa súa forma pedagóxica e divertida de explicar as cousas. Xa o sábado contamos coa presenza de Carmen Loriga, e falounos da necesidade de establecer rutinas como adquisición de hábitos e de normas. Gustavo Quindimil referiuse a como podemos crear un ambiente educativo propicio, malia que teñamos poucos recursos.

Tamén tivemos a oportunidade de comprobar como funcionan diversas escolas, de características diferentes, unha Escola como a de Burela de  varias unidades, e unha Escola de dimensión pequena como a de Antas de Ulla.

E a xornada formativa rematou coa intervención da Profesora da UDC, Concha Sánchez Blanco que salientou a importancia de incidir no currículum oculto  para poder vertebrar ambientes de convivencia en igualdade con independencia das características físicas, psíquicas das/os menores, en pular pola ruptura de estereotipos e na búsqueda de espazos propios e que sexan referentes.

Estas e outras conclusións, como a necesidade de valorizar a profesión da/o educador infantil, de aumentar a ratio de coidador/a nas escolas infantís e como non tamén o aumento de prazas nas escolas infantís.