A participación da muller na política, asignatura pendente

“No vamos a ser convidadas de piedra” Clara Campoamor, la mujer olvidada

“La mujer tiene el derecho a ser llevada al cadalso y del mismo modo el derecho a subir a la tribuna” Olympe de Gouges

Cando están a piques de cumprirse dez meses após da celebración dos comicios municipais do 22 de maio de 2011 este artigo realiza unha radiografía das 18 corporacións locais do Partido Xudicial de Mondoñedo para determinar de xeito cuantitativo cal é a presenza da muller na vida política municipal. Ao tempo, tomando como punto de partida estes datos, prantéxanse unha serie de hipóteses que pretenden deitar luz sobre as causas que provocan que a política na comarca da Mariña sexa aínda cousa de homes.

No conxunto dos 18 concellos que constitúen o Partido Xudicial de Mondoñedo resultaron eleitos 202 edís, 79 mulleres (39%) e 123 homes (61%), dun total de 59 candidaturas presentadas das cais tan só 11 ían encabezadas por mulleres. Ningunha delas acadou a alcaldía da súa localidade.

A análise individual de cada unha das corporacións locais esboza unha realidade que se repite, sen case excepcións, concello tras concello: o número de mulleres presentes nas mesmas é inferior ao dos homes. Na maior parte dos plenos a porcentaxe feminina nin tan sequera alcanza o desexábel 40% do total, cifra que nos colectivos en prol dunha maior participación da muller na política activa se considera relativamente próxima á igualdade malia que non se acepte máis cá como un mínimo a partir do cal seguir avanzando cara a plena equidade.

Tan só os municipios de Burela (8 mulleres e 5 homes) e Cervo (6 mulleres e 5 homes) constitúen unha excepción. No primeiro catro mulleres ocupan postos de responsabilidade no goberno local e unha lidera un dos partidos da oposición; no segundo outras catro mulleres forman parte do equipo de goberno e dúas encabezan o principal grupo opositor.

Cando acceden a postos de responsabilidade, que áreas son as que adoitan ocupar as mulleres? Sen seguir máis criterio científico cá observación do que acontece de xeito maioritario nos 18 concellos analizados, a muller continúa ocupando aquelas concellarías vencelladas ao coidado das persoas dependentes (Servizos Sociais e Sanidade), á educación das crianzas (Educación ou Mocidade), á preservación e á posta en valor do entorno (Medio Ambiente ou Turismo)… Todas elas áreas que se corresponden co ámbito “privado” da sociedade (o fogar, as fillas/os, as persoas maiores…) ao que foi relegada a muller por parte do patriarcado.

Mentres son homes os que reparten entre si aquelas responsabilidades de maior peso económico e político, e xa que logo maior visibilidade no espazo “público” da sociedade: Facenda, Economía, Persoal, Urbanismo, etc.

Que hai detrás desta invisibilidade da muller na política comarcal?

Teño escoitado a un número importante de políticos da comarca, homes todos eles pois son os que ocupan as máximas responsabilidades executivas nas formacións, dun lado e doutro do espectro ideolóxico, dicir que lles resulta complexo atopar mulleres para formar as candidaturas, que cando as atopan non queren ir diante, que piden sempre áreas que non teñan moita carga de traballo…

Parte das afirmacións anteriores son certas. Non é doado formar unha lista debido á erosión que sofre a práctica da política activa neste momento. O desencanto para coa “gobernanza do público” e para con quen a práctica é evidente: no último barómetro do CIS (Centro de Investigacións Sociolóxicas) de febreiro de 2011 un 19,4% da cidadanía situaba á clase política e aos partidos como o terceiro problema que existe arestora no Estado español. Pode que non sexa fácil, sobre todo en municipios pequenos, cumprir co que sinala a Lei Eleitoral co fin de acadar unha composición equilibrada das candidaturas, de xeito que no conxunto da mesma as candidatas/os de cada un dos sexos supoñan como mínimo o corenta por cento (da que están exentos aqueles municipios con 3.000 ou menos habitantes). E até pode que leven razón cando afirman que as mulleres que dan o si para formar parte dun proxecto político piden dirixir áreas de goberno sen moita responsabilidade.

O problema non é o grao de certeza das afirmacións anteriores. O alarmante é que son escasas as voces que piden atallar o problema de xeito radical, no sentido de abordar o que sucede dende o xermolo da cuestión.

A clave da infrarepresentación da muller na política está na concepción actual da práctica política e máis no carácter androcéntrico que presentan as estruturas dos propios partidos e formacións políticas.

O pleno do Concello de Foz no mes de febreiro durou cinco horas, rematando preto da unha da madrugada; en Ribadeo comezan ás oito do serán e a súa duración está próxima ou pasa sempre das dúas horas. Son só dous exemplos para ilustrar a situación que se procura analizar. Aos plenos hai que engadir a asistencia ás comisións de goberno e reunións ou a presenza nas actividades das áreas propias, boa parte delas concentradas nas fin de semana ou nos días festivos… Cun panorama así, como lograr un grao de conciliación que permita á muller participar na vida pública cando seguen sendo elas as que realizan de xeito maioritario as tarefas do fogar e as que se encargan do coidado das crianzas ou das persoas dependentes?

Algo semellante ocorre na estrutura e no funcionamento interno dos partidos. Tània Verge sinala no seu artigo “Mujer y partidos políticos en España: las estrategias de los partidos y su impacto institucional, 1978-2004” que as formacións políticas empregan “estrategias retóricas” tanto a nivel documental (programas marco ou resolucións congresuais) coma nas declaracións dos seus dirixentes en prol da importancia das mulleres á vida política.  Son habituais estas declaracións en días marcados en lila no calendario coma este 8 de marzo, o 25 novembro… Mágoa que sexa flor dun día. No seu funcionamento diario as formacións políticas repiten patróns patriarcais. As súas convocatorias congresuais celébranse na fin de semana (tres exemplos nas últimas semanas -BNG, PSOE e PP- e outro esta vindeira -PSdeG-), as xuntanzas de organización a nivel local ou comarcal fanse pola noite ou tamén nas fins de semana e prolónganse durante horas o que dificulta a participación da muller nas mesmas… Cal é o problema de todo isto? As relacións públicas, a presenza, a participación na vida activa do partido é a base para o ascenso na carreira política. Se as mulleres non poden estar nin tan sequera optarán a un posto de responsabilidade pois haberá abondos homes para ocupalos pois eles (a corresponsabilidade no eido da parella continúa sendo unha excepción) si tiveron ocasión de acompañar ao líder do partido, de acudir a un xantar coas forzas vivas da vila… Tiveron ocasión, en fin, de ser visíbeis fronte a invisibilidade da muller baixo un teito de cristal similar ao existente no eido laboral que  tamén se reproduce nas formacións políticas.

Rachar esta dinámica non é doado. O aumento no número de mulleres na vida pública está condicionado á rutura do esquema de distribución de roles instaurado polo patriarcado e isto non será posíbel até que as políticas que se realicen manteñan un compromiso firme e decidido coa procura da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes. Para elo é preciso que haxa presenza de mulleres naqueles ámbitos nos que se  toman as decisións. Pero o verdadeiro reto está por vir e ogallá que non demore no tempo. Cómpre non só “feminizar la política”* senón “feministearla”**.

Suso López é feminista.

Notas:

* Expresión empregado por Antoni Gutiérrez-Rubi.

** Concepto que lle foi proposto a Antoni Gutiérrez-Rubi nun coloquio do I Congreso de Comunicación y Género celebrado esta semana en Sevilla como alternativa á expresión “feminizar la política”.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s