Arquivo por etiquetas: feminización

Un desenvolvemento eivado. Desigualdades da muller na I+D+i

A desigualdade entre mulleres e homes tamén é unha realidade no eido do desenvolvemento tecnolóxico en Galicia. Así o constata un estudo da área de igualdade da Unidade de Muller e Ciencia de Galicia no que se evidencia que os homes  ocupan os postos máis relevantes, contan con mellores salarios, non precisan dun nivel de formación tan elevado para acceder aos postos de maior responsabilidade e o seu traballo conta cunha maior valoración social e unha maior importancia a nivel económico. No estudo tamén se evidencia que estas desigualdades non son percibidas polas persoas que traballan no sector da innovación, o desenvolvemento e a investigación.

A maior parte das mulleres que desenvolven as súas tarefas neste eido están satisfeitas co seu traballo, chegando a valoralo cun notábel alto. Din da súa profesión que fomenta a creatividade, o dinamismo, o traballo en equipo ou a relación con outras persoas. Poucas identifican as desigualdades ou discriminacións de xénero que se producen.

Unha das conclusións deste estudo é a discriminación horizontal que se detecta coa muller relegada a determinadas disciplinas que semellan unha prolongación do rol de coidado que tradicionalmente o patriarcado lle outorgou á muller. Isto dá lugar a carreiras e traballos feminizados, sobre todo nas áreas das ciencias sociais e xurídicas, humanidades ou ciencias da saúde con máis dun 60% de presenza feminina.

O resto do estudo pode atoparse no seguinte enlace: http://igualdade.xunta.es/node/892