Arquivo por etiquetas: conciliación

Ribadeo obtén o certificado EFR Municipio

A concelleira da Muller, Mari-Luz Álvarez Lastra, e máis a responsábel do Centro de Información ás Mulleres (CIM) de Ribadeo, Luísa González, recolleron onte xoves en Madrid o certificado EFR Municipio que a Fundación Más Familia entregou por vez primeiras a seis concellos de todo o Estado. Alén do documento outorgado a Ribadeo tamén lle foi concedido aos municipios de Calviá (nas Illes Balears), Granada, Palencia, Pozuelo de Alarcón e Salamanca, todos eles cun número maior de habitantes cá localidade ribadense.

O certificado EFR Municipio garante, logo dunha auditoría externa realizada pola empresa AENOR, o nivel máis alto de compromiso por parte do Concello de Ribadeo coa conciliación, a igualdade de oportunidades e máis a responsabilidade familiar. Á hora da súa concesión téñense en conta as accións dirixidas tanto á cidadanía como ás empresas ou ás empregadas e empregados municipais.

Na súa intervención durante a entrega de certificados, Mari-Luz Álvarez Lastra puxo a Ribadeo como exemplo dun Concello comprometido “de pleno coa igualdade de oportunidades entre mulleres e homes”. A titular de Muller, Cultura e Educación repasou as campañas postas en marcha a través do CIM así como a aposta decidida “por erradicar calquera comportamento, sexa cal sexa o ámbito do que se fale, que fomente a discriminación da muller ou que lexitime condutas machistas“.

A Fundación Más Familia destacou que  ”certificado EFR Municipio evidencia unha mellora na calidade de vida da cidadanía e outorga ao concello que o recibe unha maior reputación como lugar tanto para vivir coma para traballar”.