Falando con Suso Ferreiro, director dos cursos de educación infantil da Mariña

Hoxe comenzamos un novo apartado no Ribadeomuller. Estamos sempre a experimentar, así que imos lanzarnos  e  iniciar un serial  de  entrevistas, co obxecto sempre de facer máis lexibel a información e de achegarvos ás iniciativas e as persoas que están tras elas.

Falamos con Suso Ferreiro, director e impulsor dos cursos de verán temáticos de educación infantil da Mariña.

Licenciado en Psicopedagoxía e con estudos predoutorais en xogo infantil e animación sociocultural na infancia, tema este último que constitúe o seu proxecto investigación de doutoramento. Está destinado no IES Gamallo Fierros  desde o ano 2002, como profesor técnico de Servizos á Comunidade ata o ano 2007 e, desde entón, de educación secundaria da especialidade de Intervención Sociocomunitaria.Ten impartido cursos sobre educación infantil, formación profesional e orientación laboral para distintas entidades,  dirixidos a estudantes, parados e educadores e educadoras de todos os niveis educativos.

 Levas ás costas seis edicións do curso temático de educación infantil da Mariña. Como xurde esta iniciativa?

A iniciativa xurde pola dificultade que hai na Mariña para formarse, máis aló de estudos regrados , en relación coa educación infantil. Foi unha idea que propuxen e barallamos no Departamento de Servizos Socioculturais e á Comunidade do IES cunha compañeira. Para darlle máis pulo e posibilidades respecto da certificación de horas embarcámonos coa Universidade da Coruña a través da coorganización coa profesora Mariló Candedo, da Facultade de Ciencias da Educación e resultou moi positiva a experiencia e a asistencia

Neste curso consíguense niveis de asistencia que chegan a triplicar o de calquer outro curso de verán. Máis de 100 persoas, algo que resulta excepcional. Ten esto algunha explicación?

A explicación, en boa medida, está relacionada con dúas cuestións, por unha banda a dificultade antedita e pola outra, con que no IES Gamallo Fierros se vén impartindo un Ciclo Formativo de Grao superior en Educación Infantil, o que conleva que hai  na Mariña e no Occidente asturiano unha porcentaxe elevada de profesinais técnicas en educación infantil formadas nas nosas aulas e que precisan de formación continua. As persoas queren propostas e están con gañas de formar

A simple vista, dá a sensación que o colectivo que traballa na etapa infantil ten poucos recursos formativos adaptados  ás súas necesidades. Como valoras  a oferta formativa dirixida  as e os profesionais de infantil?

A oferta mellorou moito nos últimos anos, sobre todo a dirixida ao primeiro ciclo, 0-3 anos. Entidades como a ASPG ou administración, a través do Consocio Galego de Igualdade e Benestar fixo unha aposta importante fai algúns anos, aínda que é claramente insuficiente nestes últimos, e máis na Mariña.

A crise está a afectarvos? Consideras que acarrea consecuencias na calidade das escolas infantís e do segundo ciclo da etapa de infantil nos colexios?

A crise está arrasando con todo, ou máis ben, co pretexto da crise estase arrasando con todo o que teña que ver coa educación pública e cos servizos de coidado e atención aos dous extremos máis dependentes da poboación, infancia e vellez. Houbo un momento, fai catro anos aproximadamente, donde daba a sensación de que se ía producir unha expansión do campo do social, froito da “lei da dependencia” e doutras que se estaban a debater. Eso acabouse e tardaremos anos en voltar aos niveis de protección social vividos. Unha das grandes mentiras da época que nos toca vivir consiste en afirmar que se fai máis con menos. Se polo menos se fixera o mesmo con menos xa nos daríamos por satisfeitos, pero nin eso. Agora é pronto para valorar o alcance das consecuencias, pero nun par de anos teremos datos dabondo para podelo facer, porque ata o de agora boa parte do sistema estaba aguantando co que había. Cando a escaseza de recursos comece a ser notoria, derivando en dinámicas de traballo unicamente asistencial, darémonos conta desto en toda a súa crueza.

Cada ano sorpréndesnos cunha temática nova, diferente e na que cada ano o nivel das e dos relatores/as se supera. Utilizas algún criterio para elixir a temática?

Eu non falaría de sorpresa, se non de ir paseniñamente abordando temas arredor da infancia, da súa situación, da súa educación, da súa consideración social, da súa presenza nesta sociedade deseñada e gobernada por adultos en tempos e espazos. É boa verdade que os relatores e relatoras que conseguimos traer a Ribadeo son profesionais acreditados da educación infantil ou que investigan sobre a infancia e que teñen xa un recoñecemento no seu ámbito, mesmo aínda que non sexa da educación. Digo esto porque hai moitos e moitas que quero que veñan a Ribadeo e que non o consigo ou ben porque os recursos son os que son ou ben porque non gustan de falar ou disertar ante auditorios ou ben ante adultos ou mesmo polas axendas. Lembro o caso do estimado profesor da Universidade de Santiago, Herminio Barreiro, que empeorou durante a xestación do curso  de 2010 e non puido achegarse a Ribadeo e faleceu en outono.

O que si teño claro é que, para propoñerlles vir ao curso, ou ben teño boas referencias deles ou fun a cursos que eles impartían ou me deron clase. É o único criterio que sigo para pechar programa, a súa profesionalidade.

  A finais de xuño, os días 22, 23 e 24 terá lugar a VI edición do curso temático de verán de educación infantil. Este ano céntrase na literatura infantil, sendo un eido no que editoriais galegas teñen adquirido recoñecementos a nivel internacional, que pode aportarnos  este  ano o curso ?

Pois a idea é que aporte unha panorámica a profesionais da educación arredor da literatura infantil , da imaxe como precursora na ruta que fai a crianza de cara á lectura e que logo deriva neso que chamamos un bo manexo da ruta lecto-escritora. Este bo manexo logo gabámolo ou laiámonos en primaria e secundaria. Pero antes deso temos a oralidade, as cancións do berce, as retahilas, os pareados. En resumo, a tradición oral. Polo tanto temos a tradición que nos trouxo ata os nosos días a maior parte da literatura, incluso despois da imprenta, que algúns recolleron e deturparon ou adaptaron ao canon da época. Logo temos a imaxe acompañante do texto, o álbum ou simplemente a imaxe como contedor de contido. Engadido a estes relatorios temos un que nos falará da recolla e conservación da tradición e outros dous máis prácticos como son a abordaxe de técnicas e estratexias para traballar literatura infantil, para contar, para lerlles aos nenos e nenas, para dinamizar. Neste caso son profesionais da educación infantil e colaboradoras da editorial Kalandraka –todo un referente en literatura infantil- e unha dramaturga e contadora con moito recorrido profesional no campo este. Ademais teremos unha proposta que recolle unha experiencia sobre a abordaxe interxeracional neste sentido, coa infancia e vellez. Todo isto completarémolo cun paseo polo Ribadeo literario, guiado por un profesor do noso IES, seguindo o roteiro dos máis relevantes, que teñen ou tiveron relación con esta vila, incluido o último homenaxeado, Baixeras. Creo que vai resultar proveitoso para quen traballe con crianzas e mesmo para o público xeral.

Advertisements

Unha resposta a “Falando con Suso Ferreiro, director dos cursos de educación infantil da Mariña

  1. Pingback: » Breves » VI Curso temático de verán de Educación infantil na MariñaCronica3.com A Mariña - costa de Lugo - información da Mariña lucense

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s