Arquivos mensuais: Xaneiro 2012

Quen lle dá a volta á tortilla?, un proxecto para reflexionar sobre roles de xénero nas coleccións de arte dos museos.

QUEN LLE DÁ A VOLTA Á TORTILLA?, un proxecto para reflexionar sobre roles de xénero nas coleccións de arte dos museos

Os museos da Rede Museística dependente da área de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo foron seleccionados en representación de Galicia para participar no proxecto Quen lle dá a volta á tortilla. Homes, mulleres, xénero e roles nas coleccións de tres museos provinciais, unha iniciativa na que participan o Museo de Bellas Artes de Murcia (MuBAM) e o Museo de León. Neste proxecto, xestionado polo colectivo Medusa Mediación e subvencionado polo Ministerio de Cultura, interveñen como representantes dos respectivos museos Luís Grau (director do Museo de León), Juan Sandoval (director do Museo de Murcia) e Encarna Lago (xerente da Rede Museística de Lugo). Convócanse obradoiros e prepárase unha exposición itinerante coas creacións dos asistentes e d@s artistas invitad@s, entre eles @s galeg@s Noa Persán, Paula Cabaleiro e Iago Eireos.

Quen lle dá a volta á tortilla? propón virar, repensar moitos conceptos tradicionais relacionados co xénero como sinónimo de “cuestións da muller”. Así, o discurso deste reivindica a liberdade do ser feminino e tamén do ser masculino: que papel deben cumprir? Que actitudes se ven mal nel ou nela?

Quen lle dá a volta á tortilla? Homes, mulleres, xénero e roles nas coleccións de tres museos provinciais concíbese como unha oportunidade para seguir reformulándonos as relacións entre mulleres e homes e a nosa propia forma de estar e ser no mundo, intentando “darlles a volta” a tantos e tantos prexuízos e estereotipos que aínda nos embelecan, coartan e limitan.

A proposta que fai a Rede Museística da Deputación de Lugo a este proxecto invita a analizar a representación que se fixo tradicionalmente do que se considera ser home e ser muller. Para iso partirase de 20 obras da colección permanente e crearase un grupo formado por persoas interesadas que analizará e reflexionará sobre os modelos que transmiten esas imaxes para tratar de responder a preguntas como: Segue estando vixente o modelo de muller galega como os que representa o pintor Sotomayor? Que diferenzas vemos entre o modelo de home que a artista J. Minguillón representa ao retratar ao seu pai e os homes/pais que vemos hoxe en día? Ou, ten algunha relación a serie de televisión Sexo en Nova York cos retratos que realiza Maruja Mallo das súas contemporáneas burguesas na primeira etapa da súa carreira?

Sobre este tipo de preguntas reflexionarase nos obradoiros, a través de xogos e dinámicas que farán gozar, nun ambiente distendido, da experiencia colectiva de pensar no feminino e o masculino, e nas relacións que se establecen entrambos.

A proposta desde a Rede de museos da Deputación de Lugo entronca con estas iniciativas e coas que leva promovendo desde hai anos ao redor de temas de xénero, de accesibilidade aos museos e á arte como ferramenta de interacción social. As obras de arte, máis alá da súa aparencia formal, conteñen unha carga ideolóxica que se asenta no pensamento grazas á cultura de masas. Trátase, xa que logo, de achegarse a elas doutro xeito para repensar que queren contar e como eses discursos se prolongan no tempo ata a actualidade.
O proxecto consta de dúas fases: Un obradoiro e unha exposición itinerante.

OBRADOIRO NOS MUSEOS DA REDE DA DEPUTACIÓN DE LUGO
A primeira fase do proxecto consiste no desenvolvemento dun curso práctico ou obradoiro de 20 horas de duración que se vai desenvolver nas sedes dos catro museos da Rede desde o martes 7 ao sábado 11 de febreiro, co seguinte calendario:
Museo Provincial de Lugo, (días 8 e 11)
Pazo de Tor (Monforte de Lemos), (día 7)
Museo Provincial do Mar, San Cibrao-Cervo (día 9)
Museo Etnográfico de San Paio de Narla, en Friol, (día 10).
O obradoiro exponse de xeito moi práctico e combina aspectos teóricos e aspectos lúdicos, demostrando que aprender é divertido. A súa metodoloxía baséase nunha reflexión lúdica e participativa, onde se valora todo o coñecemento e experiencia das persoas que estean involucradas, máis aló de cuestións teóricas, de xénero, procedencia ou idade. Pode participar calquera persoa con ganas de coñecerse máis a si mesma e coñecer máis o mundo en que viven.

ARTISTAS GALEG@S NO PROXECTO
Ademais, este proxecto propón que os creadores contemporáneos participen desde o principio no proceso de reflexión colectiva, sendo invitados ao obradoiro tres artistas por cidade ou comunidade que máis tarde reinterpretarán en clave contemporánea certas pezas da colección do museo. Esta é unha acción nova pois tradicionalmente sucede que os artistas traballan pola súa conta e despois faise educación en base á obra que eles presentan.
Os tres creadores galegos seleccionados para participar no proxecto son Paula Cabaleiro, Noa Persán e Iago Eireos.
As tres obras novas resultantes do seu traballo, xuntos coas dos artistas seleccionados para desenvolver o seu traballo nos outros dos museo do proxecto, nove en total, e xunto cos procesos resultantes do obradoiro, mostraranse nunha exposición itinerante que viaxará polas tres cidades implicadas.

Máis información, neste 1660_Folleto informativo_Quen lle dá a volta á tortilla.

Advertisements

A pilota catalana Laia Sanz, campeoa da clasificacion feminina no Rally Dakar 2012.

Os  medios de comunicación siguen adicando un espazo ínfimo ao deporte feminino e, en xeral, os éxitos das nosas deportistas non son recoñecidos pola sociedade.
Máis O blogue  Ribadeomuller pretende visibilizar a presenza das mulleres en todos os lugares onde está, valorizar o seu quefacer nos diferentes sectores. E tamén queremos contribuír desde esta plataforma a unha equidade na valoración das mulleres nos postos decisorios, públicos, etc. Ben sabedes,que as mulleres, no mundo público temos que demostrar dobremente a nosa valía,

Pois ben, desta volta queremos felicitar a pilota de motos Laia Sanz que ven de proclamarse campeoa na clasificación feminina do Rally Dakar 2012, por segunda vez na súa carreira, sendo a única muller que deu finalizado a carreira na súa categoría  e repite o 39 posto do ano pasado. A  catalana, Laia Sanz é campiona  do mundo de Trial en dez ocasións.

Laia Sanz debutou no 2011 por primeira vez no Rally Dakar, unha das competicións deportivas máis duras de todo o mundo. O ano pasado eran 13 mulleres as que competían e Sanz a máis xoven e logro acadar o liderato na challener feminina e quedou de 41.

Preguntada po la pouca presenza de mulleres no rally :  “Creo que pode axudar o feito de que outras mulleres se animen e, cantas máis haxa, máis se animarán outras mozas. Tamén  serviron de exemplo á prueba Annie Seel, que corre desde  fai moitos anos, e Tina Meier… si se demostra que no Dakar as mulleres tamén podemos correr e ser competitivas, nun futuro correrán máis”.

Segundo a campeona mundial de trial este resultado esconde moito esforzo. “Estou máis satisfeita este ano que o anterior. Foi  un rally moi duro nalgunhas fases e  as circunstancias que me tiven que vivir na carreira complicaron todo un pouco máis. Síntome moi satisfeita cómo pilotei e naveguei.  Coido que din un paso adiante moi importante.

O Observatorio da Mariña pola Igualdade organiza unha charla Informativa sobre a nova regulación das traballadoras do fogar.

Con  motivo do novo regulamento do réxime das traballadoras do fogar que entrou en vigor o pasado 1 de xaneiro, o Observatorio da Mariña pola Igualdade organiza unha charla informativa para expoñer os novos cambios que acaban de entrar en vigor  o pasado 1 de xaneiro.

 A charla informativa terá lugar o próximo mércores, 25 de xaneiro, ás 18.30h na Casa das Letras de Ribadeo.

Contárase coa presenza da Asociación de empregradas do fogar Xiara. Mercedes Andrade e Teresa Rodríguez, portavoces da mesma, serán as encargadas de poñernos ao día sobre as novas modificacións lexislativas en relación ás contratacións, retribucións, afiliación, alta/baixa na seguridade social,  cotizacións á seguridade social, etc. do réxime das traballadoras do fogar. É unha boa oportunidade para clarexar as dúbidas que teñades, tanto as traballadoras do fogar, que agora estades nunha situación de incertidume, como as empregadoras  empregadores para saber qué pasos tedes que tomar para regularizar a situación das vosas empregadas domésticas. Hai de prazo até o mes de xuño.

Evidentemente, que esta nova regulación supón un paso de cara a equiparación de dereitos do traballo doméstico asalariado. Máis o Decreto aprobado non supón a aplicación do Estatuto dos Traballadores ás traballadoras do fogar. Hai que seguir demandando e traballando para ampliar os dereitos laborais das traballadoras até que se consiga a equiparación co resto dos sectores.

Magistralia convoca a cuarta edición do Certame de Creación Musical para Mulleres.

Pola visibilidade das mulleres na música
Magistralia convocou  IV edición do concurso internacional de creación musical para mulleres compositoras. Esta actividade, de carácter bienal, ten como obxectivo visibilizar o traballo das mulleres na música. Da mesma forma preténdese fomentar a programación de repertorio contemporáneo e realizado por mulleres, nas orquestas españolas. Máis de cen obras de compositoras dos cinco continentes concurren a este concurso internacional.
A primeira edición deste certame celebrouse no 2006, onde se contou con representación dos catro continentes- agás África.,sendo a galardoada a italiana Alessandra Bellino con “Le gabie di Danae”. Seguiu a xoven china Zhang Quing con  ‘Poems orchid pavillion’, e, xa na  última edición, a canadiense-tajikistana Farangis Narulla-Khoja con ‘Parparón’.
O xurado do certamen está formado por prestisioxas mulleres tanto compositoras como instrumentistas, musicólogas e directoras. Como media cada edición ten que avaliar e elixir entre unhas cen obras.
Un aspecto moi importante  deste concurso é que forza o  estreo das obras gañadoras, que é un paso decisivo para as compositoras.  Este concurso ten o apoio de WIMUST -Women in music uniting strategies fir talent-, proxecto trienal promovido pola fundación internacional Donne in música, e no Estado Español conta coa  colaboración da Asociación Euterpe-Música e  Mujeres e a Asociación Mulleres  na Música.

Podedes ver as bases do certame aquí.

Apoiemos á baloncestista Diana Taurasi, multada por non levar prendas axustadas.

Diana Taurasi, considerada por moita xente como a mellor xogadora de baloncesto do mundo, foi  a única xogadora dos 23 equipos da Euroliga Feminina de Baloncesto que se opuxo á orde, de vestir un uniforme supostamente máis “feminino”, imposta desde o inicio de tempada, no  pasado mes de outubro pola FIBA.

A Federación Internacional de Baloncesto (FIBA) impuxo reducir as tallas das equipacións das deportistas da Euroliga, obrigando a que  os shorts e  as camisetas sexan máis estreitos, “seguindo as curvas/contorno do corpo”, que a camiseta non tape os  hombros, que a anchura do pantalón deixe un máximo de dous centímetros de espazo entre a tela e a pel, e que o pantalón estea sempre como mínimo dez centímetros por riba do xeonllo.
Deste modo,   a discriminación que sofren as deportistas profesionais  xa non  afecta só a súa situación laboral e a súa  escasa visibilidad con respecto aos  homes. O sexismo alcanza a súa vestimenta. No seu momento houbo críticas e rechazo a tal imposición. Diversas organizacións,  entre elas o Consello das Mulleres do Concello de Madrid, levaron adiante  accións de denuncia e oposición á medida. A mesma Asociación de Xogadoras de Baloncesto (AJUB), por exemplo, asumiu  nun comunicado “o concepto de espectáculo no deporte”, pero rechazou  a  decisión da  FIBA porque, ao seu xuízo”supón recoñecer unha mentalidade caduca e irrespetuosa dunhas profesionais, ás que se quere mediatizar polo atractivas á vista que poden ser para espectadores máis preocupados pola exhibición dun corpo, que por seguir a xogada no terreo de xogo”. Pero Diana Taurasi é a  única xogadora que  mantivo a súa  postura e polo tanto, foi multada .
O  Consello das Mulleres do Concello de  Madrid, que xa denunciou o sexismo da FIBA  no  momento, volve a lembrar  que esta norma vulnera o dereito á  propia imaxe, pide a retirada inmediata das multas impostas a Diana Taurasi, o pronunciamiento público doutras xogadoras, así como da Asociación de Xogadoras de Baloncesto (AJUB) e  o inmediato cese do director  xeral  da FIBA Europea, Patrick Bauman.
Neste sentido, o  Consello das Mulleres do Concello de Madrid, desenvolveu  unha campaña de recollida de sinaturas e  de envíos de solicitude  a distintas autoridades da dita  organización,  solidarizándose con Taurasi. “a súa  valentía debera de servir de exemplo para outras xogadoras xa  que a súa dignidade como mulleres deportistas está por riba de condicionamentos sexistas”.

E para este mes, a nosa recomendación literaria é o libro de Aurora Marco, Mulleres na guerrilla antifranquista galega .

Mulleres na guerrilla antifranquista galega, é o retrato máis completo das que combateron a ditadura no monto ou apoiaron o refuxio, víveres  ou armas aos clandestinos. Publicouse a finais do 2011 pola catedrática de didáctica da linguaxe e literatura galega, Aurora Marco, que ao longo de cinco anos estivo seguindo o rastro de 200 guerrilleiras galegas en arquivos, rexistros civís e casas particulares. Moitas delas faleceran, a outras se lles perderá a pista por completo e nos partes de guerra nin siquera aparece co seu nome completo e non era raro  que a información biográfica de rigor se lle ngaderan notas como “ a querida de” “ a amancebada con” .

Coa represión, que se xeneralizou co vitoria dos sublevados en 1939, centos de mulleres comprometidas coa guerrilla antifranquista foron asasinadas, encarceradas, torturadas, violadas, recluídas en campos de concentración; tiveron que partir cara o exilio nunha viaxe, para algunhas, sen volta ou viviron un exilio interior: A súa é a crónica das silenciadas, porque foron obxecto dunha dupla falta de memoria: por seren desafectadas ao novo réxime e pola súa condición feminina .

Froito da mesma investigación de Marco é o documental  Silenciadas, do que xa falaramos neste blogue nun post anterior. Este documental,  dirixido por Pablo Ces, acaba de ser recoñecido  cun premio no Festival Internacional de Cine de Dereitos Humáns de Santa Coloma de Gramenet.

Trailer do documental Silenciadas

Esta semán ponse en marcha o servizo de teletraducción a 51 idiomas no Centro de Información ás Mulleres de Ribadeo.

Os  Centros de Información á Muller da provincia de Lugo veñen de incorporar un servizo de teledradución para mellorar a atención ás mulleres e vítimas de violencia de xénero inmigrantes, que ofrece sen custe a Secretaría Xeral da Igualdade. Trátase dos CIMs de Burela, Viveiro, Ribadeo, Monforte e Palas de Rei, que contarán cun novidoso sistema de teletradución a 51 idiomas.

O servizo entrará en funcionamento a vindeira semana, ao abeiro dos convenios de colaboración entre Igualdade e os respectivos concellos.

Tras acreditar a utilidade da teletradución aplicada ao Teléfono de Información á Muller durante un ano, Igualdade decidíu facela extensiva á rede de CIMs de Galicia, ás casas de acollida que asisten ás vítimas de violencia de xénero e ás entidades e ONGs que desenvolven a súa actividade solidaria neste eido. En resposta a este ofrecemento da Administración autonómica, un total de 45 CIMs das catro provincias manifestaron ata o de agora o seu interese en adherirse ao sistema, que sigue aberto para os que no futuro desexen incorporarse.

Unha comunicación verbal eficaz, determinante nos casos de violencia de xénero

As novas características poboacionais derivadas da inmigración motivaron á Administración autonómica a mellorar as técnicas para unha eficaz atención ás usuarias, con independencia da súa lingua. A teletradución está pensada para dar apoio a unha parte da poboación que ten dificultades engadidas para acceder aos recursos existentes, formada polas mulleres inmigrantes residentes en Galicia, e ten entre as principais vantaxes reducir o estrés producido pola barreira idiomática e facilitar unha comunicación verbal máis eficaz, que resulta determinante nos casos de consulta por violencia de xénero.

A través da plataforma de teletradución, estas mulleres terán a seguridade dun acceso axeitado á información e aos recursos dispoñibles, sobre atención psicolóxica, prestacións económicas, centros de acollida ou asesoramento xurídico. O sistema permite ás usuarias comunicarse telefónicamente cunha intérprete, desde calquera centro no que se atopen, ben sexa un CIM, unha casa de acollida ou calquera entidade adherida; así como o establecemento de chamada a tres, para que interactúen a usuaria, a persoa profesional da entidade e a intérprete.