Arquivo por etiquetas: plan

O Concello de Ribadeo elabora un Plan de Igualdade entre Homes e Mulleres

A concellaría da Muller do Excmo. Concello de Ribadeo rematou xa a elaboración do I Plan de Igualdade entre Mulleres e Homes no Concello de Ribadeo. O texto será presentado ao público á volta do verán, no vindeiro mes de setembro.

Trátase dun documento – guía, un plan de traballo, centrado nunha realidade concreta, neste caso a de Ribadeo, que trata de incidir nun problema social como é a desigualdade entre mulleres e homes. A concelleira da Muller, Mariluz Álvarez Lastra, sinalou que para seguir traballando na loita por acadar un Ribadeo onde non existan as desigualdades entre mulleres e homes “é preciso incorporar a perspectiva de xénero ás políticas que se poñen en marcha dende o Concello. Para seguir traballando na liña trazada temos que deseñar as nosas actuacións de maneira máis planificada, meditada e tendo en conta as propias circunstancias ou especificidades do concello, de aí a elaboración deste Plan de Igualdade”.

O seu obxectivo é servir como marco de referencia para camiñar cara un futuro no que o sexo dunha persoa non predetermine cal é o seu papel social. No Plan de Igualdade recóllense medidas específicas en materia de emprego, saúde e calidade de vida, participación social, educación, cultura e deporte, conciliación da vida laboral ou persoal e máis violencia de xénero.

O documento xa se pode atopar íntegro no apartado de recursos deste blogue.