O salario das mulleres en Galicia mantense un 23,1% por debaixo do que perciben os homes o que en termos absolutos significa arredor de 4.700 euros menos cada ano. O 33,5% das mulleres perciben ingresos iguais ou menores có salario mínimo interprofesional mentres que no caso dos homes esta porcentaxe baixa até o 21,2%. Son datos que fai públicos un informe do sindicato UGT-Galicia co gallo do Día Internacional pola igualdade salarial que se celebra este martes 22 de febreiro.
O informe apunta tamén algunha das causas que provocan esta evidente desigualdade: as mulleres ocupan postos de menor valor engadido, con contratos precarios, cunha elevada taxa de temporalidade (no cuarto trimestre de 2010 chegaba ao 28,8% no caso feminino mentres que a porcentaxe de temporalidade masculina se situaba no 22%) e incluso a igual traballo mantense a diferenza salarial.
Á luz destes datos aparece de novo o teito de cristal. A muller só ocupa o 3,7% dos cargos de responsabilidade e tan só forma parte do 4,6% dos consellos de administración das 300 empresas máis importantes do Estado español.
As desigualdades no mercado laboral trasládanse ás contías das pensións. Malia que cada vez son máis as mulleres que se incorporan ao mercado de traballo só un 45% delas, no conxunto do Estado, conta cunha pensión mentres que a porcentaxe masculina chega ao 80%. En Galicia a contía das pensións que perciben as mulleres é, de media, un 26,1% inferior á dos homes.
O Centro de Información ás Mulleres (CIM) de Ribadeo chama ao esforzo conxunto, entre todos os axentes políticos e sociais así coma a sociedade civil, para reclamar e traballar en prol da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes en todos os eidos da vida e durante todos os días do ano.

