Arquivos mensuais: Novembro 2012

Traballando polo día da non violencia machista!!

Deixamos o artigo que fixo a Concelleira de Igualdade para o semanario local ” La Comarca  del Eo”

Traballando polo día da non violencia machista!

As mulleres levamos  séculos padecendo desigualdade e discriminacións. Darlle a volta a esta situación leva tempo e require vontade política por parte das institucións que deben promover que a mensaxe da igualdade de xénero cale na sociedade.  Só nunha sociedade onde mulleres e homes sexan libres e poidan decidir o que queren facer coas súas vidas, a violencia desaparecerá ou será mínima. Para iso hai que comezar por mudar esquemas mentais,  en cousiñas  que poden parecer insignificantes pero que son decisivas. Por exemplo,  se crianzas queren xogar con monecas ou con coches, ou cos dous, ou co primeiro que atopen na rúa; se  queren vestir de rosa, azul, lila, negro… deixémolos elixir, sen importar que sexa nena ou neno e sen deixarnos influír polos prexuízos sociais. Vivimos nunha sociedade onde por ser muller tes máis dificultades para acceder ao mercado laboral en sectores masculinizados (construción, condutora de autobus…), ou onde incluso os salarios non son iguais para homes e mulleres tendo a mesma formación e exercendo o mesmo traballo durante as mesmas horas. Na actualidade, o salario das mulleres aínda segue a ser moito máis baixo que o dos homes (un 23% menos).

A forma máis brutal de exercer esa desigualdade é mediante o exercicio da violencia física, psicolóxica, económica, social que se chama violencia contra as mulleres, ou violencia machista. Dicimos contra ás mulleres porque o 95% das persoas que a sofren son mulleres.

Esta violencia cando se presenta cos seus efectos máis graves e devastadores  chega a rematar coas vidas desas mulleres. No Estado español desde 1999,   873 mulleres foron asasinadas.  No que levamos de ano 46, e na Galiza xa van 4 mulleres, o dobre que o ano pasado por estas datas

Non obstante,  estase a utilizar a crise para recortar en políticas de igualdade e de violencia de xénero. De feito o presuposto adicado polo goberno do Estado para ás políticas de violencia de xénero diminuíu nos tres últimos anos nun case 30%. Dos 30.362.000€  que había no 2011 pásase a ter un orzamento de 22.197.340€ para o ano 2013. E este tipo de decisión políticas están  a afectar ás mulleres que sufran ou poidan sufrir violencia nun futuro. E outras políticas, como a  supresión da cobertura social e  redución da paga nun 15% ás mulleres coidadoras, a exclusión das persoas inmigrantes sen permiso de residencia da cobertura sanitaria, o repago farmacéutico, a eliminación do servizo de teleasistencia …  deixan ás mulleres nunha situación de  maior vulnerabilidade.

E agora, por riba, vense de aprobar no Senado o proxecto de lei polo que se regulan taxas xudiciais que impedirán o aceso á xustiza das persoas máis desfavorecidas. Con este proxecto preténdense que quen interpoña unha  demanda nos xulgados por calquera causa pague unha taxa. Por exemplo, quen interpoña unha demanda de divorcio que ven derivada dun proceso de violencia de xénero, terá que pagar unha taxa que seguramente non poida asumir economicamente.

Todos os días deberan ser días contra a violencia de xénero, e non só o día 25 de novembro. Elixiuse o 25 de novembro para conmemorar o violento asasinato das irmáns Mirabal ( Patria, Minerva e María Teresa), tres activistas políticas asasinadas o 25 de novembro de 1960 en mans da policía secreta do ditador Rafael Trujillo na República Dominicana. Os seus cadáveres destrozados apareceron no fondo dun precipicio. Para o movemento popular e feminista da República Dominicana historicamente estas mulleres simbolizaron a loita e a resistencia. No ano 1999 a Organización das Nacións Unidas deulle carácter oficial a esta data.

As conmemoracións deben ser unha data que sirva para enfatizar que seguimos no día a día combatendo esta problemática que afecta a todas as mulleres do planeta, polo feito de ser mulleres. E tamén é unha oportunidade para renderlle homenaxe a Julia, Tina, Iria e Marisol, as catro mulleres galegas que este ano faleceron asasinadas a mans dos seus homes, noivos, ex – parellas das que tentaban separarse.

En Ribadeo levamos anos traballando por ese día da non violencia. Este mes de novembro da comezamos a VIII edición da campaña de sensibilización en igualdade nos centros educativos “Un futuro por compartir en igualdade”. E hai que seguir traballando na educación. Nos últimos anos, o 40% de agresores e vítimas son menores de trinta anos. Porque isto non é  “cousa do pasado”, senón do presente e o será do futuro senón incorporamos a igualdade entre mulleres e homes como elemento esencial á construción democrática. Non hai mellor antídoto para prever a violencia que a igualdade.

Mariluz Álvarez Lastra

Cocelleira de Igualdade en Ribadeo

A Mesa Interinstitucional de violencia de xénero do Concello de Ribadeo ve con preocupación o aumento de casos de violencia de xénero entre a mocidade e oponse á Lei de tasas xudiciais e ao anteproxecto de reforma do Código penal .

Como ven sendo habitual nos últimos anos a  Mesa Interinstitucional de violencia de xénero que se reúne trimestralmente e está integrada por representantes das FCSE, da Policía Municipal, do centro de saúde, dos centros educativos e do Concello  emitiu un comunciado con motivo do día 25 de novembro, día internacional contra a violencia de xénero.  Por si o queredes ler :

A Mesa  Interinstitucional de violencia de xénero do Concello de Ribadeo ve con preocupación o aumento de casos de violencia de xénero entre a mocidade e oponse á Lei de tasas xudiciais e ao anteproxecto de reforma do Código penal

 Desde a  Mesa  Interinstitucional de violencia de xénero do Concello de Ribadeo, que se reúne trimestralmente, faise  a seguinte valoración sobre a violencia de xénero existente no noso Concello:

Se o ano pasado valorábamos un estancamento no avance cara erradirar a violencia de xénero, agora a situación tórnase de extrema gravidade. Podemos falar claramente dun retroceso que se evidencia en tres eixos básicos:

  1. Con motivo do axuste presupostario que se están levando a cabo pola crise  as políticas dirixidas a paliar á  violencia de xénero sufren un retroceso importante. Os recortes están a afectar aos servizos públicos e iso está provocando unha saturación de traballo nas/os profesionais e a reducción ou eliminación de gran parte do presuposto en moitos programas.
  2. A nivel lexislativo as reformas auspiciadas e que se pretenden nos vindeiros meses  veñen a dificultar as posibilidades de acción das mulleres vítimas de violencia de xénero e  a impedir un maior entendemento e sensibilización social da violencia de xénero, que  é, manifestacións, efectos, etc. As taxas xudiciais  que entran este xoves en vigor agravarán a dominación do home sobre a muller mediante o control económico exercido sobre a mesma, deixando en mans do agresor o aceso a xustiza, tan demandando para as mulleres. Hai que ter en conta que non todas as mulleres que sofren violencia de xénero son beneficiarias de xustiza gratuita, (si de avogado de oficio), que son conceptos diferentes. Non obstante, un importantísimo porcentaxe delas son vítimas de violencia económica e carecen dos recursos que lle permitirán, no seu caso, ter acceso á Xustiza.  O anteproxecto de reforma do Código Penal impulsado polo Ministerio de Xustiza non inclúe o termo violencia de xénero. Ademais introduce a mediación como nova medida para condicionar a suspensión da execución da pena, unha cuestión que estaba vedada expresamente na Lei Orgánica 6/1985, do 1 de xullo do Poder Xudicial, tras a reforma introducida pola LO 1/2004 e o Convenio de Estambul do Consello de Europa asinado polo Estado español e pendente de ratificación. Debido ao desequilibrio de poder entre a vítima e agresor en casos de violencia de xénero, non cabe a mediación, cuxo principio básico é a igualdade entre as partes. O exercizo da mediación nesta casuística pon en risgo á vítima, ao tempo que minimiza a acción violenta do perpetrador. Por outra parte, a pesar de que a Lei de violencia de xénero vixente recolle expresamente que ninguna pena de prisión poda ser substituída por unha pena de multa, o anteproxecto de reforma do Código Penal contempla esta medida que vai aumentar a impresión xeralizada sobre a impunidade dos agresores e que ademais pode rematar recaendo sobre as propias vítimas en supostos de dependencia económica.
  3. Constátase unha relaxación na sociedade respecto á violencia de xénero. Os medios de comunicación volven a utilizar termos que están obsoletos e que se consideran contrarios ás boas prácticas, como por exemplo falar de crimen pasional, de ciumes sen nomear que é un caso de violencia de xénero e mesmo o tratamento deste tipo de delictos na páxina de sucesos.En relación con todo isto, vemos con preocupación o aumento de casos de violencia de xénero entre a mocidade.  Un tercio das mulleres que son vítimas de violencia de xénero son menores de 30 anos. O maltrato non se ciñe ás agresións físicas. Comezan a darse formas de violencia máis propias desta xeración, as que xurden co uso das novas tecnoloxías  que resultan aínda máis díficiles de detectar e distinguir. As redes sociais, os servizos de mensaxería utilizados nos teléfonos móviles, como o Whatsapp, entre outros instrumentos están facendo dano entre a xente moza, combinado con outras formas de violencia máis propias desta xeración como a que se exerce pola noite cos ciumes. Un alto porcentexe de xoves recoñece os ciumes como unha manifestación de  amor  no canto de calificalos como unha forma de control.

Son formas de violencia máis silenciosas pero que é importante que sexan recoñecidas para ser combatidas.

Hoxe traemos a memoria á activista estadounidense, abolicionista e figura destacada do movemento de mulleres, Elizabeth Cady Stanton .

Hoxe traemos a memoria á  activista estadounidense, abolicionista e figura destacada do movemento de mulleres, Elizabeth Cady Stanton (12 de novembro de 1815 – 26 de outubro de  1902). No 2015 cumpriránse dous decenios do seu nacemento, pero desde o Ribadeomuller queremos lembrar importante papel desta feminista estadounidense  que  dirixiu xunto a Susan Brownell Anthony, a loita polo  sufraxio feminino en Estados Unidos.

En 1848 Stanton e Lucretia Coffin Mott, a quen coñecera en 1840, organizaron a primeira asamblea en defensa dos dereitos das mulleres en Seneca Falls (New York). Para este congreso, Stanton redactou unha Declaración de Sentimentos, na que propuña  unha resolución que esixía o dereito ao voto para a muller. Foi neste congreso onde coñeceu a Susan B. Anthony.  A declaración de Séneca Fallas é  moitas veces  acreditada como o  inicio dos movementos organizados de dereitos das mulleres e do sufraxio feminino nos Estados Unidos.

 Desde 1868 até  1870,  Elizabeth Cady Staton e Susan B. Anthony publicaron o semanario Revolution, en New York, e en 1869 fundaron a Asociación Nacional para o  Sufraxio Feminino (que a partir de 1890 chamouse  Asociación Nacional para o Sufraxio das  Mulleres Estadounidenses), da cal Stanton foi presidenta até 1892. En 1888 colaborou na  fundación do Consello Internacional das Mulleres. Foi coautora, xunto con Anthony e Matilda Joslyn Gage, dos  tres primeiros volumes de Historia do sufraxio feminino, (6 volumes, 1881-1922).

 Destacamos os seguintes traballos realizados por Elizabeth C. S.  :

Libros

  • History of Woman Suffrage; Volúmenes 1–3 (escrito junto con Susan B. Anthony y Matilda Joslyn Gage); volúmenes 4–6 (completado por outros autor@s, incluíndo a Anthony, Gage, e a Ida Harper) (1881–1922)
  • Solitude of Self (orixinalmente presentado como un discurso en 1892; máis tarde publicado nunha edición de tapa dura por Paris Press)
  • The Woman’s Bible (1895, 1898)
  • Eighty Years & More: Reminiscences 1815–1897 (1898)

Selección de xornais e  revistas

  • Revolution (Stanton, coeditora) (1868–1870)
  • Lily (publicado por Amelia Bloomer; Stanton como contribuidora)
  • Una (publicado por Paulina Wright Davis; Stanton como contribuidora)
  • New York Tribune (publicado por Horace Greeley; Stanton como contribuidora

 Selección de ensaios e discursos

  • Declaration of Rights & Sentiments (1848)
  • A Petition for Universal Suffrage (1866)
  • Self-government the Best Means of Self-development (1884)
  • Solitude of Self (1892)
  • The Degradation of Disenfranchisement (1892)
  • Discursos: “Our Girls,” “Our Boys,” “Co-education,” “Marriage and Divorce,” “Prison Life,” e  “The Bible and Woman’s Rights,” “Temperence and Women’s Rights”.

Nesta páxina podemos atopar moito da súa obra:

http://ecssba.rutgers.edu/pubs/publications.html

A nosa suxerencia literaria para novembro é a novela Morgana en Esmelle de Begoña Caamaño

Xa avanzado o mes de novembro  temos pendente a suxerencia literaria para este  mes no que o frío arrecía e o sol agocháse cedo. Un bó plan pode ser, unhas castañas quentes e  un vaso de leite  ou copa de viño acompañados dunha novela que nos fala dos mitos, da Bretaña e  á vez nos trae á cabeza debates actuais.

Así, que para o mes de novembro leremos Morgana en Esmelle, a nova novela de Begoña Caamaño. A escritora e xornalista  fai unha relectura dos mitos en clave feminista, imaxinando a voz, os pensamentos e os sentimentos das personaxes ás que lle foron negadas a expresión e o protagonismo, ou que só foron retratadas dende o imaxinario do másculino. Logo do Ano Cunqueiro, Begoña Caamaño consegue propoñer unha ollada diferente sobre o mundo artúrico e a Terra de Miranda

Morgana en Esmelle é unha reflexión en torno á responsabilidade de asumir as consecuencias non desexadas de cada un dos nosos actos. Un debate sobre a necesidade de adoptar compromisos incómodos e implicarse nos momentos históricos. Baixo os parámetros da ficción narrativa  reflexiona sobre os límites do poder,  o poder que devén tiranía, sobre a asunción das consecuencias dos nosos actos, qué se entende por democracia, se queremos ser cidadáns ou simplemente deixarnos levar pola man…, sobre o modelo de sociedade que queremos ?

Caamaño revisa, deconstrue, trasngrede e actualiza os mitos da cultura clásica nunha novela que se caracteriza  pola combinación de distintos puntos de vista, tempos e estilos narrativos. É  un libro que te cautiva e enreda. Achégate á Bretaña e  a cultura clásica pero á vez provoca un impulso en comparar todo o que alí acontece coa díficil encrucillada na que nos atopamos neste mundo que camiña cara un acrescentamento das desigualdade sociais entre persoas, sexos e pobos.

Begoña Caamaño presentouse no seu día coa novela Circe ou o pracer azul .

Hoxe falamos con Mónica Justo, artista novel de Ribadeo que nos presenta estes días a súa primeira exposición

No mes de xuño iniciábamos o noso serial de entrevistas  para facer máis lexibel a información e achegarvos ás iniciativas e as persoas que están tras elas.  Desta volta, imos falar cunha xoven creadora, para que nos conte cómo descubriu a súa inquedanza artítisca.

Falando con Mónica Justo, artista novel de Ribadeo que  nos presenta estes días a súa primeira exposición.

Artista novel de Ribadeo que pronto comeza a interesarse polas artes plásticas. Cursa os seus estudos na escola de artes Ramón Falcón de Lugo e actualmente dirixe a súa inquietude artística cara o campo da pintura. Ven de inaugurar a súa primeira exposición cunha excelente acollida.

A qué anos descubres que realmente o que che gusta é pintar e que ademais o fas ben? A miña adicación dunha  maneira máis seria e constante no campo da pintura chegou fai uns dous ou tres anos e de xeito bastante espontáneo. Non é que un día decidira: “vou pintar” senón que  desde sempre  gustábame facer bocetos, debuxiños… e cada vez foi máis forte a necesidade de expresarme de maneira artística. A partir deso, coa experimentación como medio, probando con diferentes materiais e  técnicas  vas atopando o teu camiño, avanzando aos  poucos. Penso que é algo que che sae de dentro, e que se o desfrutas, vives con paixón, como é o meu caso, e con tesón e constancia, é moi gratificante porque deseguida vas vendo resultados e iso  da forzas para continuar.

 A  túa formación académica centrouse desde o primeiro momento no eido artístico estudando na Escola de Artes Ramón Falcón de Lugo. Foi unha decisión que tiñas clara ou foi  froito da casualidade e das túas habilidades artísticas?

Recordo xa de pequena que tanto na escola como na casa dicían que debuxaba moi ben e destacaba sempre nas tarefas artísticas,  polo que chegado o momento de decidir cara onde quería dirixir o meu futuro, optei pola única opción que realmente me interesaba. Non tiña claras todavía as disciplinas a escoller, nin sequera cales eran  esas alternativas,  tan só sabía que eu quería facer algo que fora creativo. Axudoume que meu irmán maior xa levaba un tempo estudando na Escola de Artes Aplicadas de Lugo, e eu, que vía os seus traballos e escoitaba a súa experiencia sentín que ese podía ser o meu lugar.Aí foi onde aprendín  a base que precisas para entender e aproximarte a arte, aínda que finalmente optei por especializarme en deseño de interiores.

 Polo que puidemos contemplar nas obras expostas, as túas obras son intimistas,  coloridas e que retratan un pouco o teu entorno. Cómo te definirías a nível artístico, tes influenzas dalgunha escola…?

 Nas miñas obras pinto aquelas cousas, persoas ou sentimentos que dunha ou outra maneira son importantes para min, que me producen algunha emoción e que quero compartir, e a partir desto a escolla en canto á técnica material ou estilística ven dada por  esa idea que queres transmitir e cómo ti a entendes. Para isto utilizo moito a cor como elemento de expresión porque  é un medio que aporta moiza forza visual e permíteme transmitir moitas cousas xogando cos contrastes.

Non definiría a miña obra dentro dunha corrente artística específica xa que aínda estou nos meus comezos, nunha fase de experimentación na que teño moito que aprender, moitas ideas que desenvolver e  técnicas por manexar e mellorar  na búsqueda da miña propia identidade.

Ao igual que noutros ámbitos, o primeiro que nos veñen a cabeza son nomes de pintores, aínda que na Mariña hai que subliñar que temos o caso excepcional da viveirense Marauxa Mallo.  Pensas que no mundo artístico en xeral,  e no da pintura as mulleres e homes teñen as mesmas posibilidades ou oportunidades  a hora de difundir unha obra, de ser valorada…  ?

Creo que a arte neste aspecto si que é un reflexo da sociedade, e como tal, hoxe en día, como en case tódolos campos, segue a existir certa invisivilidade da muller, ainda que se está a rescatar do olvido a grandes artistas que non tiveron a repercusión que se merecían no seu tempo. Ese é o caso, no noso entorno próximo, como dís, de Maruxa Mallo ou da lucense Julia Minguillón.

Aínda que tantos anos de imposición masculina no mundo artístico levará tempo recuperar, na mente colectiva comezan a soar os nomes das mulleres que en tódolos campos artísticos da actualidade están a destacar. No contexto social, penso, segue a existir unha brecha entre ambos sexos a hora de compaxinar os diversos ámbitos da vida e polo tanto sí que a muller ten dificultades engadidas para  desenvolver a súa carreira artística.

Grazas a plataforma Sonda norte estamos a descubrir non só aficcións das mozas e mozos ribadenses, senón creación, talentos  que se agochan tras o nordés que . Cómo  valoras esta iniciativa  de Sonda Norte da que ti formas parte?.

Como un grande acerto xa que Sonda Norte é unha iniciativa que pon en valor e promove  a creación local. Nesta zona estase a demostrar que son moitas as persoas que teñen unha grande inquietude artística en moi diferentes campos, e sempre é enriquecedor coñecer novas propostas. No meu caso deume ademais un impulso final para tomar a decisión de dar a coñecer a miña obra, xa que me sentín arroupada por un colectivo de persoas que valora a creación e o traballo.

Para que vos vaides deleitando deixámosvos unha foto dun dos cadros. E para ver o resto da exposición tedes que achegarvos á  sala Sonda Norte da Casa da Xuventude .  Os horarios son de luns a xoves, de 09.30h a 13.30h e de 16.00h a 20.00h. Os venres de 9.30 a 13.30 e os sábados de 12.00h a 14.00h.

Este xoves comenza o IV video-forum Mulleres no Mundo para achegarnos ás realidades dass mulleres noutras partes do mundo e para visibilizar o traballos das directoras de cinema.

Esta semán comezará a IV edición do video-forum Mulleres no Mundo, organizado pola asociación feminista máis dinámica da contorna, o Observatorio da Mariña pola Igualdade en colaboración coa UNED e Radiofoz. O obxectivo é achegarlle á cidadanía mariñá e galega, mediante o cinema, a realidade vital de mulleres moi diversas pertencentes a ámbitos sociais e culturais moitas veces afastados e distantes. Tamén se pretende destacar que a discriminación de xénero é unha cuestión universal, que afecta a todas as mulleres do mundo. Ademais con esta actividade, poñénse en  valor as contribucións das mulleres aos distintos eidos do saber, destacando neste caso o traballo das directoras de cinema. 

O video-forum  deste ano, a diferenza das anteriores edicións, non se centrará no cinema dun lugar xeográfico específico. Hai moita variedade, visionaranse películas realizadas en EE.UU, Líbano, Bosnia Herzegobina e Canadá e India. Como o ano pasado, repartiranse gratuítamente cafés e pastas entre as/os asistentes para axudar a crear un clima distendido no debate posterior ás proxeccións. 

O  Video-forum comezará o próximo xoves 8 de novembro, en horario de 19.00h a 21.00h, e se levará a cabo en catro xoves consecutivos do mes. O prazo de inscrición está xa aberto e poden anotarse todas as persoas que o desexen, estándose a tramitar créditos de libre configuración para as persoas participantes. Quén desexe inscribirse debe poñerse en contacto coa UNED de Foz no teléfono 982 133 699 ou ben escribindo ao correo foz@lugo.uned.es ou acudindo persoalmente as ualas da Universidade en Foz ( sitas na rúa  Castelao s/n )

Ao igual que todos os anos as sesións de Mulleres no Mundo estarán guiadas por persoas do  Observatorio e a metodoloxía consistirá en facer unha pequena presentación e contextualización do filme, realizar o visionado da película e, ao remate, iniciar o debate-reflexión guiado pola monitora. Os filmes deste ano son: 

  •  8 de novembro: Criadas y Señoras. Dirección de Tate Taylor. EE.UU.
  • 15 de novembro: En el camino. Dirección de Jasmila Zbanic. Bosnia Herzegobina.
  • 22 de novembro: Fuego. Dirección de Deepa Mehta. Canadá/India.
  • 29 de novembro: ¿Y ahora a dónde vamos?. Dirección de Nadine Labaki. Líbano.