Arquivos mensuais: Maio 2012

O Observatorio da Mariña pola Igualdade lanza unha campaña informativa sobre a nova regulación das traballadoras do fogar

O Observatorio da Mariña pola Igualdade lanza unha campaña informativa sobre a nova lexislación que atinxe ao réxime das traballadoras do fogar e que entrou en vigor o pasado 1 de xaneiro, cun prazo de adaptación de seis meses. O obxectivo principal é poñer de relevancia a importancia do traballo do fogar, unha profesión totalmente feminizada (98.2% de mulleres traballadoras do fogar segundo cifras oficiais), desprestixiada e precaria, e informar sobre os novos cambios lexislativos.

Até o de agora, as empregadas do fogar estaban sometidas a un Réxime Especial que se rexía polo R.D 1424/1985 e no que, por exemplo, só era obrigatorio para a persoa empregadora asegurar á traballadora a partir das 20 horas semanais de traballo e en caso de baixa laboral non comezaban a cobrar até o día 29. Coa lexislación actual, rexida polo R.D 1620/2011, as empregadas pasan a incorporarse ao Réxime Xeral como un sistema especial e, polo tanto, todas as traballadoras do fogar deben de estar dadas de alta na Seguridade Social para ter así a súa situación regularizada, recaendo esta responsabilidade sobre a parte empregadora.

 A nova regulación, a pesar de que segue a ter lagunas importantes como non recoñecer a prestación por desemprego,  ten unha serie de vantaxes sobre as empregadas do fogar como o dereito á cotización á Seguridade Social; dereito á pensión de invalidez, xubilación, viuvez e orfandade; en caso de accidente de traballo cobro salarial dun 75% da base diaria de cotización do mes anterior á baixa; cobro salarial en caso de baixa por enfermidade; vacacións retribuídas anuais de 30 días, etc.

Para as persoas empregadoras, pola súa parte, durante os anos 2012, 2013 e 2014 aplicarase unha redución do 20% ás cotizacións devengadas pola contratación de persoas que presten servizos no fogar familiar e queden incorporadas a este sistema especial, sempre que a obriga de cotizar se iniciara a partir do 1 de xaneiro do 2012. A redución do 20% ampliarase cunha bonificación até chegar ao 45% para as familias numerosas.

Toda esta información pódese atopar nos libriños que o Observatorio da Mariña pola Igualdade repartirá na Seguridade Social, no INEM, nos centros de saúde, nas Casas do Concello, panaderías, farmacias, etc. das distintas vilas da Mariña ou descargar o libriño da súa páx web

 Ademais o Observatorio pon  a disposición de quen o desexe, a través da web, diversos modelos de contrato (para traballadoras internas ou externas, a tempo parcial ou completo) e modelos de nómina (para traballadoras que cobran por horas ou mensualmente )

O luns comenzamos co proxecto piloto de e- Commerce para a muller rural galega

Comenzamos  co proxecto piloto de e- Commerce para a muller rural galega.  Este luns tivo lugar a primeira reunión, a toma de contacto con mulleres interesadas no mesmo e as persoas que van  desenvolver o proxecto. Este proxecto piloto levárase a cabo neste ano en 8 concellos galegos, 4 concellos da costa e 4 concellos do interior.

 O obxectivo é desenvolver un modelo  de negocio ( baseado no  e- Commerce) que posibilite a xeración de riqueza e mellora de meprego nas zonas costeiras e rurais.

Poden participar mulleres en situación laboral  activa  ou desempregadas que teñan empresas /negocios ou queiran montar unha.

Xa temos un grupo de interesadas  que asistiron á reunión, pero imos abrir un novo prazo para que poidan participar aquelas mulleres que non tiveron coñecemento da convocatoria inicial.

O proxecto estrutúrase en dúas fases:

Unha PRIMEIRA  FASE  de contido formativo que terá lugar de  xuño até agosto  ( iniciaráse a mediados de xuño)

Ao  longo deses meses impartiráse unha sesión presencial unha  vez á semán cunha duración de 1 a 2 horas. A sesión será os luns pola tarde ( falta por determinar o horario concreto).

Nesta primeira parte formárase ás persoas nas seguintes cuestións:

  • O mercado do comercio electrónico.
  • Comercio electrónico: qué vender por internet?
  • A tenda online.
  • Sistemas de pago on line.
  • Aspectos legais.
  • Onde consigo unha tenda online.
  • Marketing online: cómo promocionar a miña tenda ?
  • Fidelización da/o cliente en internet.
  • A medición en internet: cómo medir o éxito da miña tenda online?
  • A operativa dunha tenda online: proceso e xestión de pedidos, CRM/atención ao cliente, almacenamento do producto, loxística e entrega.

A SEGUNDA FASE levárase a cabo o que resta de ano, desde  setembro a  decembro.

Nesta etapa  o obxectivo é a creación e desenvolvemento do proxecto piloto mediante o asesoramento e algunha sesión presencial.  O asesoramento será para o desenvolvemento do plan de negocio en internet , o procedemento  e logo haberá un seguimento e asesormaneto para o proceso de poste en marcha da tenda online.

PARA INSCRIBIRSE PARA PARTICIPAR NO PROXECTO

Así que aquelas mulleres que esteades interesadas en participar, aínda estades a tempo. O curso non comenza até xuño, así que só tedes que chamar á Área de Desenvolvemento Local ( Mónica Barcia) : 982128650 ou adl@ribadeo.org e ao  Centro de Información das Mulleres ( Luísa González) : 982120739 ou cim@ribadeo.org

Uxia Senlle recibe o galardón a mellor artista nos premios da Opinion

Hoxe desde o Ribadeomuller queremos dar os nosos parabéns, enormes parabéns a unha das mellores voces deste País. Unha gran música e muller.

Os Premios A Opinión da Coruña veñen de concederlle a Uxía Senlle o galardón á mellor artista, polo seu labor de  difusión, promoción e valorización da nosa música popular,  tradicional e culta.

“Son máis de vinte cinco anos cantando no oficio máis fermoso do mundo e cantando na miña lingua”,- manifestou Uxía tras recoller este merecido premio que chega nun momento moi especial da súa vida. A súa traxectoria e a súa gran calidade artística e humana a teñen convertido nunha gran embaixadora da música galega.*

O seu derradeiro traballo Meu Canto, que xungue a música de Galicia, Portugal e Brasil ten sido recoñecida en numerosas ocasións máis aló das nosas fronteiras. “Outros vinte cinco anos estarei enriba dos escenarios e espero cantar en cada recuncho deste país” ,-engadiu Uxía facendo gala da súa xenerosidade, sempre sinxela.

Despedimonos cunha fermosa  peza,moi coñecida,   para que vos animedes a cantala, xa veredes cómo vos sona

* As súas declaracións son recollidas daa páxina web folmusica.com

 

O venres comenza o Ribadeo Tapeo e ven cargado de igualdade.

Imaxe

Este venres 18 comenza o Ribadeo de Tapeo, actividade xa consolidade e de gran afluencia para a vila. Pero esta edición do Ribadeo Tapeo ven cargada de Igualdade.

Porque tanto mulleres como homes temos que gozar de actividades lúdicas. Actividades que sempre estiveron máis vinculadas o xénero masculino, xa que ir de viños ou de tapas sempre foi propio dos homes por desenvolverse no ámbito público. As mulleres pola contra, sempre se nos relegou a espazos privados, como o fogar, a facer outro tipo de tarefas non tan lúdicas,algunhas igualmente confortables, como os coidados e amor que se dan as crianzas, … e outras que representan verdadeiros traballos aínda que non estean remuneradas na maior parte dos casos,  como as actividades de pranchado, preparación de comidas, limpeza, etc…

Porque tanto mulleres como homes debemos compartir espazos ( o público e o privado) e responsabilidades e tarefas.

Pero, o que si é certo é que todas  e todos precisamos uns tempos de lecer, de ocio. Así que desde o día 18 a té o 23 de maio, podemos ir atopando unhas horiñas para ir de tapeo coas nosas amizades, coa familia… para descubrir tapas diferentes e para gozar cos sabores que nos ofrezan!!

desTAPA a igualdade. Porque así gañamos tod@s

Ademais, o Observatorio da Mariña pola Igualdade participa este ano na inciativa do Ribadeo de Tapeo lanzando unha campaña a prol da igualdade de xénero en todos os aspectos da vida, incluñido nos momentos de ocio. Repartiránse  140.000 servilletas co lema “desTAPA a igualdade. Porque así gañamos tod@s” entre os 51 bares participantes este ano no concurso coa fin de que, durante os días que dure o tapeo, sexan utilizadas por toda a xente que se anime a degustar as distintas tapas.

Ademais dende o 17 de maio até o 23 de maio hai preparada toda unha experiencia gastronómica que inclúe ofertas para durmir, ruta de tapas e pinchos , actividades, premios…

 Os  Soños gastronómicos….

Xa está na rede a curta ” Os tempos cambian e as persoas tamén”

 O pasado 8 de marzo presentábase publicamente a  curta  “Os tempos cambian a as persoas tamén” desenvolta  no marco do III concurso de guións cinematográficos. Este concurso é unha  das accións promovidas pola Concellaría de Igualdade a través da Oficina de Información Xuvenil ( OMIX) e o Centro de Información ás Mulleres ( CIM) co fin de promover e sensibilizar ao alumnado na igualdade de xénero, como mellor antídoto  para preveer a violencia de xénero. Unha das accións dirixidas ao alumnado da ESO entre as moitas que se levan a cabo na campaña  Un futuro por compartir en igualdade, que este curso 2011-2012 chegou a súa VII edición.

O primeiro ano a  temática para escribir o guión para presentar ao concurso debía versar sobre a violencia de xénero. No II concurso sobre a igualdade entre mulleres e homes e este ano debían centrarse na corresponsabilidade.

Pois ben como xa vos contamos en anteriores ocasións e entradas neste blogue, o premio para o mellor guión é a súa rodaxe. Na gravación colaboran o alumnado do grupo gañador  e doutros centros educativos, profesorado, xente da rúa… e para a montaxe, gravación e producción contamos con Andamiaxe e o seu ideólogo ao frente,  Ramón Torrente.

Deixámosvos o resultado final, para que o vexades, e fagades valoracións, comentarios, suxestións, o que queirades ….