Arquivo por etiquetas: dependencia

As mulleres son tamén as encargadas do coidado das persoas que padecen alzheimer

Hoxe celébrase o Día Mundial do Alzheimer. Os datos amósannos que en Galicia hai arredor de 35.00o persoas que padecen esta enfermidade e que precisan do coidado das persoas que están ao seu redor. Ao igual que acontece con outras moitas situacións de dependencia son en boa medida as mulleres as que adican o seu tempo e o seu esforzo ao coidado de quen se atopa enfermo sen gozar, en moitos casos do debido recoñecemento ao seu traballo.

Aínda máis, son tamén as mulleres as que adoitan padecer con maior frecuencia esta enfermidade. “As estatísticas sinalan de xeito constante o feito de que máis mulleres viven con Alzheimer e coidan a persoas con Alzheimer, e está claro que as mulleres se ven afectadas por esta enfermidade de maneira desproporcionada”, sinalou Angela Geigher, directora de estratexias da Alzheimer’s Association.

As afirmación de Angela Geigher están basadas nos datos dunha enquisa realizada en Francia, Alemaña, España, Polonia e EE.UU. que revelou que as mulleres están no centro da epidemia global do Alzheimer como coidadoras pero tamén como doentes.

 Malia que este ano o lema do Día Internacional do Alzheimer incide en que cada persoa é un caso, non estaría demais visibilizar e valorar como merece o traballo diario que fan centos de mulleres para outorgar unha maior calidade de vida a quen padece alzheimer.

Vaia dende o Ribadeo Muller a nosa homenaxe a todas elas…

Advertisements