Arquivos mensuais: Xuño 2010

O Ministerio de Igualdade presenta unha web na que se recollen recursos de asistencia e protección ás vítimas da violencia machista

O Ministerio de Igualdade do Goberno de España presentou unha web na que agrupan os recursos, tanto de asistencia coma de protección, cos que contan as vítimas da violencia de xénero. A titular de Igualdade, Bibiana Aído, sinalou que esta medida ponse en marcha co obxectivo de “acercar los recursos existentes en todo el territorio nacional a las víctimas, sus entornos y a los profesionales”.

A través dun mapa e máis dun buscador por categorías preséntanse os recursos que se poden atopar no conxunto do Estado. A web pretende afianzar a necesaria transversalidade da loita contra a violencia machista e por elo aparecen nela tanto aqueles recursos postos en marcha por diferentes Ministerios como tamén os que dependen das comunidades autónomas, os concellos (entre eles o Centro de Información ás Mulleres de Ribadeo), organizacións non gubernamentais ou entidades privadas. Na páxina poden atoparse tanto servizos de información e asesoramento coma asociacións de mulleres, unidades asistenciais, policiais ou xudiciais, xulgados específicos de violencia machista e máis recursos de asesoramento legal.

É a primeira vez, segundo sinalaron fontes do departamento de Igualdade, que se pon en marcha “un listado completo, público y de fácil accesibilidad para todas aquellas personas que lo necesiten”. Bibiana Aído, acompañada de Miguel Lorente, Delegado do Goberno para a Violencia de Xénero, apostou por un “esfuerzo conjunto y coordinado entre administraciones públicas y sociedad civil” para rematar coa violencia machista e puxo esta web como exemplo “de un paso más” para rematar con esta lacra.

Regresan os “Domingos a pé”

O vindeiro domingo día 27 de xuño, a Concellaría da Muller do Excmo. Concello de Ribadeo e máis o Centro de Información ás Mulleres organizan unha nova edición dos Domingos a Pé. Desta volta o percorrido elixido para a ruta é entre a localidade de Reinante (Barreiros) e máis a praia das Catedrais. Esta actividade quere facilitar ás mulleres participantes a posibilidade de que gocen dun tempo para elas, de disfrute e de tranquilidade.

Os traslados entre Ribadeo e Reinante produciranse en tren. A saída está prevista dende a estación de FEVE ás 11.10 horas da mañá e a volta ás 18.10 horas da tarde.

As mulleres interesadas en participar na ruta deben anotarse no Centro de Información ás Mulleres sito no Auditorio Municipal Hernán Naval de Ribadeo, chamar ao teléfono 982.120.739 ou ben enviar un correo electrónico ao enderezo cim@ribadeo.org.

Fin de semana de fútbol sala feminino en Ribadeo

Esta vindeira fin de semana, sábado 26 e domingo 27 de xuño, celebrarase a terceira edición do trofeo Vila de Ribadeo de fútbol sala feminino, un dos torneos de referencia do norte do Estado. Unha competición organizada polo clube local Ribadeo Fútbol Sala que conta co apoio do Excmo. Concello de Ribadeo, a Excma. Deputación Provincial de Lugo e a Fundación Deporte Galego da Xunta de Galicia.

Ao longo dos dous días daranse cita na vila ribadense (no pavillón novo, no vello e máis na cancha cuberta do CEIP Gregorio Sanz) 28 equipos de Galicia, Asturias e Cantabria repartidos en catro categorías: alevíns, infantís, cadetes e senior. En todas elas haberá presenza do deporte local da man das féminas do Ribadeo F.S.

Unha das claves do torneo é o alto nivel dos clubes participantes con presenza de equipos da División de Prata do fútbol sala incluída. Alén do Ribadeo F.S., a representación da comarca da Mariña e máis o Occidente Astur complétana o Chícaro de Foz, o Viveiro FSF ou o Tapia.

Os partidos comezarán ás 09.30 horas do sábado 26 de xuño e a final xogarase o domingo día 27 ás 19.30 horas.

O Observatorio da Mariña pola Igualdade retoma o seu ciclo “Falamos de…” cunha conferencia sobre a endometriose

O vindeiro venres 18, a partir das 20.30 horas, o Observatorio da Mariña pola Igualdade retoma o ciclo de charlas-café “FALEMOS DE…”. Desta volta terá lugar no café-bar A Fazenda de Burela (Rúa Lamestra, 19).

O tema escollido para a sexta cita deste ciclo é  Mulleres e saúde: a endometriose”, unha doenza relativamente común pero moi descoñecida e aínda moi infradiagnosticada que pode afectar a calquera muller en idade fértil.

Na sesión participará Chus Méndez, xinecóloga do Centro de Especialidades do Complexo Hospitalario Xeral Calde de Lugo, e  Ana Touriño, que achegará unha visión sociolóxica sobre a doenza.

Con esta cita o Observatorio quere retomar a proposta deste ciclo de conversas, logo da excepcional acollida que tiveron as anteriores sesións celebradas durante o ano 2009.

A exposición “Elas ensinan” chega a Ribadeo

A Oficina de Turismo de Ribadeo acolle ao longo desta última quincena de xuño a exposición Elas ensinan, cedida pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia. Na mostra recóllese a historia de 18 mestras galegas cun interese común: achegar a educación ás xeracións mozas, ás que serviron como modelo profesional e vital.

Mulleres que viviron na Galicia de finais do século XIX e comezos do XX, loitadoras e decididas, que foron quen de facer fronte ás dificuldades sociais e económicas do momento na procura de novos métodos pedagóxicos para mellorar a educación do seu alumnado. Elas foron quen de erguer, naquel contexto difícil, os piares sobre os que  se asentaría no futuro unha participación feminina máis ampla na educación superior e máis no mercado laboral.

A exposición que estes días se pode ver en Ribadeo non só centra a súa atención nas 18 mulleres seleccionadas, das que se dá a coñecer unha mostra da súa vida e o seu traballo. Alén desta información tamén se pode atopar unha completa base de datos que permite coñecer a biografía de moitas mulleres mestras, co obxectivo de que aquelas persoas interesadas conten cun espazo no que acceder á información sobre unha persoa en concreto ou mesmo sobre as mestras que desenvolveron a súa actividade nun concello determinado.

A mostra estará aberta na Oficina de Turismo entre os días 15 e 30 de xuño no seguinte horario:

De luns a venres: 09.30 horas – 14.00 horas e de 16.00 horas a 19.00 horas

Sábado e domingo: 10.30 horas – 14.00 horas e de 17.00 horas a 19.00 horas

O teu tempo é para ti

O Centro de Información ás Mulleres (CIM) do Excmo. Concello de Ribadeo organiza unha viaxe ao balneario de Guitiriz no marco do programa “O teu tempo é para ti”, unha campaña que, baixo o lema “Coñécete a ti mesma, desfruta, reláxate”, pretende facer visíbel o dereito da muller a un tempo de ocio de seu. Será o vindeiro domingo 20 de xuño de 2010 e o itinerario previsto é o seguinte:

  • 14.15 horas: Saída de Ribadeo – Parque de San Francisco.
  • 15.45 horas: Chegada a Guitiriz.
  • 16.00 horas: Comezo das actividades termais (Circuitos termais e piscina).
  • 19.00 horas: Remate das actividades.
  • 19.30 horas: Saída cara Ribadeo.
  • 21.00 horas: Chegada a Ribadeo.

O custe da actividade é de 15 euros por persoa. Todas aquelas mulleres que desexen participar nesta actividade deberán inscribirse a través do teléfono (982.120.739), persoalmente nas dependencias do CIM ou a través do enderzo electrónico cim@ribadeo.org entre os días 14 e 17 de xuño.