Arquivos mensuais: Setembro 2011

“A condesa rebelde” achégase á vida de Emilia Pardo Bazán

O filme A condesa rebelde, dirixido por Zaza Ceballos e presentado esta semana na Coruña, achéganos á vida da escritora galega Emilia Pardo Bazán, unha muller que rachou cos corsés impostos pola época na que lle tocou vivir e que foi pioneira en boa parte das facetas que emprendeu. Xunto con Clarín e Galdós convértese nunha das máis destacadas novelistas do século XIX, foi a primeira muller á fronte dunha cátedra universitaria e a primeira xornalista profesional, entre outros aspectos da súa vida profesional.

O personaxe de Emilia Pardo Bazán, á que dá vida a actriz Susana Dans, relata a loita pola igualdade da escritora e doutras mulleres anónimas ao longo da historia. Ao tempo achéganos a momentos decisivos na vida de Pardo Bazán como os seus anceios por ser directora da Sección de Literatura do Ateneo de Madrid, conseguir a cátedra universitaria ou ser integrante da Real Academia Española, obxectivo este último que non logrou.

A Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta de Galicia, que colabora no filme, editou unha unidade didáctica, da que sairán á luz 5.000 exemplares, que acompañará á proxección da película en centros educativos co fin de presentar os valores da igualdade nas aulas.

No reparto nomes ben coñecidos da televisión e o cinema en Galicia: Mabel Rivera, Tamara Canosa, Manuel Lourenzo, Manolo Solo ou Lúa Testa.

Aquí podedes ver o trailer do filme:

 

Tralas Luces, unha historia de feirantes con voz de muller

A realizadora coruñesa, Sandra Sánchez, atópase estes días  presentando o seu documental Tralas Luces, único filme dirixido por unha muller española que participou no festival de cinema de Donosti.

Sandra Sánchez verque a súa ollada nesta longametraxe sobre unha muller que ela mesma califica, en declaracións á axencia AmecoPress, como “loitadora, especial e de gran lucidez.” É a historia de Lourdes, unha muller feirante que percorre o norte do Estado español a carón da súa familia levando de festa en festa unha pista de coches de choque.

A realizadora confesa que ao longo da realización de Tralas Luces naceu unha relación “de complicidade con Lourdes que me fixo entender que debía contar e dar voz á historia desta muller”. Califica a experiencia como “enriquecedora pois permitiume ver o mundo a través dos ollos de outras persoas sen xulgar, a ollar outras realidades e comprendelas”.

A longametraxe estréase este venres, 30 de setembro, nas sás de cinema.

A Secretaría Xeral da Igualdade pon en marcha un servizo de asesoramento xurídico online

A Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta de Galicia conta cun novo servizo de asesoramento xurídico online, accesible a través do portal Mulleres en Galicia, no que se ofrecerá información personalizada e gratuíta ás persoas usuarias.

O obxectivo do servizo é facilitar ás mulleres o coñecemento dos seus dereitos e axudarlles a que adopten as decisións máis axeitadas en cada momento. O servizo xurídico online ofrecerá resposta en tempo real a consultas sobre lexislación, violencia de xénero, conciliación, dereito de familia, agresións ou acoso sexual, entre outras, garantindo o anonimato e a confidencialidade da usuaria. Clarexará cuestións que con frecuencia suscitan dúbidas e polo tanto xeran temor, tales como qué actuacións xudiciais pode iniciar, se é necesario contar sempre coa asistencia de avogado/a e de procurador/a ou que medidas urxentes pode solicitar.

As consultas a través deste servizo son complementarias ás que se prestan de xeito presencial nos 78 Centros de Información ás Mulleres, CIM, repartidos por toda Galicia.

Este servizo xurídico online está enmarcado nunha serie de novidades que desde hoxe incorpora o portal de Igualdade, que inclúe unha aplicación de Google Maps que permitirá ás persoas usuarias localizar a ubicación dos CIMs e consultar todos os datos de contactos destes. O portal crea tamén novos espazos divulgativos, con microseccións para destacar perfís de mulleres que destacan como protagonistas da actualidade pola súa contribución profesional ou personal á igualdade e frases que son relevantes polo seu simbolismo como referencia na igualdade de oportunidades.

Aprobada de xeito definitivo a Lei de Titularidade Compartida das Explotacións Agrarias

O Congreso dos Deputados aprobou, de xeito definitivo e por unanimidade, a Lei de Titularidade Compartida das Explotacións Agrarias, un texto que pretende favorecer a igualdade efectiva de xénero no medio rural a través do recoñecemento xurídico e económico da participación na actividade agraria. Trátase dunha lei que responde a unha demanda histórica tanto dos colectivos de mulleres rurais coma dos sindicatos agrarios que logo de décadas de traballo intenso ven como as mulleres que traballan no campo poden reclamar legalmente novos dereitos.

Este texto legal resolve unha desigualdade histórica e por fin, logo de moitos anos, as mulleres que levan décadas traballando nas explotacións familiares terán dereitos e aparecerán nos papeis.

Segundo datos publicados pola axencia AmecoPress, na actualidade máis dun tercio das persoas que traballan nas explotacións agrarias familiares son mulleres pero no 71,19 por cento dos casos a titularidade figura a nome dos homes, aparecendo as mulleres na categoría de “axuda familiar”.

A aparición da titularidade compartida significa deixar de lado o concepto de “axuda familiar” e recoñecer de xeito pleno o traballo e a responsabilidade de xestión de cónxuxes e parellas de feito da persoa titular, ofrecéndolles a posibilidade de ser copartícipes do traballo feito e máis da xestión así como dos beneficios na cotización á Seguridade Social ás persoas que ostentan dita cotitularidade.

Para conseguir a titularidade compartida e que esta sexa efectiva é preciso inscribirse no Rexistro de Titularidade Compartida que estabeleza cada Comunidade Autónoma, sendo esta quen comunique ao ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño os rexistros que se vaian producindo.

Nota de prensa publicada polo Congreso dos Deputados co gallo da aprobación da Lei.

Nota de prensa publicada polo Ministerio de Medio Ambiente, e Rural e Mariño co gallo da aprobación da Lei.

 

23 de setembro: Día Internacional contra a explotación sexual e a trata de persoas

Co gallo do Día Internacional contra a explotación sexual e a trata de persoas queremos achegarvos un documental realizado pola directora e actriz Mabel Lozano (Mafalda Entertainment) no que se reflicte a cruda realidade das mulleres que son vítimas da trata con fins de explotación.

Desta volta, Mabel Lozano denuncia o papel que xoga o cliente como cómplice das redes de trata e explotación sexual. Segundo datos do Ministerio de Sanidade, Política Social e Igualdade así como da ONU, un 80% das persoas que exercen a prostitución no estado Español son vítimas da trata.

O documental foi merecedor do premio “Culturas 2010”.