Arquivo por etiquetas: mestra

A exposición “Elas ensinan” chega a Ribadeo

A Oficina de Turismo de Ribadeo acolle ao longo desta última quincena de xuño a exposición Elas ensinan, cedida pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia. Na mostra recóllese a historia de 18 mestras galegas cun interese común: achegar a educación ás xeracións mozas, ás que serviron como modelo profesional e vital.

Mulleres que viviron na Galicia de finais do século XIX e comezos do XX, loitadoras e decididas, que foron quen de facer fronte ás dificuldades sociais e económicas do momento na procura de novos métodos pedagóxicos para mellorar a educación do seu alumnado. Elas foron quen de erguer, naquel contexto difícil, os piares sobre os que  se asentaría no futuro unha participación feminina máis ampla na educación superior e máis no mercado laboral.

A exposición que estes días se pode ver en Ribadeo non só centra a súa atención nas 18 mulleres seleccionadas, das que se dá a coñecer unha mostra da súa vida e o seu traballo. Alén desta información tamén se pode atopar unha completa base de datos que permite coñecer a biografía de moitas mulleres mestras, co obxectivo de que aquelas persoas interesadas conten cun espazo no que acceder á información sobre unha persoa en concreto ou mesmo sobre as mestras que desenvolveron a súa actividade nun concello determinado.

A mostra estará aberta na Oficina de Turismo entre os días 15 e 30 de xuño no seguinte horario:

De luns a venres: 09.30 horas – 14.00 horas e de 16.00 horas a 19.00 horas

Sábado e domingo: 10.30 horas – 14.00 horas e de 17.00 horas a 19.00 horas