Un ano okupando a rede

Seica nunca tan ben vivimos as mulleres coma agora. E insisto no ‘seica’, porque iso é o que se nos di decote, e tamén o que cada vez máis tendemos a crer e interiorizar. Con todo, a falta de contextualización crítica desta afirmación trae canda si dous perigos inherentes. Dun lado, con frecuencia fainos caer no perigo de pensar, desde a inxenuidade, que o mundo só pode ir a mellor no que se refire á igualdade entre mulleres e homes. Mais isto é falso, e a realidade ben que porfía en amosar o contrario: a recente aprobación da Lei de familia en Galiza non é máis ca un exemplo, e tamén poderíamos pensar nos moitos dereitos das mulleres durante a II República (laborais, ao aborto, ao sufraxio, á educación, etc.) que de súpeto quedaron esnaquizados coa chegada ao poder da extrema dereita de Franco, nun ambiente previamente enrarecido e nun contexto definido pola crise económica e social. Do outro lado, tamén é habitual que tal afirmación nos faga caer no perigo da autocompracencia total e da desmobilización respecto a unha causa, a da igualdade, na que supostamente xa está todo conseguido. Mais isto é, de novo, falso, e o día a día insiste en darnos evidencias da fonda discriminación contra as mulleres que existe aínda na nosa sociedade e no mundo enteiro: xunto ás formas máis explícitas de discriminación (desigualdade salarial, agresións sexuais, teito de cristal, atrancos para as mulleres podermos decidir sobre o noso corpo e sexualidade, feminicidios, asasinatos de noivas e esposas, e outras formas de violencia física), gañan terreo outras formas de violencia simbólica, non por iso menos perniciosas pero si máis difíciles de identificar como tales (pensemos na imaxe cada vez máis denigrante das mulleres nos medios comunicación e na publicidade, na exclusión do feminino na linguaxe a través da que nos comunicamos e construímos a nosa visión do mundo, na tiranía da beleza malia ás nefastas consecuencias para a saúde que acarrea, e moitas outras).

 É neste panorama no que cómpre situar a importancia da comunicación para a causa da igualdade. Comunicar, para dar conta dos avances que se van producindo (porque habelos hailos), como revulsivo para ver que a loita feminista provoca resultados palpábeis que melloran a vida de mulleres e homes, converténdonos en seres máis libres que poidamos decidir sobre a nosa vida sen termos que cumprir as expectativas sociais que desde o nacemento nos atribúen de antemán determinados papeis dependendo de se somos macho ou femia. Comunicar, para denunciar con voz alta e clara as inxustizas que as mulleres sufrimos no cotiá para desenvolver unha vida plena e en igualdade, pondo énfase tamén no terreo simbólico no que se asentan as formas colectivas de pensamento. E comunicar, tamén, para compartir recursos conducentes ao empoderamento das mulleres, para acceder á información sobre campañas, guías, iniciativas e políticas de xénero das que mulleres e homes podemos tomar parte de forma activa.

É preciso, pois, okupar o espazo que nos corresponde (pero que con frecuencia se nos usurpa) en todas cantas plataformas de comunicación estean ao noso alcance. Por unha banda, reivindicando este espazo nos medios de comunicación xeneralistas, que deben cumprir coa súa responsabilidade de xénero e dar cabida a informacións e reflexións sobre a situación social de mulleres e homes mencionadas na sección que lles corresponde (economía, familia, política, internacional, tecnoloxía, saúde, etc.), para así contribuír a erradicar unha cosmovisión do mundo androcéntrica que toma ao home como medida de todas as cousas. Pero pola outra, e ao lado disto, resulta igualmente vital crear soportes específicos e especializados en igualdade, como xeito de corrixir as exclusións do pasado (e do presente) e outorgar visibilidade a unha temática constantemente silenciada na axenda informativa. Para isto último, habemos tirar proveito da democratización dos contidos que traen canda si as novas tecnoloxías da información e sacarlle o máximo partido ás oportunidades que nos ofrece Internet!

Velaquí a relevancia de proxectos como Ribadeo Muller, o blog do Centro de Información ás Mulleres de Ribadeo. Okupar un espazo na rede significa falar a lingua das xeracións máis novas de mozos e mozas, á vez que debe significar desenvolver iniciativas para favorecer a alfabetización tecnolóxicas das xeracións máis vellas; okupar a rede adoita implicar unha maior responsabilidade ambiental, por canto se reduce o consumo de papel e de masa arbórea; okupar a rede permite que os contidos sexan accesíbeis a persoas de calquera recanto do planeta, e favorece tamén que desde o noso propio recanto poidamos darlle voz ás experiencias e inquietudes de persoas alén dos mares.

Porque a loita pola igualdade é unha loita global, okupemos a rede! E desexémoslle mil veráns máis a iniciativas que, como Ribadeo Muller, continúan no seu encomiábel labor de favorecer a toma de conciencia de xénero komunikando informacións sobre avances feministas, sobre denuncias de comportamentos sexistas e sobre recursos para a igualdade. Para elas e eles. Para tod@s.

*Olga Castro, xornalista, tradutora, investigadora e feminista mariñá.

Unha resposta a “Un ano okupando a rede

  1. Fantástica exposición crítica e boa aposta pola ‘okupación’ das mulleres en prol dos seus dereitos. Parabéns polo artigo e polo blog

Deixar un comentario