Arquivo por etiquetas: compromiso

Multitude de actos conmemorativos en Ribadeo co galo do Día das Mulleres

Acércase o día 8 de marzo, o día internacional das mulleres, ese día no que aproveitamos para demandar esa igualdade real entre mulleres e homes  e lembrar ás mulleres que conseguiron que hoxe teñamos certos dereitos, como o dereito ao voto, á educación, etc. Queremos facernos eco de todos os actos que hai planificados esta semán  na nosa vila por parte doutras entidades con motivo do día internacional das mulleres.  Así que a estes actos tedes que engadirlle os propios da Concellería de Igualdade.

Comenza a semana  coa campaña feminista “Camiñando cara o 8 de marzo”, que ten previsto  unha mesa redonda arredor dos impactos que as actuais políticas de (re)-axuste estrutural están a ter sobre  as mulleres. A mesa redonda celebrárase o  martes 6 de marzo a partires das 20.00h,  na Casa do  Lavadoiro  en Ribadeo. Intervirán: Paz Ramil, Traballadora social do centro de saúde de Ribadeo, Loli Garcia, Plataforma en defensa da sanidade, Elena Samartino, Asamblea de mestras e mestres de Burela. Iniciárase o acto ás 19.30h nas catro rúas cunha lectura de poemas escritos por mulleres para ir camiñando hacia a Casa do Lavadoiro.

Esta campaña remata  coa mobilización do 11 de marzo  en Santiago de Compostela, onde as mulleres galegas sairán a rúa a reivindicar  dereitos.

O xoves, a Asoaciación Atalaia fará un acto na  honra das mulleres ribadenses no cemiterio municipal ás 16:15 h.  Alí leráse un poema de Eli García Bouso co título ” Cerra os teus puños “.

E o día 10 de marzo, ás 18.00h  na Escola de Rinlo o Observatorio da Mariña pola Igualdade organiza un acto de homenaxe  ás mariscadoras de Rinlo coa participación da escritora Adela Figueiroa, da ilustradora Celsa Sánchez e da música Pilocha. Ao final do acto compartiránse uns petiscos de confraternidade.

Ribadeo obtén o certificado EFR Municipio

A concelleira da Muller, Mari-Luz Álvarez Lastra, e máis a responsábel do Centro de Información ás Mulleres (CIM) de Ribadeo, Luísa González, recolleron onte xoves en Madrid o certificado EFR Municipio que a Fundación Más Familia entregou por vez primeiras a seis concellos de todo o Estado. Alén do documento outorgado a Ribadeo tamén lle foi concedido aos municipios de Calviá (nas Illes Balears), Granada, Palencia, Pozuelo de Alarcón e Salamanca, todos eles cun número maior de habitantes cá localidade ribadense.

O certificado EFR Municipio garante, logo dunha auditoría externa realizada pola empresa AENOR, o nivel máis alto de compromiso por parte do Concello de Ribadeo coa conciliación, a igualdade de oportunidades e máis a responsabilidade familiar. Á hora da súa concesión téñense en conta as accións dirixidas tanto á cidadanía como ás empresas ou ás empregadas e empregados municipais.

Na súa intervención durante a entrega de certificados, Mari-Luz Álvarez Lastra puxo a Ribadeo como exemplo dun Concello comprometido “de pleno coa igualdade de oportunidades entre mulleres e homes”. A titular de Muller, Cultura e Educación repasou as campañas postas en marcha a través do CIM así como a aposta decidida “por erradicar calquera comportamento, sexa cal sexa o ámbito do que se fale, que fomente a discriminación da muller ou que lexitime condutas machistas“.

A Fundación Más Familia destacou que  ”certificado EFR Municipio evidencia unha mellora na calidade de vida da cidadanía e outorga ao concello que o recibe unha maior reputación como lugar tanto para vivir coma para traballar”.