Arquivos mensuais: Xullo 2011

Un ano okupando a rede

Seica nunca tan ben vivimos as mulleres coma agora. E insisto no ‘seica’, porque iso é o que se nos di decote, e tamén o que cada vez máis tendemos a crer e interiorizar. Con todo, a falta de contextualización crítica desta afirmación trae canda si dous perigos inherentes. Dun lado, con frecuencia fainos caer no perigo de pensar, desde a inxenuidade, que o mundo só pode ir a mellor no que se refire á igualdade entre mulleres e homes. Mais isto é falso, e a realidade ben que porfía en amosar o contrario: a recente aprobación da Lei de familia en Galiza non é máis ca un exemplo, e tamén poderíamos pensar nos moitos dereitos das mulleres durante a II República (laborais, ao aborto, ao sufraxio, á educación, etc.) que de súpeto quedaron esnaquizados coa chegada ao poder da extrema dereita de Franco, nun ambiente previamente enrarecido e nun contexto definido pola crise económica e social. Do outro lado, tamén é habitual que tal afirmación nos faga caer no perigo da autocompracencia total e da desmobilización respecto a unha causa, a da igualdade, na que supostamente xa está todo conseguido. Mais isto é, de novo, falso, e o día a día insiste en darnos evidencias da fonda discriminación contra as mulleres que existe aínda na nosa sociedade e no mundo enteiro: xunto ás formas máis explícitas de discriminación (desigualdade salarial, agresións sexuais, teito de cristal, atrancos para as mulleres podermos decidir sobre o noso corpo e sexualidade, feminicidios, asasinatos de noivas e esposas, e outras formas de violencia física), gañan terreo outras formas de violencia simbólica, non por iso menos perniciosas pero si máis difíciles de identificar como tales (pensemos na imaxe cada vez máis denigrante das mulleres nos medios comunicación e na publicidade, na exclusión do feminino na linguaxe a través da que nos comunicamos e construímos a nosa visión do mundo, na tiranía da beleza malia ás nefastas consecuencias para a saúde que acarrea, e moitas outras).

 É neste panorama no que cómpre situar a importancia da comunicación para a causa da igualdade. Comunicar, para dar conta dos avances que se van producindo (porque habelos hailos), como revulsivo para ver que a loita feminista provoca resultados palpábeis que melloran a vida de mulleres e homes, converténdonos en seres máis libres que poidamos decidir sobre a nosa vida sen termos que cumprir as expectativas sociais que desde o nacemento nos atribúen de antemán determinados papeis dependendo de se somos macho ou femia. Comunicar, para denunciar con voz alta e clara as inxustizas que as mulleres sufrimos no cotiá para desenvolver unha vida plena e en igualdade, pondo énfase tamén no terreo simbólico no que se asentan as formas colectivas de pensamento. E comunicar, tamén, para compartir recursos conducentes ao empoderamento das mulleres, para acceder á información sobre campañas, guías, iniciativas e políticas de xénero das que mulleres e homes podemos tomar parte de forma activa.

É preciso, pois, okupar o espazo que nos corresponde (pero que con frecuencia se nos usurpa) en todas cantas plataformas de comunicación estean ao noso alcance. Por unha banda, reivindicando este espazo nos medios de comunicación xeneralistas, que deben cumprir coa súa responsabilidade de xénero e dar cabida a informacións e reflexións sobre a situación social de mulleres e homes mencionadas na sección que lles corresponde (economía, familia, política, internacional, tecnoloxía, saúde, etc.), para así contribuír a erradicar unha cosmovisión do mundo androcéntrica que toma ao home como medida de todas as cousas. Pero pola outra, e ao lado disto, resulta igualmente vital crear soportes específicos e especializados en igualdade, como xeito de corrixir as exclusións do pasado (e do presente) e outorgar visibilidade a unha temática constantemente silenciada na axenda informativa. Para isto último, habemos tirar proveito da democratización dos contidos que traen canda si as novas tecnoloxías da información e sacarlle o máximo partido ás oportunidades que nos ofrece Internet!

Velaquí a relevancia de proxectos como Ribadeo Muller, o blog do Centro de Información ás Mulleres de Ribadeo. Okupar un espazo na rede significa falar a lingua das xeracións máis novas de mozos e mozas, á vez que debe significar desenvolver iniciativas para favorecer a alfabetización tecnolóxicas das xeracións máis vellas; okupar a rede adoita implicar unha maior responsabilidade ambiental, por canto se reduce o consumo de papel e de masa arbórea; okupar a rede permite que os contidos sexan accesíbeis a persoas de calquera recanto do planeta, e favorece tamén que desde o noso propio recanto poidamos darlle voz ás experiencias e inquietudes de persoas alén dos mares.

Porque a loita pola igualdade é unha loita global, okupemos a rede! E desexémoslle mil veráns máis a iniciativas que, como Ribadeo Muller, continúan no seu encomiábel labor de favorecer a toma de conciencia de xénero komunikando informacións sobre avances feministas, sobre denuncias de comportamentos sexistas e sobre recursos para a igualdade. Para elas e eles. Para tod@s.

*Olga Castro, xornalista, tradutora, investigadora e feminista mariñá.

Advertisements

O blogue do Centro de Información ás Mulleres celebra o seu primeiro aniversario

Ribadeo, 29 de xullo de 2011. Ribadeo Muller, o blogue do Centro de Información ás Mulleres (CIM) de Ribadeo cumpre este sábado, 30 de xullo, o seu primeiro ano de vida con arredor de 5.000 visitas neste tempo. Para conmemorar este primeiro aniversario o blogue vai incluír unha colaboración da xornalista, tradutora, investigadora e feminista mariñá Olga Castro. Así mesmo, desde hoxe,  poderase acceder ao blogue Ribadeo Muller dende a propia páxina web do Concello de Ribadeo (www.ribadeo.org) a través dun banner propio co obxectivo de aumentar a difusión e o coñecemento desta ferramenta comunicativa en prol da igualdade.

Ao longo deste ano, este recurso electrónico converteuse nun elemento clave para a difusión das actividades realizadas pola área de Igualdade así como para dar a coñecer proxectos e políticas que se realizan noutras partes do Estado ou do mundo.

Mariluz Álvarez Lastra, concelleira da Igualdade, amosou a súa satisfacción polos resultados colleitados polo blogue ao longo deste primeiro ano de vida. “ Ter presenza na rede, un espazo, fixo posibel que a información sobre as actividades da área de Igualdade apareceran reflexadas, tanto a súa convocatoria, como os resultados da mesma.  Incorporamos  algunha foto do evento e facemos unha pequena valoración da actividade.”

Con todo, Álvarez Lastra, salientou que se trata dun recurso no que aínda hai aspectos que teñen marxe de mellora e neles se vai centrar o traballo de cara o futuro. “”A falta de cobertura da rede no rural impediu que o  blogue  chegara  a todas as casas. Outra deficiencia, é a  brecha dixital. Aínda hai moitas mulleres que precisan dunha alfabetización  dixital. Temos que seguir traballando nese aspecto. Este ano fíxose algún curso, pero temos que intensificar esa liña de traballo formativa . E tamén quixeramos incrementar a participación da cidadanía no blogue. Creouse un apartado específico para que se enviaran artigos de opinión, con escaso éxito. Agora os retos para o futuro son promover un blogue máis dinámico e rachar coa brecha dixital”

 O blogue Ribadeo Muller naceu o 30 de xullo de 2010. Catro anos antes, en 2006, vía a luz a revista do mesmo nome, que logo se transformaría en xornal, co obxectivo de difundir entra a veciñanza ribadense as novas do ámbito da igualdade que se producen a nivel local, galego ou estatal. Co fin de adaptarse ás necesidades económicas da área e máis ás novas tecnoloxías, o CIM e máis a concellaría da Muller (actual concellaría da Igualdade) deciden reconvertir esta plataforma informativa e convertila nun blogue.

O obxectivo principal co que foi creado o Ribadeo Muller permanece intacto: traballar en prol da consecución da igualdade real e efectiva na vila a través dunha ferramenta informativa adaptada a este tempo que pretende ser un recurso referencial na localidade no eido da Igualdade para as mulleres e homes de Ribadeo.

Mariluz Álvarez Lastra, Concelleira de Igualdade.

As mulleres estranxeiras e maltratadas en situación irregular xa non serán expulsadas

 Esta semán  publicabáse  no BOE a última reforma na Lei de Estranxería que mellora a protección de estranxeiras vítimas de violencia machista ou de redes de trata e explotación sexual.

Xa non será necesario incoar expedente administrativo sancionador, que podía rematar coa expulsión, ás mulleres estranxeiras en situación irregular  vítimas de violencia de xénero e que denuncien ao seu agresor.

 O obxectivo desta reforma é establecer unhas condicións legais máis propicias  ás mulleres inmigrantes que se atreven a denunciar aos seus agresores. Até a data, as mulleres estranxeiras que atopábanse coa ameaza da apertura dun procedemento de expulsión si presentaban unha denuncia en comisaría. A partir, de agora as mulleres inmigrnates maltratadas poderán solicitar unha autorización de residencia e traballo por circunstancia excepcionais a partir do momento en que se dicte unha orde de protección ao seu favor ou informe do Minsiterio Fiscal que indique a existencia de indicios de violencia de xénero. Esta autorización non se resolverá até que conclúa o procedemento penal.

Tamén poderán solicitar un permiso de residencia para os fillos e fillas menores de idade ou con discacpacidade e de traballo en caso de que fosen maiores de 16 anos e se encontren en España no momento da denuncia.

Desde á  área de Igualdade do Concello de Ribadeo valoramos positivamente estes pasos que veñen a poñer fin a moitas das trabas coas  que se encontraban ás vítimas para disfrutar dunha protección efectiva cando estaban en situación irregular

Liliana Felipe cunha reivindicación feminista e provocativa

Liliana Felipe, compositora, cantante, pianista, tanguera e poeta, naceu  en Córdoba (Arxentina) alá  polos 50. Mudouse a México pouco despois do  comezo da dictadura (1976). Perdeu  á súa irmán e ao seu cuñado vítimas da represión ilegal.  En 1990 abre con Jesusa Rodríguez, a súa compañeira, o  Teatro Bar El Hábito  e o   Teatro de La Capilla , espazos de cultura independente, sen subvencións, onde está prohibida a autocensura. Desde entón,  programan e realizan alí obras propias de cabaret e  doutros músicas/os e   actrices/actores.

e

Emakunde presenta o estudo ” Homes e masculinidades: estudo disciplinar”

Emakunde, Instituto Vasco da Muller, presenta ‘Hombres y masculinidades: estudio multidisciplinar”, unha publicación composta por un conxunto de artigos especializados en masculinidade que conforman a base teórica dos cursos de formación enmarcados na Iniciativa Gizonduz. As piezas abordan cuestión  como xénero e dereitos humáns, as violencias masculinas, o antimilitarismo  e o feminismo como modelos alternativos de masculinidade, a violencia contra as mulleres, a criminalidade ou a prevención de toxicomanías, entre outras.

No  marco de Gizonduz, púxose en marcha no 2009 un Programa de Sensibilización e Formación dirixido fundamentalmente a homes, baixo a premisa de que a sensibilización e  a formación son claves para o cambio de mentalidade de cara o avance no  cambio de modelos socioculturais imperantes. O estudo que agora se publica está composto polas aportacións de especialistas en masculinidade de cara a crear unha base teórica para estos cursos de formación e sensibilización que tiveron moi boa acollida. Nas dúas primeiras edicións  de 2009 e  2010  foron  máis de 3.000 persoas, das  cales, un 55 por cento homes, as que participaron nos  distintos cursos organizados.

Curso on line gratuito

O vindeiro 15 de setembro conclúe o prazo para anotarse na  segunda edición do curso on-line gratuito de 60 horas sobre homes, igualdade e masculinidades que organiza Emakunde.  Neste curso on-line reflexionaráse sobre cómo se constrúen as identidades dos homes  e as mulleres e  qué papel xogan na nosa socialización os roles e estereotipos de xénero sobre os que se sustenta a situación estructural de subordinación das mulleres nos diferentes ámbitos da vida. Revisaránse, ademais, os modelos masculinos tradicionais e  analizaránse os novos, facendo fincapé no papel  que a lexitimación da violencia xoga na construcción das identidades masculinas.

O curso,de prazas limitadas, ten unha duración de 3 meses (do 21 de setembro ao  21 de decembro), e unha vez finalizado e superado los obxectivos mínimos establecidos, Emakunde otogará un certificado acreditativo

Máis información sobre o curso on line:

http://www.berdingune.euskadi.net/u89congizon/es/contenidos/informacion/formacion_gizonduz_60h/es_formacio/formacion_60h_es.html

Estudo completo sobre masculinidades en formato pdf:

http://www.berdingune.euskadi.net/u89congizon/es/contenidos/informacion/formacion_gizonduz_60h/es_formacio/formacion_60h_es.html

 

A música como instrumento para loitar en prol da igualdade

Diana Avella é unha das integrantes máis activas do hip-hop en Colombia. Ao longo da súa carreira centrou unha parte importante do seu traballo na achega anto ideolóxica coma cultural ou académica a este movemento, que se plasma en todas e cada unha das súas letras. Cantante contestataria e propositiva, atópase agora na promoción do seu último traballo “Mi vital argumento” onde fai un percorrido ao longo da súa experiencia como artista e no que amosa o seu orgullo de muller. Como mostra esta peza súa, “Nací mujer”.

 


Laura Seara toma posesión este mércores como secretaria de Estado de Igualdade

Laura Seara (Allariz, 1975), até o de agora directora do Instituto da Muller, toma posesión este mércores do seu novo cargo como secretaria de Estado de Igualdade. Faino en sustición de Bibiana Aído quen se incorporará no vindeiro mes de setembro ao seu novo traballo como asesora da axencia ONU Mulleres que dirixe a expresidenta chilena Michelle Bachelet.

Á fronte do Instituto da Muller fica Teresa Blat Gimeno que até o de agora era subdirectora xeral de Programas deste organismo e que foi fundadora da Federación Valenciana de Mulleres Progresistas.

A toma de posesión de ambas e dúas estará presidida pola Ministra de Sanidade, Política Social e Igualdade, Leire Pajín.