Arquivo da categoría: Opinións

Queres saber un pouco máis do 25N en Ribadeo?

Faremos algo porque sempre convén lembrar  o significado do 25 de novembro, para seugir alzando a voz ante esta porblemática que non cesa. Máis desde  á área de igualdade do Concello de Ribadeo procuramos que todos os días sexan 25, e traballar a prol desta causa ao longo de todo o ano.

Como vén sendo habitual, a Mesa  Interinstitucional de violencia de xénero do Concello de Ribadeo, que está integrada por persoa sanitario, educativo, polos FCSE, Policía Municipal e máis persoal do Concello,  emite un comunicado con motivo do Día Internacional contra á violencia de xénero.

Velaquí tedes íntegro o comunicado enviado á prensa :

O  número de denuncias por violencia de xénero nos últimos 5 anos  disminuíu nun 9,6%, según o Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero do Consello Xeral do Poder Xudicial ( CXPX). Esto non se corresponde coa disminución do número de casos, senón que estamos ante unha bolsa oculta de maltrato que non deixa de medrar. O primeiro trimestre deste 2013 equipárase nas denuncias interpostas ao número das presentadas no primeiro trimestre do 2007, que foi o momento no que se comezou a recoller ese dato na estatística xudicial. 

Por outra parte, os recursos  para ofrecerlle ás mulleres vítimas de violencia de xénero cada vez son menores e a sensibilidade das persoas nos diferentes ámbitos( policial, sanitario, educativo, social e xudicial) minguou considerábelmente.  Hai unha mensaxe de desmoblización e desesperanza para quen no seu fogar, en silencio sofre día a día esta barbarie froito do patriarcado.

A crise está a ocasionar  o recrudecemento da violencia económica. As mulleres afectadas pola reforma laboral, polos recortes en dependencia, polos despidos teñen que volver a depender das súas parellas, reconvertidos como antaño nos principais sustentadores da economía familiar. Todo isto, unido ao aillamento, o maltrato psicolóxico que anula ás vítimas deixándoas  sen vontade, ou ao medo  aos  golpes e  a morte ten un resultado final enganosoredúcese o número de denuncias, pero non  porque  disminuíran os casos de violencia. Por poñer, un dato, no que levamos de 2013, só un 18,2% das mulleres asasinadas  denunciara previamente ao seu agresor.

O empeoramento económico acompañado de falta de alternativas desde as institucións ten un efecto disuasorio nas  vítimas. De novo, estamos ante unha situación que require a necesidade de emancipación das mulleres para poder dar o paso a unha vida independente do agresor.  A violencia económica é moi agresiva, terríbel, porque non se ve e non se detecta. A violencia económica leva á violencia psicolóxica, pero ambas son díficiles de probar o que leva engadido que para demostrala, a vítima ten que atoparse cunha xuíza ou xuiz que sexa capaz de recoñecer os síntomas desta violencia psicolóxica.

Outra circunstancia preocupante  é a disminución das medidas cautelares impostas polos xulgados de violencia de xénero. Por exemplo, das 7.750 ordes de protección acordadas no primeiro trimestre do 2012, este ano, no mesmo período do anos só se ditaron 4583, o que supón un descenso do 7,11.

 Cabe subliñar tamén  a práctica cada vez máis extendida por parte dos maltratadores de poñer fin á muller acompañada das e dos fillos, como está a acontecer nos casos  máis graves de violencia, que son os que rematan en feminicidios (que é como en verdade deberíamos chamar aos asasinatos das mulleres) . Neste ano 53 mulleres e 7 nenos/as perderon a vida. 

E por último, queremos amosar a preocupación polo incremento de casos de maltrato entre nenas e adolescentes influído tamén  porque o  inicio das  relacións de noviazgo no Estado español  adiantouse aos 13 anos. Un tercio das mulleres que son vítimas de violencia de xénero son menores de 30 anos. O maltrato non se ciñe ás agresións físicas. Comezan a darse formas de violencia máis propias desta xeración, as que xurden co uso das novas tecnoloxías  que resultan aínda máis díficiles de detectar e distinguir. As redes sociais, os servizos de mensaxería utilizados nos teléfonos móviles, como o Whatsapp, entre outros instrumentos están facendo dano entre a xente moza, combinado con outras formas de violencia máis propias desta xeración como a que se exerce cos ciumes. Un alto porcentexe de xoves recoñece os ciumes como unha manifestación de  amor  no canto de calificalos como unha forma de control.

Son formas de violencia máis silenciosas pero que é importante que sexan recoñecidas para ser combatidas.

Charla o vindeiro 25 de novembro na Casa dasLetras :

E para sabermos un pouco máis destas violencias máis ocultas, o luns 25 de novembro temos unha charla ás 20.15 h na Casa das Letras, onde imos contar cunha das colaboradoras de Pikara Magazine. Bárbara G. Vilarinho disertará   arredor de ” Por qué o chaman feminazi, cando queremos decir igualdade??

lILA 25n

 

Advertisements

Falamos con Teresa Rodríguez, unha das integrantes máis novas de ” Meniñas da Saudade”

Grupo Saudade foto entrevista

Nesta semana tan intensa por mor do  Día Internacional das Mulleres, queremos entrevistar a unha das integrantes de ” Meniñas da Saudade”. Foi a  primeira formación de gaiteiras exclusivamente feminina  na Galiza e no Estado español formada nos anos 60  e que acadou enorme transcedencia alá por onde ía. Mañán,  8 de marzo, daráselle o seu nome a unha rúa ribadense. Ás 19.40 h será o descubrimento da praca, na que moitas das homenaxeadas estarán presentes.

Falamos  con Teresa Rodríguez, unha das integrantes máis novas de ” Meniñas da Saudade”

Teresa RodriguezTeresa Rodríguez comezou a tocar a gaita aos 12 anos e foi integrante de “Saudade” dende os comezos da formación ata os cinco anos que durou aproximadamente.

A que anos comezaches a tocar a gaita?E cándo ou como se produce a túa integración na banda de gaiteiras “Meniñas de Saudade”?

De rapaza participaba nas obras de teatro que Don Amando Couto promovía para recadar fondos para o Asilo de Ribadeo. En ditos ensaios propúxome formar, xunto con parte das rapazas que realizabamos as “comedias”, un grupo de gaitas. Así foi como xorde o meu achegamento a este instrumento aos 12 anos.

Unha das trabas que nos impiden ás mulleres aceder en igualdade de condicións ao ámbito público e o papel que nos foi asignado historicamente restrinxido  ao fogar,  ao ámbito privado. Meniñas da Saudade comeza a ter unha proxección pública e demandan a súa actuación en diferentes lugares do país e da nosa contorna. Todo isto, choca coas normas dos anos 60, mulleres, mozas e con proxección pública. Qué supuxo para ti poder sair da casa tan xoven para tocar frente a un público ?

A día de hoxe, unha pode entender “Saudade” como unha ferramenta de empoderamento da muller e do noso folckore, pero naquel momento o único que nos movía, como rapaciñas que eramos, era a diversión que supoñía reunirnos, a ilusión que provoca a música, a satisfacción de ver ao público entusiasmado, poder viaxar,…

Por aqueles anos non debía ser moi común ver a mulleres formar parte dunha formación musical, e moito menos que o seu conxunto fose integramente feminino. Seguramente vós daquela non erades conscientes deste feito??  Que vos decía  a xente ?

A verdade é que eramos conscientes, de feito foron os irmáns Suarez Couto quen no momento de formar este grupo nos comentaron a súa idea de que a formación fose integramente de mulleres. O que realmente nos impactou foi o acollemento tan apoteósico que tivemos. Ningunha de nós se imaxinaba a trascendencia que “Saudade” tería, xa dende o mesmo momento da súa presentación. A pena foi que esta proxección non continuase e que a duración do grupo non se alongase moito máis alá no tempo.

 Podes contarnos algunha  anécdota  dos viaxes  ou dunha   actuación??

Anécdotas hai moitas, pero o paso do tempo fai algún que outro estrago. Era moi satisfactorio que músicos de diferentes lugares aos que iamos se interesaran en tocar con nós, que para eles fose algo moi especial, como foi o caso da Banda de Música de Celanova. Recordo tamén unha actuación na que, os rapaces novos do lugar, escondéronse debaixo do escenario e entre as tablas do mesmo meteron un pau para intentar levantarnos os pés. O que non imaxinaron eles e que, unha das integrantes do grupo recoñeceu a un deles e, ao baixar do escenario, usaría a súa gaita a modo de vara.

Co paso dos anos como valoras esta experiencia ?

Xa sin o paso do tempo, esta experiencia marcounos dende os seus comezos. Son moitos os recordos agradables que acompañan “Saudade” e grandes amistades as que se crearon.

Sigues tocando a gaita ?? Tocas nas reunións familiares  ou só para ti ??

Pois a verdade é que a día de hoxe non toco moito, toco pero non coa constancia daqueles tempos; un vai perdendo dedos a medida que non practica. Pero gosto moito de tocar coa familia. As nosas xuntanzas son moi musicais, todo o mundo participa.

Hoxe en día no panorama musical galego están destacando moitas mulleres e tamén algunhas gaiteiras que ou ben tocan en solitario como Susana Seivane, Mercedes Peón, Cristina Pato ou con algún grupo como Guadi Galego no seu día  con Berrogueto. Gostas de escoitar esa música??

Gústame, aínda que, tal vez, me agrada moito máis a música tradicional galega e non tanto a música contemporánea de raíz folcklórica, aínda que escoito moitos estilos de música.

 

Conversamos con Silvia Murias, poeta e coordenadora do caderno ” Rachando inercias”

 

Na última entrevista falábamos   cunha sondanorteña aficcionada á pintura. E desta volta, repetimos cunha sondañorteña, máis a súa arte está na poesía.

Conversamos con Silvia Murias, poeta e coordenadora do caderno ” Rachando inercias”  no que once mozas ribadenses unen o seu potencial artístico para rachar coas inercias que sitúan as mulleres e a lingua galega nunha situación de inferioridade.

541192_205372409566389_1181607661_nSilvia Murias Gómez (Barakaldo, 1983) gaña ós 15 anos o primeiro premio no concurso de relato breve  Repsol a nivel autonómico e no ano seguinte obtén o segundo posto. Ós 18 anos comeza a escribir poesía, xénero que a leva a realizar en Xullo de 2011 o recital poético “Deconstrucción del dolor” e na actualidade o “rúacital” xunto a Héctor Peña e Víctor Villar.

Cómo  o teu proceso persoal no cal descobres na poesía un espazo de inpiración e de creación?

Penso que os meus sentimentos atoparon un roteiro de voz e tinta que agora non son quen de sortear. A poesía brindame ese tempo e ese espazo silencioso no cal me sinto libre de ser verdadeira. É o flow do que fala Mihalyi Csikszentmihalyi, o estado da creación.

Como psicóloga de corte humanista, persigo a autenticidade partindo da detección das propias necesidades, así este “ser poeta” constitúe para min unha arma marabillosa ca cal defenderme unha vez identificado o inimigo.

A qué anos comezas a escribir poesia e por qué só neste xénero? Non te chaman outros?  

Comecei coa poesia cando estudiaba en Santiago de Compostela, ós 18 anos. Antes escribía relato curto. Unha das críticas que recibía con asiduidade era que os meus relatos resultaban “moi densos e poéticos” así que decidín botar por terra esa barreira de respeto-medo que lle tiña á poesia, e aqui estou. Polo momento non xurdiu en min a necesidade de crear noutro xénero mais quen sabe a que mar irán desembocar as palabras no día de mañá.

Cómo definirías a túa poesia??

Emocional, sincera e valente. As veces di cousas moi duras, gústame ese volver a un poema e redescubrirme, pensar por exemplo ¿É así como realmente sentín esto? E ser capaz de conectarme e identificarme con esa emoción de novo. Hai moito de autocoñecemento na escrita propia.

Ti participas desde os inicios na plataforma cultural Sonda Norte.  Cómo encaixa este proxecto na túa aficción poética, que che da a nivel persoal?

 Sen dúbida o mellor que Sonda Norte me ten aportado foi a posibilidade de compartir rúa con Víctor Villar e Héctor Peña. A plataforma propiciou este encontro dos meus poemas coa guitarra de Héctor e as cancións de Víctor. Os nosos “Rúacitais” leváronnos da man de Sonda Norte dende as rúas ribadenses ata o culturgal en Pontevedra, e iso é sen dúbida a miña ganancia persoal máis valiosa.

Ti eres unha das persoas que fixo posíbel que os potenciais creativos de 11 mozas ribadenses se reuniran no caderno “ Rachando inercias”. Por qué esa iniciativa, qué descobres con este traballo?

A idea de facer o caderno xurdiu nunha das reunións de Sonda Norte, e aqui temos o resultado. Coido que cumprimos co obxectivo de facilitar a expresión de mulleres ribadenses desta xeración.

Síntome moi identificada con moitos dos traballos e gratamente sorprendida pola calidade artística das miñas compañeiras. O sábado 2 de marzo presentaremos o caderno en Compostela e pensar que se lle poida dar visibilidade mais aló do noso pobo resúltame máxico. Gracias Luisa, sen tí nada disto sería posible.

Cales son os teus referentes na escrita e concretamente no teu mundo, o poético?

Gústame dicir que son de relixión cortazariana. Para min Julio Cortázar é “o escritor” por antonomasia. Tamén disfruto de maneira especial con Pilar Pallarés, Mario Benedetti ou Charles Bukowski.

Gustaríache vivir da poesia? Podes adiantarnos se tes algún proxecto en mente sobre publicar algunha obra ??

Ademá¡s de psicóloga, traballo como xerontóloga clínica e a verdade é que me encanta o meu traballo, así que non, non me gustaría vivir da poesía, ainda que soaria bonito dicir:- son poeta de profesión. Levo un tempo barallando a idea de publicar, pero son bastante autoesixente. Polo momento, tentaremos facer mais rúacitais este verán e o día menos pensado lánzome a buscar editorial.

Hoxe falamos con Mónica Justo, artista novel de Ribadeo que nos presenta estes días a súa primeira exposición

No mes de xuño iniciábamos o noso serial de entrevistas  para facer máis lexibel a información e achegarvos ás iniciativas e as persoas que están tras elas.  Desta volta, imos falar cunha xoven creadora, para que nos conte cómo descubriu a súa inquedanza artítisca.

Falando con Mónica Justo, artista novel de Ribadeo que  nos presenta estes días a súa primeira exposición.

Artista novel de Ribadeo que pronto comeza a interesarse polas artes plásticas. Cursa os seus estudos na escola de artes Ramón Falcón de Lugo e actualmente dirixe a súa inquietude artística cara o campo da pintura. Ven de inaugurar a súa primeira exposición cunha excelente acollida.

A qué anos descubres que realmente o que che gusta é pintar e que ademais o fas ben? A miña adicación dunha  maneira máis seria e constante no campo da pintura chegou fai uns dous ou tres anos e de xeito bastante espontáneo. Non é que un día decidira: “vou pintar” senón que  desde sempre  gustábame facer bocetos, debuxiños… e cada vez foi máis forte a necesidade de expresarme de maneira artística. A partir deso, coa experimentación como medio, probando con diferentes materiais e  técnicas  vas atopando o teu camiño, avanzando aos  poucos. Penso que é algo que che sae de dentro, e que se o desfrutas, vives con paixón, como é o meu caso, e con tesón e constancia, é moi gratificante porque deseguida vas vendo resultados e iso  da forzas para continuar.

 A  túa formación académica centrouse desde o primeiro momento no eido artístico estudando na Escola de Artes Ramón Falcón de Lugo. Foi unha decisión que tiñas clara ou foi  froito da casualidade e das túas habilidades artísticas?

Recordo xa de pequena que tanto na escola como na casa dicían que debuxaba moi ben e destacaba sempre nas tarefas artísticas,  polo que chegado o momento de decidir cara onde quería dirixir o meu futuro, optei pola única opción que realmente me interesaba. Non tiña claras todavía as disciplinas a escoller, nin sequera cales eran  esas alternativas,  tan só sabía que eu quería facer algo que fora creativo. Axudoume que meu irmán maior xa levaba un tempo estudando na Escola de Artes Aplicadas de Lugo, e eu, que vía os seus traballos e escoitaba a súa experiencia sentín que ese podía ser o meu lugar.Aí foi onde aprendín  a base que precisas para entender e aproximarte a arte, aínda que finalmente optei por especializarme en deseño de interiores.

 Polo que puidemos contemplar nas obras expostas, as túas obras son intimistas,  coloridas e que retratan un pouco o teu entorno. Cómo te definirías a nível artístico, tes influenzas dalgunha escola…?

 Nas miñas obras pinto aquelas cousas, persoas ou sentimentos que dunha ou outra maneira son importantes para min, que me producen algunha emoción e que quero compartir, e a partir desto a escolla en canto á técnica material ou estilística ven dada por  esa idea que queres transmitir e cómo ti a entendes. Para isto utilizo moito a cor como elemento de expresión porque  é un medio que aporta moiza forza visual e permíteme transmitir moitas cousas xogando cos contrastes.

Non definiría a miña obra dentro dunha corrente artística específica xa que aínda estou nos meus comezos, nunha fase de experimentación na que teño moito que aprender, moitas ideas que desenvolver e  técnicas por manexar e mellorar  na búsqueda da miña propia identidade.

Ao igual que noutros ámbitos, o primeiro que nos veñen a cabeza son nomes de pintores, aínda que na Mariña hai que subliñar que temos o caso excepcional da viveirense Marauxa Mallo.  Pensas que no mundo artístico en xeral,  e no da pintura as mulleres e homes teñen as mesmas posibilidades ou oportunidades  a hora de difundir unha obra, de ser valorada…  ?

Creo que a arte neste aspecto si que é un reflexo da sociedade, e como tal, hoxe en día, como en case tódolos campos, segue a existir certa invisivilidade da muller, ainda que se está a rescatar do olvido a grandes artistas que non tiveron a repercusión que se merecían no seu tempo. Ese é o caso, no noso entorno próximo, como dís, de Maruxa Mallo ou da lucense Julia Minguillón.

Aínda que tantos anos de imposición masculina no mundo artístico levará tempo recuperar, na mente colectiva comezan a soar os nomes das mulleres que en tódolos campos artísticos da actualidade están a destacar. No contexto social, penso, segue a existir unha brecha entre ambos sexos a hora de compaxinar os diversos ámbitos da vida e polo tanto sí que a muller ten dificultades engadidas para  desenvolver a súa carreira artística.

Grazas a plataforma Sonda norte estamos a descubrir non só aficcións das mozas e mozos ribadenses, senón creación, talentos  que se agochan tras o nordés que . Cómo  valoras esta iniciativa  de Sonda Norte da que ti formas parte?.

Como un grande acerto xa que Sonda Norte é unha iniciativa que pon en valor e promove  a creación local. Nesta zona estase a demostrar que son moitas as persoas que teñen unha grande inquietude artística en moi diferentes campos, e sempre é enriquecedor coñecer novas propostas. No meu caso deume ademais un impulso final para tomar a decisión de dar a coñecer a miña obra, xa que me sentín arroupada por un colectivo de persoas que valora a creación e o traballo.

Para que vos vaides deleitando deixámosvos unha foto dun dos cadros. E para ver o resto da exposición tedes que achegarvos á  sala Sonda Norte da Casa da Xuventude .  Os horarios son de luns a xoves, de 09.30h a 13.30h e de 16.00h a 20.00h. Os venres de 9.30 a 13.30 e os sábados de 12.00h a 14.00h.

Falando con Suso Ferreiro, director dos cursos de educación infantil da Mariña

Hoxe comenzamos un novo apartado no Ribadeomuller. Estamos sempre a experimentar, así que imos lanzarnos  e  iniciar un serial  de  entrevistas, co obxecto sempre de facer máis lexibel a información e de achegarvos ás iniciativas e as persoas que están tras elas.

Falamos con Suso Ferreiro, director e impulsor dos cursos de verán temáticos de educación infantil da Mariña.

Licenciado en Psicopedagoxía e con estudos predoutorais en xogo infantil e animación sociocultural na infancia, tema este último que constitúe o seu proxecto investigación de doutoramento. Está destinado no IES Gamallo Fierros  desde o ano 2002, como profesor técnico de Servizos á Comunidade ata o ano 2007 e, desde entón, de educación secundaria da especialidade de Intervención Sociocomunitaria.Ten impartido cursos sobre educación infantil, formación profesional e orientación laboral para distintas entidades,  dirixidos a estudantes, parados e educadores e educadoras de todos os niveis educativos.

 Levas ás costas seis edicións do curso temático de educación infantil da Mariña. Como xurde esta iniciativa?

A iniciativa xurde pola dificultade que hai na Mariña para formarse, máis aló de estudos regrados , en relación coa educación infantil. Foi unha idea que propuxen e barallamos no Departamento de Servizos Socioculturais e á Comunidade do IES cunha compañeira. Para darlle máis pulo e posibilidades respecto da certificación de horas embarcámonos coa Universidade da Coruña a través da coorganización coa profesora Mariló Candedo, da Facultade de Ciencias da Educación e resultou moi positiva a experiencia e a asistencia

Neste curso consíguense niveis de asistencia que chegan a triplicar o de calquer outro curso de verán. Máis de 100 persoas, algo que resulta excepcional. Ten esto algunha explicación?

A explicación, en boa medida, está relacionada con dúas cuestións, por unha banda a dificultade antedita e pola outra, con que no IES Gamallo Fierros se vén impartindo un Ciclo Formativo de Grao superior en Educación Infantil, o que conleva que hai  na Mariña e no Occidente asturiano unha porcentaxe elevada de profesinais técnicas en educación infantil formadas nas nosas aulas e que precisan de formación continua. As persoas queren propostas e están con gañas de formar

A simple vista, dá a sensación que o colectivo que traballa na etapa infantil ten poucos recursos formativos adaptados  ás súas necesidades. Como valoras  a oferta formativa dirixida  as e os profesionais de infantil?

A oferta mellorou moito nos últimos anos, sobre todo a dirixida ao primeiro ciclo, 0-3 anos. Entidades como a ASPG ou administración, a través do Consocio Galego de Igualdade e Benestar fixo unha aposta importante fai algúns anos, aínda que é claramente insuficiente nestes últimos, e máis na Mariña.

A crise está a afectarvos? Consideras que acarrea consecuencias na calidade das escolas infantís e do segundo ciclo da etapa de infantil nos colexios?

A crise está arrasando con todo, ou máis ben, co pretexto da crise estase arrasando con todo o que teña que ver coa educación pública e cos servizos de coidado e atención aos dous extremos máis dependentes da poboación, infancia e vellez. Houbo un momento, fai catro anos aproximadamente, donde daba a sensación de que se ía producir unha expansión do campo do social, froito da “lei da dependencia” e doutras que se estaban a debater. Eso acabouse e tardaremos anos en voltar aos niveis de protección social vividos. Unha das grandes mentiras da época que nos toca vivir consiste en afirmar que se fai máis con menos. Se polo menos se fixera o mesmo con menos xa nos daríamos por satisfeitos, pero nin eso. Agora é pronto para valorar o alcance das consecuencias, pero nun par de anos teremos datos dabondo para podelo facer, porque ata o de agora boa parte do sistema estaba aguantando co que había. Cando a escaseza de recursos comece a ser notoria, derivando en dinámicas de traballo unicamente asistencial, darémonos conta desto en toda a súa crueza.

Cada ano sorpréndesnos cunha temática nova, diferente e na que cada ano o nivel das e dos relatores/as se supera. Utilizas algún criterio para elixir a temática?

Eu non falaría de sorpresa, se non de ir paseniñamente abordando temas arredor da infancia, da súa situación, da súa educación, da súa consideración social, da súa presenza nesta sociedade deseñada e gobernada por adultos en tempos e espazos. É boa verdade que os relatores e relatoras que conseguimos traer a Ribadeo son profesionais acreditados da educación infantil ou que investigan sobre a infancia e que teñen xa un recoñecemento no seu ámbito, mesmo aínda que non sexa da educación. Digo esto porque hai moitos e moitas que quero que veñan a Ribadeo e que non o consigo ou ben porque os recursos son os que son ou ben porque non gustan de falar ou disertar ante auditorios ou ben ante adultos ou mesmo polas axendas. Lembro o caso do estimado profesor da Universidade de Santiago, Herminio Barreiro, que empeorou durante a xestación do curso  de 2010 e non puido achegarse a Ribadeo e faleceu en outono.

O que si teño claro é que, para propoñerlles vir ao curso, ou ben teño boas referencias deles ou fun a cursos que eles impartían ou me deron clase. É o único criterio que sigo para pechar programa, a súa profesionalidade.

  A finais de xuño, os días 22, 23 e 24 terá lugar a VI edición do curso temático de verán de educación infantil. Este ano céntrase na literatura infantil, sendo un eido no que editoriais galegas teñen adquirido recoñecementos a nivel internacional, que pode aportarnos  este  ano o curso ?

Pois a idea é que aporte unha panorámica a profesionais da educación arredor da literatura infantil , da imaxe como precursora na ruta que fai a crianza de cara á lectura e que logo deriva neso que chamamos un bo manexo da ruta lecto-escritora. Este bo manexo logo gabámolo ou laiámonos en primaria e secundaria. Pero antes deso temos a oralidade, as cancións do berce, as retahilas, os pareados. En resumo, a tradición oral. Polo tanto temos a tradición que nos trouxo ata os nosos días a maior parte da literatura, incluso despois da imprenta, que algúns recolleron e deturparon ou adaptaron ao canon da época. Logo temos a imaxe acompañante do texto, o álbum ou simplemente a imaxe como contedor de contido. Engadido a estes relatorios temos un que nos falará da recolla e conservación da tradición e outros dous máis prácticos como son a abordaxe de técnicas e estratexias para traballar literatura infantil, para contar, para lerlles aos nenos e nenas, para dinamizar. Neste caso son profesionais da educación infantil e colaboradoras da editorial Kalandraka –todo un referente en literatura infantil- e unha dramaturga e contadora con moito recorrido profesional no campo este. Ademais teremos unha proposta que recolle unha experiencia sobre a abordaxe interxeracional neste sentido, coa infancia e vellez. Todo isto completarémolo cun paseo polo Ribadeo literario, guiado por un profesor do noso IES, seguindo o roteiro dos máis relevantes, que teñen ou tiveron relación con esta vila, incluido o último homenaxeado, Baixeras. Creo que vai resultar proveitoso para quen traballe con crianzas e mesmo para o público xeral.

A participación da muller na política, asignatura pendente

“No vamos a ser convidadas de piedra” Clara Campoamor, la mujer olvidada

“La mujer tiene el derecho a ser llevada al cadalso y del mismo modo el derecho a subir a la tribuna” Olympe de Gouges

Cando están a piques de cumprirse dez meses após da celebración dos comicios municipais do 22 de maio de 2011 este artigo realiza unha radiografía das 18 corporacións locais do Partido Xudicial de Mondoñedo para determinar de xeito cuantitativo cal é a presenza da muller na vida política municipal. Ao tempo, tomando como punto de partida estes datos, prantéxanse unha serie de hipóteses que pretenden deitar luz sobre as causas que provocan que a política na comarca da Mariña sexa aínda cousa de homes.

No conxunto dos 18 concellos que constitúen o Partido Xudicial de Mondoñedo resultaron eleitos 202 edís, 79 mulleres (39%) e 123 homes (61%), dun total de 59 candidaturas presentadas das cais tan só 11 ían encabezadas por mulleres. Ningunha delas acadou a alcaldía da súa localidade.

A análise individual de cada unha das corporacións locais esboza unha realidade que se repite, sen case excepcións, concello tras concello: o número de mulleres presentes nas mesmas é inferior ao dos homes. Na maior parte dos plenos a porcentaxe feminina nin tan sequera alcanza o desexábel 40% do total, cifra que nos colectivos en prol dunha maior participación da muller na política activa se considera relativamente próxima á igualdade malia que non se acepte máis cá como un mínimo a partir do cal seguir avanzando cara a plena equidade.

Tan só os municipios de Burela (8 mulleres e 5 homes) e Cervo (6 mulleres e 5 homes) constitúen unha excepción. No primeiro catro mulleres ocupan postos de responsabilidade no goberno local e unha lidera un dos partidos da oposición; no segundo outras catro mulleres forman parte do equipo de goberno e dúas encabezan o principal grupo opositor.

Cando acceden a postos de responsabilidade, que áreas son as que adoitan ocupar as mulleres? Sen seguir máis criterio científico cá observación do que acontece de xeito maioritario nos 18 concellos analizados, a muller continúa ocupando aquelas concellarías vencelladas ao coidado das persoas dependentes (Servizos Sociais e Sanidade), á educación das crianzas (Educación ou Mocidade), á preservación e á posta en valor do entorno (Medio Ambiente ou Turismo)… Todas elas áreas que se corresponden co ámbito “privado” da sociedade (o fogar, as fillas/os, as persoas maiores…) ao que foi relegada a muller por parte do patriarcado.

Mentres son homes os que reparten entre si aquelas responsabilidades de maior peso económico e político, e xa que logo maior visibilidade no espazo “público” da sociedade: Facenda, Economía, Persoal, Urbanismo, etc.

Que hai detrás desta invisibilidade da muller na política comarcal?

Teño escoitado a un número importante de políticos da comarca, homes todos eles pois son os que ocupan as máximas responsabilidades executivas nas formacións, dun lado e doutro do espectro ideolóxico, dicir que lles resulta complexo atopar mulleres para formar as candidaturas, que cando as atopan non queren ir diante, que piden sempre áreas que non teñan moita carga de traballo…

Parte das afirmacións anteriores son certas. Non é doado formar unha lista debido á erosión que sofre a práctica da política activa neste momento. O desencanto para coa “gobernanza do público” e para con quen a práctica é evidente: no último barómetro do CIS (Centro de Investigacións Sociolóxicas) de febreiro de 2011 un 19,4% da cidadanía situaba á clase política e aos partidos como o terceiro problema que existe arestora no Estado español. Pode que non sexa fácil, sobre todo en municipios pequenos, cumprir co que sinala a Lei Eleitoral co fin de acadar unha composición equilibrada das candidaturas, de xeito que no conxunto da mesma as candidatas/os de cada un dos sexos supoñan como mínimo o corenta por cento (da que están exentos aqueles municipios con 3.000 ou menos habitantes). E até pode que leven razón cando afirman que as mulleres que dan o si para formar parte dun proxecto político piden dirixir áreas de goberno sen moita responsabilidade.

O problema non é o grao de certeza das afirmacións anteriores. O alarmante é que son escasas as voces que piden atallar o problema de xeito radical, no sentido de abordar o que sucede dende o xermolo da cuestión.

A clave da infrarepresentación da muller na política está na concepción actual da práctica política e máis no carácter androcéntrico que presentan as estruturas dos propios partidos e formacións políticas.

O pleno do Concello de Foz no mes de febreiro durou cinco horas, rematando preto da unha da madrugada; en Ribadeo comezan ás oito do serán e a súa duración está próxima ou pasa sempre das dúas horas. Son só dous exemplos para ilustrar a situación que se procura analizar. Aos plenos hai que engadir a asistencia ás comisións de goberno e reunións ou a presenza nas actividades das áreas propias, boa parte delas concentradas nas fin de semana ou nos días festivos… Cun panorama así, como lograr un grao de conciliación que permita á muller participar na vida pública cando seguen sendo elas as que realizan de xeito maioritario as tarefas do fogar e as que se encargan do coidado das crianzas ou das persoas dependentes?

Algo semellante ocorre na estrutura e no funcionamento interno dos partidos. Tània Verge sinala no seu artigo “Mujer y partidos políticos en España: las estrategias de los partidos y su impacto institucional, 1978-2004” que as formacións políticas empregan “estrategias retóricas” tanto a nivel documental (programas marco ou resolucións congresuais) coma nas declaracións dos seus dirixentes en prol da importancia das mulleres á vida política.  Son habituais estas declaracións en días marcados en lila no calendario coma este 8 de marzo, o 25 novembro… Mágoa que sexa flor dun día. No seu funcionamento diario as formacións políticas repiten patróns patriarcais. As súas convocatorias congresuais celébranse na fin de semana (tres exemplos nas últimas semanas -BNG, PSOE e PP- e outro esta vindeira -PSdeG-), as xuntanzas de organización a nivel local ou comarcal fanse pola noite ou tamén nas fins de semana e prolónganse durante horas o que dificulta a participación da muller nas mesmas… Cal é o problema de todo isto? As relacións públicas, a presenza, a participación na vida activa do partido é a base para o ascenso na carreira política. Se as mulleres non poden estar nin tan sequera optarán a un posto de responsabilidade pois haberá abondos homes para ocupalos pois eles (a corresponsabilidade no eido da parella continúa sendo unha excepción) si tiveron ocasión de acompañar ao líder do partido, de acudir a un xantar coas forzas vivas da vila… Tiveron ocasión, en fin, de ser visíbeis fronte a invisibilidade da muller baixo un teito de cristal similar ao existente no eido laboral que  tamén se reproduce nas formacións políticas.

Rachar esta dinámica non é doado. O aumento no número de mulleres na vida pública está condicionado á rutura do esquema de distribución de roles instaurado polo patriarcado e isto non será posíbel até que as políticas que se realicen manteñan un compromiso firme e decidido coa procura da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes. Para elo é preciso que haxa presenza de mulleres naqueles ámbitos nos que se  toman as decisións. Pero o verdadeiro reto está por vir e ogallá que non demore no tempo. Cómpre non só “feminizar la política”* senón “feministearla”**.

Suso López é feminista.

Notas:

* Expresión empregado por Antoni Gutiérrez-Rubi.

** Concepto que lle foi proposto a Antoni Gutiérrez-Rubi nun coloquio do I Congreso de Comunicación y Género celebrado esta semana en Sevilla como alternativa á expresión “feminizar la política”.

Un ano okupando a rede

Seica nunca tan ben vivimos as mulleres coma agora. E insisto no ‘seica’, porque iso é o que se nos di decote, e tamén o que cada vez máis tendemos a crer e interiorizar. Con todo, a falta de contextualización crítica desta afirmación trae canda si dous perigos inherentes. Dun lado, con frecuencia fainos caer no perigo de pensar, desde a inxenuidade, que o mundo só pode ir a mellor no que se refire á igualdade entre mulleres e homes. Mais isto é falso, e a realidade ben que porfía en amosar o contrario: a recente aprobación da Lei de familia en Galiza non é máis ca un exemplo, e tamén poderíamos pensar nos moitos dereitos das mulleres durante a II República (laborais, ao aborto, ao sufraxio, á educación, etc.) que de súpeto quedaron esnaquizados coa chegada ao poder da extrema dereita de Franco, nun ambiente previamente enrarecido e nun contexto definido pola crise económica e social. Do outro lado, tamén é habitual que tal afirmación nos faga caer no perigo da autocompracencia total e da desmobilización respecto a unha causa, a da igualdade, na que supostamente xa está todo conseguido. Mais isto é, de novo, falso, e o día a día insiste en darnos evidencias da fonda discriminación contra as mulleres que existe aínda na nosa sociedade e no mundo enteiro: xunto ás formas máis explícitas de discriminación (desigualdade salarial, agresións sexuais, teito de cristal, atrancos para as mulleres podermos decidir sobre o noso corpo e sexualidade, feminicidios, asasinatos de noivas e esposas, e outras formas de violencia física), gañan terreo outras formas de violencia simbólica, non por iso menos perniciosas pero si máis difíciles de identificar como tales (pensemos na imaxe cada vez máis denigrante das mulleres nos medios comunicación e na publicidade, na exclusión do feminino na linguaxe a través da que nos comunicamos e construímos a nosa visión do mundo, na tiranía da beleza malia ás nefastas consecuencias para a saúde que acarrea, e moitas outras).

 É neste panorama no que cómpre situar a importancia da comunicación para a causa da igualdade. Comunicar, para dar conta dos avances que se van producindo (porque habelos hailos), como revulsivo para ver que a loita feminista provoca resultados palpábeis que melloran a vida de mulleres e homes, converténdonos en seres máis libres que poidamos decidir sobre a nosa vida sen termos que cumprir as expectativas sociais que desde o nacemento nos atribúen de antemán determinados papeis dependendo de se somos macho ou femia. Comunicar, para denunciar con voz alta e clara as inxustizas que as mulleres sufrimos no cotiá para desenvolver unha vida plena e en igualdade, pondo énfase tamén no terreo simbólico no que se asentan as formas colectivas de pensamento. E comunicar, tamén, para compartir recursos conducentes ao empoderamento das mulleres, para acceder á información sobre campañas, guías, iniciativas e políticas de xénero das que mulleres e homes podemos tomar parte de forma activa.

É preciso, pois, okupar o espazo que nos corresponde (pero que con frecuencia se nos usurpa) en todas cantas plataformas de comunicación estean ao noso alcance. Por unha banda, reivindicando este espazo nos medios de comunicación xeneralistas, que deben cumprir coa súa responsabilidade de xénero e dar cabida a informacións e reflexións sobre a situación social de mulleres e homes mencionadas na sección que lles corresponde (economía, familia, política, internacional, tecnoloxía, saúde, etc.), para así contribuír a erradicar unha cosmovisión do mundo androcéntrica que toma ao home como medida de todas as cousas. Pero pola outra, e ao lado disto, resulta igualmente vital crear soportes específicos e especializados en igualdade, como xeito de corrixir as exclusións do pasado (e do presente) e outorgar visibilidade a unha temática constantemente silenciada na axenda informativa. Para isto último, habemos tirar proveito da democratización dos contidos que traen canda si as novas tecnoloxías da información e sacarlle o máximo partido ás oportunidades que nos ofrece Internet!

Velaquí a relevancia de proxectos como Ribadeo Muller, o blog do Centro de Información ás Mulleres de Ribadeo. Okupar un espazo na rede significa falar a lingua das xeracións máis novas de mozos e mozas, á vez que debe significar desenvolver iniciativas para favorecer a alfabetización tecnolóxicas das xeracións máis vellas; okupar a rede adoita implicar unha maior responsabilidade ambiental, por canto se reduce o consumo de papel e de masa arbórea; okupar a rede permite que os contidos sexan accesíbeis a persoas de calquera recanto do planeta, e favorece tamén que desde o noso propio recanto poidamos darlle voz ás experiencias e inquietudes de persoas alén dos mares.

Porque a loita pola igualdade é unha loita global, okupemos a rede! E desexémoslle mil veráns máis a iniciativas que, como Ribadeo Muller, continúan no seu encomiábel labor de favorecer a toma de conciencia de xénero komunikando informacións sobre avances feministas, sobre denuncias de comportamentos sexistas e sobre recursos para a igualdade. Para elas e eles. Para tod@s.

*Olga Castro, xornalista, tradutora, investigadora e feminista mariñá.