Desde o Centro de Información ás Mulleres de Ribadeo estáse a traballar con Sonda Norte nun proxecto coeducativo que rematará coa gravación dun LIPDUB.
Xa vén sendo habitual que desde o Centro de Información ás Mulleres de Ribadeo se promovan todo tipo de proxectos educativos coa mocidade alén das fronteiras do cotián. Aínda non ben rematada a gravación da curta produto do III Concurso de guións cinematográficos, o CIM embárcase noutro proxecto, desta vez en colaboración coas concellarías de Cultura e Mocidade e coa plataforma SONDA NORTE, que fai uns días presentou a súa identidade visual e a programación a desenvolver no 2012.
Esta actividade pretende ser un lugar de encontro entre as creadoras e creadores locais e a mocidade a través do desenvolvemento dun programa que vai desde a formación na composición de letras non sexistas ata a posta en escena e posterior gravación dun LIPDUB, unha especie de video musical gravado nun plano secuencia no que as persoas participantes cantan en playback . O proxecto recollerá tamén a convocatoria dun certame entre os grupos de Ribadeo para poñerlle música á letra resultante do proceso de formación así como o deseño dunha coreografía axeitada tanto á letra como á localización da gravación.
Os obxectivos principais desta proposta pasan por promover o emprego do galego nas letras das cancións, sensibilizar á mocidade sobre a igualdade de xénero e a importancia da súa transmisión no ámbito cultural así como por estimular fórmulas de participación e colaboración nas que o Concello de Ribadeo xa é un referente.
Manterémosvos informados/as ao longo dos vindeiros meses. E por suposta, estades a tempo de unirvos a iniciativa e participar.
Na xuntanza valorando o proxecto coa xente moza.
