Un futuro por compartir en igualdade

cartel VIII camp. igualdadeIgualdade 06

O Centro de Información ás Mulleres (CIM) de Ribadeo, coa colaboración dos centros educativos da vila (IES Dionisio Gamallo Fierros, IES Porta da Auga, Centro Integrado Porta da Auga, CEIP Gregorio Sanz e Colexio Sagrado Corazón de Xesús) e máis da Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX), puxo en marcha no ano 2005 a campaña de sensibilización e concienciación Un futuro por compartir en igualdade. Desenvólvese durante o primeiro trimestre do curso académico en cada un dos centros de ensino, prestando atención a todas as etapas educativas (infantil, primaria, secundaria e escola infantil).

O obxectivo prioritario desta campaña é fomentar un modelo de educación en igualdade, un instrumento indispensábel para acadar unha situación real e efectiva de equidade entre mulleres e homes en todos os ámbitos da vida. Unha educación non discriminatoria beneficia tanto a nenas e nenos coma aos homes e mulleres, superando, a través da construción de relacións máis igualitarias, a tradicional división de roles entre os sexos.

Algunhas das accións que se levaron a cabo nos últimos anos foron:

– Obradoiros de sensibilización en igualdade: ¿Cal é a imaxe que se dá da muller na publicidade?, ¿Cal é a imaxe social da muller?, ¿Como se reparten as tarefas no fogar?, ¿Existen profesións de mulleres e de homes?… Preguntas para a reflexión e para toma de conciencia de cara a unha sociedade máis igualitaria.

– Obradoiros de violencia de xénero: Teñen como obxectivo previr violencia de xénero e as relacións de poder asimétricas, favorecendo relacións de equidade como elemento necesario para o seu crecemento persoal e social.

– Obradoiros de sexualidade e afectividade.

– Concursos de debuxo, de poesia, de fotolog que versen sobre a a temática da campaña.


– Concerto de grupos ribadenses en contra da violencia de xénero.


– Concurso de guións cinematográficos centrados na loita contra a violencia machista: A elaboración dun guión cinematográfico supón unha ferramenta moi interesante para a adquisición de valores preventivos en materia de erradicación da violencia de xénero. Conta cun carácter didáctico evidente pois as alumnas e alumnos deben elaborar un produto que traslade unha mensaxe ao resto da comunidade educativa, fortalecendo as súas propias convicións e activando e promovendo valores e actitudes contra a violencia de xénero tanto en si mesmos coma no resto da comunidade educativa. Este potencial cretivo, cristalizado nunha curta que en poucos días estará dispoñíbel neste blogue, empregarase xunto co resto de material didáctico que se empregue no momento de abordar a prevención da violencia de xénero na aula.



cine igualdadeFumos facendo, ou tecendo ano tras ano como dirían as nosas avoas. Tecendo igualdade. Tecendo novas formas de descubrir a Igualdade. Fiando en novas convencións de traballar a igualdade. Enramando palabras, frases, construccións que deran forma a un guión. Cruzando novos terreos ou fronteiras descoñecidas para nós. Experimentando coas cámaras, coas expresións. Sorprendéndonos con compañeiras e compañeiros. Descubrindo outras facetas das profas e profes.

Esforzándonos, divertíndonos, para chegar a poder contemplar o resultado final, a nosa obra: curta. Unha curta feita por eles e elas, o alumnado, o profesorado, veciñas e veciños, e todas aquelas persoas que colaboran ano tras ano. E así imos confeccionando a nosa bilbioteca, polo de agora mini biblioteca de curtas pola igualdade. Curtas con temáticas diferentes, corresponsabilidade, violencia de xénero, roles e estereotipos… pero sempre coa procura de achegarmós á xente moza polos camiños da Igualdade de xénero.

As curtas podedes velas na rede:

Os tempos cambian as persoas tamén, marzo 2012 :


A Xenia do fútbol e a arte de Fabio, marzo 2011.

A princesa que quería ser muller, marzo 2010:

Tamén tivemos palestra- concerto con Mª Xosé Silvar ” Sés”no 2012, obradoiro con Pamela Palenciano que nos trouxo a súa exposición ” No sólo duelen los golpes” no 2011. No 2013 empredemos unha nova experiencia co I concurso de guións radiofónicos ” Radiando igualdade”.

Advertisements