Arquivo por etiquetas: mapa

O Ministerio de Igualdade presenta unha web na que se recollen recursos de asistencia e protección ás vítimas da violencia machista

O Ministerio de Igualdade do Goberno de España presentou unha web na que agrupan os recursos, tanto de asistencia coma de protección, cos que contan as vítimas da violencia de xénero. A titular de Igualdade, Bibiana Aído, sinalou que esta medida ponse en marcha co obxectivo de “acercar los recursos existentes en todo el territorio nacional a las víctimas, sus entornos y a los profesionales”.

A través dun mapa e máis dun buscador por categorías preséntanse os recursos que se poden atopar no conxunto do Estado. A web pretende afianzar a necesaria transversalidade da loita contra a violencia machista e por elo aparecen nela tanto aqueles recursos postos en marcha por diferentes Ministerios como tamén os que dependen das comunidades autónomas, os concellos (entre eles o Centro de Información ás Mulleres de Ribadeo), organizacións non gubernamentais ou entidades privadas. Na páxina poden atoparse tanto servizos de información e asesoramento coma asociacións de mulleres, unidades asistenciais, policiais ou xudiciais, xulgados específicos de violencia machista e máis recursos de asesoramento legal.

É a primeira vez, segundo sinalaron fontes do departamento de Igualdade, que se pon en marcha “un listado completo, público y de fácil accesibilidad para todas aquellas personas que lo necesiten”. Bibiana Aído, acompañada de Miguel Lorente, Delegado do Goberno para a Violencia de Xénero, apostou por un “esfuerzo conjunto y coordinado entre administraciones públicas y sociedad civil” para rematar coa violencia machista e puxo esta web como exemplo “de un paso más” para rematar con esta lacra.