Arquivos mensuais: Xullo 2010

Xa está dispoñíbel no blogue a guia para mulleres inmigrantes “A información fainos máis libres””

Aproveitar a diversidade como elemento de enriquecemento e non de división. Con este obxectivo e baixo o título A información fainos máis libres nace a guía para mulleres inmigrantes editada pola Oficina de Inmigración e máis o Centro de Información ás Mulleres (CIM) do Concello de Ribadeo. Nela recóllese información útil para facilitar a súa integración ás mulleres que elixen a vila ribadense como lugar para emprender novos proxectos de vida. Na guía pódense atopar  cuestións relativas aos procesos de regularización administrativa, os dereitos cos que contan, as obrigas que lles afectarán, prestacións económicas que poden ser do seu interese así coma os recursos dos que dispoñen no Concello de Ribadeo.

A necesidade desta guía é evidente pois segundo os datos dos que se dispón: “a maioría das persoas que teñen a condición de inmigrantes son ademais mulleres, e na maioría das ocasións mulleres con cargas familiares no país de chegada ou no de orixe”.

Está redactada en diferentes idiomas, que son os que se utilizan nos países de procedencia das mulleres imigrantes.( galego, español, inglés, ruso, árabe e portugués que conxuntamente co galego pode ser de axuda para aquelas  persoas procedentes de Portugal ou das áreas lusófonas, por exemplo Brasil…).

Alén de estar dispoñíbel nas dependencias do CIM e máis da Oficina de Inmigración, no Auditorio Municipal Hernán Naval, primeiro andar, dende hoxe pódese atopar tamén no apartado de recursos deste blogue.



Campaña “Corazón Azul” contra a trata de seres humanos con fins de explotación sexual

O Ministerio de Igualdade e máis a Oficina das Nacións Unidas contra a Droga e os Delitos (UNODC) puxeron en marcha a campaña Corazón Azul para sensibilizar contra a trata de seres humanos con fins de explotación sexual. As embaixadoras desta campaña no Estado español son  as actrices Mira Sorvino e Belén Rueda e máis a escritora mexicana Lydia Cacho.

O vídeo da campaña xa se pode ver nas diferentes canles de televisión e agora tamén aquí, no blogue Ribadeo Muller.

O Concello de Ribadeo elabora un Plan de Igualdade entre Homes e Mulleres

A concellaría da Muller do Excmo. Concello de Ribadeo rematou xa a elaboración do I Plan de Igualdade entre Mulleres e Homes no Concello de Ribadeo. O texto será presentado ao público á volta do verán, no vindeiro mes de setembro.

Trátase dun documento – guía, un plan de traballo, centrado nunha realidade concreta, neste caso a de Ribadeo, que trata de incidir nun problema social como é a desigualdade entre mulleres e homes. A concelleira da Muller, Mariluz Álvarez Lastra, sinalou que para seguir traballando na loita por acadar un Ribadeo onde non existan as desigualdades entre mulleres e homes “é preciso incorporar a perspectiva de xénero ás políticas que se poñen en marcha dende o Concello. Para seguir traballando na liña trazada temos que deseñar as nosas actuacións de maneira máis planificada, meditada e tendo en conta as propias circunstancias ou especificidades do concello, de aí a elaboración deste Plan de Igualdade”.

O seu obxectivo é servir como marco de referencia para camiñar cara un futuro no que o sexo dunha persoa non predetermine cal é o seu papel social. No Plan de Igualdade recóllense medidas específicas en materia de emprego, saúde e calidade de vida, participación social, educación, cultura e deporte, conciliación da vida laboral ou persoal e máis violencia de xénero.

O documento xa se pode atopar íntegro no apartado de recursos deste blogue.


Ribadeo obtén o certificado EFR Municipio

A concelleira da Muller, Mari-Luz Álvarez Lastra, e máis a responsábel do Centro de Información ás Mulleres (CIM) de Ribadeo, Luísa González, recolleron onte xoves en Madrid o certificado EFR Municipio que a Fundación Más Familia entregou por vez primeiras a seis concellos de todo o Estado. Alén do documento outorgado a Ribadeo tamén lle foi concedido aos municipios de Calviá (nas Illes Balears), Granada, Palencia, Pozuelo de Alarcón e Salamanca, todos eles cun número maior de habitantes cá localidade ribadense.

O certificado EFR Municipio garante, logo dunha auditoría externa realizada pola empresa AENOR, o nivel máis alto de compromiso por parte do Concello de Ribadeo coa conciliación, a igualdade de oportunidades e máis a responsabilidade familiar. Á hora da súa concesión téñense en conta as accións dirixidas tanto á cidadanía como ás empresas ou ás empregadas e empregados municipais.

Na súa intervención durante a entrega de certificados, Mari-Luz Álvarez Lastra puxo a Ribadeo como exemplo dun Concello comprometido “de pleno coa igualdade de oportunidades entre mulleres e homes”. A titular de Muller, Cultura e Educación repasou as campañas postas en marcha a través do CIM así como a aposta decidida “por erradicar calquera comportamento, sexa cal sexa o ámbito do que se fale, que fomente a discriminación da muller ou que lexitime condutas machistas“.

A Fundación Más Familia destacou que  “certificado EFR Municipio evidencia unha mellora na calidade de vida da cidadanía e outorga ao concello que o recibe unha maior reputación como lugar tanto para vivir coma para traballar”.