Son forte

Son forte. Sonrío. Estaba lendo a prensa e atopeime cunha cita, atribuída a Alphonse Daudet: “O odio é a cólera dos débiles”.

Non odio. Teño forza abonda como para estar seguro. Entendámonos: non se trata dunha seguridade material, ou mesmo de imposición de ideas. Non, trátase de estar seguro como persoa. Tampouco vexo unha saída alternativa ó desbalance forza/debilidade un trato, unha relación de condescendencia caritativa. Non. Non só teño forza, senón conciencia de que competindo dun xeito colaborativo todos seremos máis fortes. É dicir, todos viviremos mellor, en conxunto, e achegarémonos un pouco máis a ser felices.

Non, non. Non estou a falar de hipotéticos inimigos. Nin daquela persoa que cravou a puñalada trapera.Estou a falar de media humanidade, da humanidade enteira, pois non se pode falar de ‘media humanidade’ sen falar da outra media. Das mulleres, e con elas, dos homes.

Odio? Non. Condescendencia? Non. Igualdade na diferencia. Non identidade, que non somos idénticos, senón diferentes. Igualdade entre as persoas diferentes.

Diferenza para disfrute, non para segregación. Diferenza para aproveitamento, non para negación. Diferenza que se diría en certos ambientes ‘sinérxica’.

Está craro que a cousa non é así, as consideracións non son así, en tódolos ambientes, en tódalas sociedades, en todo o mundo. En tódalas persoas, con tódalas persoas. Nin moito menos. A bota masculina aínda aplasta a moitas mulleres, mesmo ás veces con bota de seda. Ó revés, moito menos, pero tamén. Predomina o que se da en chamar a guerra de sexos. Unha guerra de imperio, e en contrapartida, de submisión. Hai que decatarse: para submeter a alguén baixo unha bota, o submetedor en parte ten que estar quedo, non pode avanzar, está tenso, está … non desfrutando da vida. Se é consciente de que existe submisión.

E, se non ten o convencemento ético, debera ter o convencemento económico, da economía da felicidade.

Por certo que convivir en igualdade pode resultar ás veces máis complicado que obrigar a outros a acatar o que nós queremos. Pero, a parte de facernos máis humanos, complétanos como individuos e obríganos no camiño das persoas.

Antonio Gregorio Montes

Advertisements