A Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta de Galicia organiza este venres, 23 de setembro, no Museo Pedagóxico de Galicia, unha xornada contra a explotación sexual e a trata de persoas.
Trátase dunha sesión de traballo dirixida a profesionais que desenvolven a súa actividade nas áreas de igualdade e vencelladas á atención psicolóxica, legal e asistencial a mulleres, especialmente a colectivos de vítimas de trata obrigadas a ser prostituídas.
A inauguración da xornada contará coa presenza do conselleiro da Presidencia, Alfonso Rueda, e máis da secretaria xeral da Igualdade, Marta González. Durante a mesma presentarase o proxecto internacional ITINERIS, centrado na protección dos dereitos das persoas migrantes procedentes do Brasil á Unión Europea que son vítimas das redes de persoas e da explotación sexual.
Alén desta presentación, participarán na sesión a sociológa e investigadora da Universidade de Vigo, Silvia Pérez Freire cun relatorio sob o título “O actor prostituínte: o denominado cliente”; Carlos Bandín, experto en delitos de trata e tráfico de persoas, que abordará os delitos de trata e tráfico de persoas dende unha perspectiva policial; por último, estará presente tamén a actriz e directora Mabel Lozano que presentará a súa curtametraxe Escúchame.
